As políticas expansivas e o emprego

CC-BY-SA Xunta

O goberno español de quenda (PSOE/UP), a pesares das grandes dificultades e incertezas que ten que afrontar -pandemia da COVID 19, guerra un Ucraína- e que afectan tanto a demanda como a oferta globais, está sendo quen de poñer en evidencia como son as políticas públicas expansivas acompañadas de medidas laborais dirixidas na dirección dunha maior defensa e protagonismo das clases traballadoras (negociación colectiva, SMI, estabilizadores automáticos...) as que conseguen mellores resultados en materia de crecemento económico, emprego e benestar social. As evidencias son incontestables.

Son as políticas públicas expansivas acompañadas de medidas laborais dirixidas na dirección dunha maior defensa e protagonismo das clases traballadoras as que conseguen mellores resultados en crecemento económico, emprego e benestar social

Tomando como referencia a evolución dunha variable macroeconómico fundamental, o emprego, e utilizando os datos que nos subministra a EPA -a fonte estatística mais fiable- observamos o seguinte en materia de emprego. Pedro Sanchez accedería a presidencia do goberno de España a fronte dunha coalición (PSOE/UP) e grazas ao apoio das forzas progresistas (PNV, ERC, Compromis....) en xuño do 2018. Nese momento, e segundo a fonte citada (EPA), os datos do emprego a nivel de España eran os seguintes: 19.344.100 ocupados, 3.490.100 parados, unha taxa de ocupación do 58,8% e de paro do 15,28% -en Galicia eran 1.075.800 os ocupados, 175.000 os parados, e unhas taxas de ocupación e paro do 53,8% e 13,99% respectivamente-. Os últimos datos de que dispoñemos (2º trimestre 2022) a nivel español son de 20.468.000 os ocupados, 2.919.400 os parados, unha taxa de ocupación do 58,71% e de 12,48% de paro -a nivel galego 1.105.500 os ocupados, 139.000 os parados, e unhas taxas de o 53,2% e 11,20% en ocupación e desemprego-. As melloras son, xa que logo, indiscutibles tanto a nivel español -1.123.900 empregos mais e 570.700 parados menos (un desemprego que, practicamente, baixou tres puntos)- como a nivel galego -29.700 empregos mais e 36.000 parados menos (case tres puntos) co engadido, neste caso, de bater récords tanto en contratación indefinida como en redución da temporalidade.

Estes datos estatísticos permiten avanzar unha serie de conclusións. En primeiro lugar que as políticas públicas do goberno español de quenda (PSOE/UP), aínda que se poidan considerar como insuficientes e tímidas, camiñan na dirección correcta. Que en Galicia os resultados aínda poderían seren mellores se o goberno galego (PP) tamén tivera optado por políticas públicas expansivas en lugar de manter os dogmas da austeridade e as privatizacións e deixara a súa obsesión por poñer paus nas rodas ao goberno español. Finalmente, e en ámbolos dous casos, as aínda elevadas taxas de desemprego (12,48% e 11,20%: en Galicia terían sido maiores sen a válvula da emigración) confirman que queda moito por facer en materia de emprego (o desemprego medio na eurozona está no 6,6%, 6% na UE: a metade que en España e Galicia)

Unha tarefa que, outra ensinanza que se debera sacar destes resultados, é fundamentalmente política. Que o elevado desemprego que arrastran España e Galicia, ten causas políticas. Que como xa subliñamos nestas mesmas páxinas os baixos salarios, a escasa protección ao emprego e a grande facilidade para o despido (a pesares da última reforma laboral en España segue sendo moi fácil e barato despedir traballadores), o deficitario estado de benestar (con taxas de emprego públicos claramente por baixo da media europea), a escasa atención prestada a formación profesional e a aposta neoliberal pola debilidade sindical.... contribúen decisivamente a manter un grande diferencial de ocupación entre España e os estados mais avanzados da Unión Europea (73,8% de ocupación media: vinte puntos mais).

Vivimos tempos de grandes incertezas (pandemia, guerra, inflación, cambios na orde mundial...) que impiden, por caso, facer vaticinios sobre a marcha das grandes variables macroeconómicas (emprego, investimento, inflación, comercio....) pero, a pesar diso, é de xustiza subliñar que o goberno español da quenda (PSOE/UP) coas súas políticas públicas expansivas e con forte acento no social está contribuíndo claramente a mellorala situación das clases traballadoras de España e Galicia, por caso, en materia tan decisiva como o emprego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.