A primeira vez que pasei tempo con alguén do Sáhara foi cando S. chegou á nosa casa, con 9 anos. Foi a través dos ollos dunha nena que aprendín sobre os campamentos de El Aaiún, Smara, Auserd, Dajla e Bojador, situados na provincia de Tinduf, en Alxeria
A primeira vez que pasei tempo con alguén do Sáhara foi cando coñecín a S., unha das moitas outras nenas que cada verán viaxa á miña vila como parte do programa “Vacacións en Paz”, organizado pola SOGAPS, Solidaridad Galega co Pobo Saharauí e a CEAS, Coordinadora Estatal de Asociaciones Solidarias con el Sáhara. A motivación da CEAS é que nenos e nenas saharauís de 8 e 12 anos poidan pasar dous meses en diferentes lugares do estado, unha sorte de reparación simbólica e material que leva en marcha desde o ano 1979, cando cen crianzas viaxaron por primeira vez a territorio español, facilitando un intercambio entre nenos e familias desde os seus inicios. A primeira vez que pasei tempo con alguén do Sáhara foi cando S. chegou á nosa casa, con 9 anos. Foi a través dos ollos dunha nena que aprendín sobre os campamentos de El Aaiún, Smara, Auserd, Dajla e Bojador, situados na provincia de Tinduf, en Alxeria, os cales albergan a mais de cento cincuenta mil persoas. S. faloume da súa casa e as súas costumes, das súas irmás e as súas condicións de vida. Faloume, S., sobre a calor, sobre a música de Mariem Hassan, sobre a halufa e o haram. Despois aprendín sobre moitas outras cousas que ata ese momento descoñecía, e que S., claro, non mencionaba. Aprendín o que era un voo chárter e sobre como os Saharauís en Alxeria, lugar onde S. naceu e única terra que coñece materialmente como súa, non teñen cidadanía. Que a súa condición apátrida supón, como a condición de refuxiados de quen foxen das guerras, a pobreza e o xenocidio, unha incapacidade de mobilidade e aceso a servizos básicos, unha barreira legal e simbólica entre os dereitos humanos e a súa identidade. Con S. aprendín sobre o árabe hasaní, que é diferente ao árabe dariya que se fala en Marrocos, país que actualmente ocupa o territorio saharauí, e que S. menciona acotío nas nosas conversas. Aprendín do basto deserto, das dunas e os quilómetros de area e, cando lle preguntei a S. que lle parecía máis semellante entre Allariz e Tinduf, ela contestou “as piscinas”, e despois ensinoume unha foto dunha inundación, charcos enormes con nenos e nenas coma ela xogando dentro.
A historia do Sáhara, como a historia das nacións ocupadas, ten as súas orixes no desposuimento dun pobo sobre outro, no colonialismo expansionista das vellas potencias europeas. No ano 1958 e, baixo o réxime fascista de Francisco Franco, o Sáhara Occidental, cuxa poboación fora parte desde o ano 1884 do protectorado español, pasou a ser declarado unha provincia en territorio africano. Unha estratexia que trataba de eludir así os procesos de descolonización que acontecían no sur global desde a década dos sesenta, anexionando o territorio como propio, no canto de manter a condición colonial anterior. Así, a nación saharauí quedou supeditada a un estado totalitario e abertamente imperialista, pasou o Sáhara a ser a provincia número cincuenta e tres da España, o cal emporiso non comportaba a equiparación plena da poboación saharauí coa cidadanía española peninsular. Mais coa morte do ditador e a consecuente transición cara un sistema de partidos, o estado español perdeu a súa derradeira colonia fóra da península, dando paso a un proceso de non-emancipación no que o territorio foi repartido entre Marrocos e Mauritania despois dos Acordos de Madrid. Así, dos dezasete territorios que a Organización das Nacións Unidas aínda considera por ser descolonizados, o Sáhara Occidental e o único que carece dunha potencia administrativa definida, un caso singular de esquecemento e abandono histórico.
Este dez de setembro, con 168 votos a favor, 31 en contra e 145 abstencións, no parlamento español, aprobouse a Proposición de Lei sobre concesión de nacionalidade española ás persoas saharauís nacidas baixo a administración española, cun texto que abre unha vía para adquirir a nacionalidade española por carta de natureza para quen nacese no territorio do Sáhara Occidental antes do 29 de setembro de 1977, así como para os seus descendentes en primeiro grao
Con todo, algo extraordinario aconteceu, apenas cincuenta anos máis tarde. Este dez de setembro, con 168 votos a favor, 31 en contra e 145 abstencións, no parlamento español, aprobouse a Proposición de Lei sobre concesión de nacionalidade española ás persoas saharauís nacidas baixo a administración española, cun texto que abre unha vía para adquirir a nacionalidade española por carta de natureza para quen nacese no territorio do Sáhara Occidental antes do 29 de setembro de 1977, así como para os seus descendentes en primeiro grao. Unha lei que, malia ter que ser finalizada coa aprobación no senado, cambiaría a vida de milleiros de persoas, abrindo a posibilidade de adquisición dunha cidadanía para quen non se lles recoñece a patria, para as persoas ás que o estado español abandonou á súa sorte, que finalmente foi desgraza. Porén, esta medida non chega sen tempo. A loita pola Lei de concesión de nacionalidades aos saharauís nacidos baixo a administración española é unha loita fonda; unha loita que leva anos sendo pelexada, dentro e fóra da administración pública. Esta vitoria, este avance democrático que supón un paliativo para unha nación aínda por se determinar politicamente, xorde como unha reparación histórica, un exercicio de memoria para con quen noutro tempo se abandonou.
Malia que as persoas saharauís e a súa loita pola autodeterminación aínda semella lonxe, podemos agora celebrar os pasos que, desde o noso estado, se dan para avanzar cara un mundo máis xusto, máis compasivo cara o vulnerable, cara quen aínda sofre nas súas carnes os agravios históricos
Ora ben, cando no parlamento europeo se fala de reparacións, axiña agroman xefes de goberno de diferentes estados aludindo ao xeito no que eses mesmos estados “non están de acordo coas prácticas levadas a cabo en outro momento da historia”, ou como “nós non temos que pagar polo que fixeron os nosos antergos”. Daquela, a historia preséntase coma un continuo baleirado de responsabilidade, como se o que outros fixeron onte non repercutira nas nosas vidas a día de hoxe. Mais as reparacións serven, precisamente, para mendar ese baleiro, para tecer unha parte entre o pasado e o que vén. Traer ao noso presente a posibilidade de remendar aquilo que xa non se pode desfacer. As reparacións serven para por o foco no xeito en que, malia que os cidadáns españois (ou de calquera ex-potencia colonial como o Reino Unido, Portugal ou Francia) do 2026 non participaran activamente no proceso de colonización e espolio do continente africano, ou dos moitos territorios que sufriron e seguen as sufrir as consecuencias do colonialismo, nós si desfrutamos da bonanza que trouxo ese mesmo proceso. A riqueza que Europa acumulou foi unha riqueza moitas veces espoliada, creando un superávit económico que serviu para artellar un estado de benestar que agora tantos se esforzan por desfacer. As reparacións, por tanto, recoñecen o pasado como tal e, por iso mesmo, procuran paliar o que a día de hoxe segue a repercutir tanto ás persoas do país colonizado como ás do país colonizador.
As reparación son, para as persoas descendentes das atrocidades dos territorios colonizados, das persoas descendentes das persoas escravizadas, dos fillos e fillas cuxos antergos feneceron en xenocidios, unha ferramenta para a dignidade, unha obriga histórica. Malia que as persoas saharauís e a súa loita pola autodeterminación aínda semella lonxe, podemos agora celebrar os pasos que, desde o noso estado, se dan para avanzar cara un mundo máis xusto, máis compasivo cara o vulnerable, cara quen aínda sofre nas súas carnes os agravios históricos.