Unha festa en Ponteareas con actuacións infantís e musicais despide este sábado os 305 nenos e nenas saharauís que pasaron o verán en Galicia grazas ao programa Vacacións en Paz
Unha festa en Ponteareas con actuacións infantís e musicais despide este sábado os 305 nenos e nenas saharauís que pasaron o verán en Galicia grazas ao programa Vacacións en Paz. O encontro, que terá lugar ás seis da tarde na praza do Bugallal, está organizado por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). asociación que coordina o programa de acollemento en Galicia, que como en anos anteriores lles permitiu escapar durante o verán das altas temperaturas que se rexistran nos campamentos
A festa, gratuíta e aberta a todo o mundo, durará ata a medianoite e contará coas actuacións de Brais das Hortas con seu Consertasso na Horta, o clown Fran Rei e o dj Vin e a súa música infantil; e tamén haberá hinchables para o desfrute da rapazada que participa no programa, que ten entre 8 e 12 anos e que pode repetir a experiencia durante catro veráns.
A maior parte dos nenos e nenas que participaron nesta edición xa estiveran previamente en Galicia, aínda que preto de 80 si debutaban na experiencia, explica en conversa con Praza.gal Maite Isla, presidenta de SOGAPS, que destaca que "resultou todo moi ben".
Búscase "dar unha calorosa despedida" a estes nenos e nenas que a vindeira semana -entre os días 5 e 7 de setembro- iniciarán a viaxe de regreso á súa casa
Búscase "dar unha calorosa despedida" a estes nenos e nenas que a vindeira semana -entre os días 5 e 7 de setembro- iniciarán a viaxe de regreso á súa casa. Ademais, no evento haberá un posto solidario de comida e bebida co obxectivo de recadar diñeiro e enviar axuda humanitaria aos campamentos.
E é que nos avións que trasportarán a cativada ao Sahara, viaxará tamén unha comisión sanitaria galega formada por cinco profesionais do ámbito da saúde. Desde SOGAPS quérese aproveitar o espazo dispoñible nas bodegas dos avións para enviar o máximo material sanitario posible, de xeito que este equipo de voluntarios poida desenvolver o seu traballo nos campamentos.
Nos avións que trasportarán a cativada ao Sahara, viaxará tamén unha comisión sanitaria galega
A iniciativa conta co apoio do Goberno do Estado a través dunha disposición no BOE, da Xunta de Galicia, de Deputacións e de moitos concellos galegos. A colaboración do Goberno galego permite, por exemplo, que durante a súa estadía aquí, os nenos e nenas teñan acceso a unha revisión médica completa, ademais do tratamento con especialistas se é necesario. De feito, tres dos nenos participantes nesta edición de Vacacións en Paz permanecerán en Galicia aínda dous meses máis para someterse a senllas operacións cirúrxicas.
"Nos campamentos hai atención sanitaria, pero non pediátrica, polo que estas revisións sanitarias completas que reciben aquí os nenos e nenas son moi importantes. Os e as pediatras despois derívanos a especialistas, se é necesario, en función das doenzas que atoparan en cada caso", destacaba o pasado ano en entrevista con Praza.gal Covadonga Rodríguez, integrante de SOGAPS.
Maite Isla fai un chamamento á participación de novas familias que o vindeiro verán queiran acoller durante dous meses a algún dos nenos e nenas procedentes dos campos de refuxiados
Outro dos obxectivos do programa é, simplemente, manter nenos e nenas afastados por un par de meses das altas temperaturas, que no verán superan os 45 e mesmo os 50 graos nos campamentos de refuxiados nos que viven. Tamén que aprendan novas linguas ("Para eles o español é un sinal de identidade, porque foron unha provincia española e por iso constitúe un dos sinais de diferenciación ante os marroquís", salientaba tamén Covadonga Rodríguez) e vivan un verán diferente, de novas experiencias e cunha mellor alimentación que a que reciben nos campamentos, onde as froitas e verduras frescas son escasas.
Maite Isla fai un chamamento á participación de novas familias que o vindeiro verán queiran acoller durante dous meses a algún dos nenos e nenas procedentes dos campos de refuxiados. Todos os anos hai moitas familias que repiten (sobre todo cando tamén a cativada que estivo outros anos volve a Galicia), pero outras toman un descanso ou non poden acoller. Por iso sempre é necesario incorporar novos fogares. "A partir do 10 de setembro xa se poden poñer en contacto con nós chamando ao teléfono 986 26 26 37 ou escribindo a asociacionsogaps@yahoo.es", detalla Isla.
Vacacións en Paz non trata só de acollemento, senón que busca tamén "esixir dereitos, denunciar o esquecemento e defender a liberdade dun pobo que merece xustiza", como lembrou SOGAPS nunha concentración na Praza do Obradoiro
Con todo, o programa de Vacacións en Paz non trata só de acollemento, senón que busca tamén "esixir dereitos, denunciar o esquecemento e defender a liberdade dun pobo que merece xustiza", como lembrou SOGAPS nunha concentración que tivo lugar o pasado 19 de xullo na Praza do Obradoiro.
Nese acto púxose o foco na ocupación ilegal do país que dende hai medio século leva a cabo Marrocos, nun contexto internacional que semella cada vez máis desfavorable para o pobo saharauí, toda vez que o país ocupante recibe un apoio cada vez maior dos Estados Unidos, normalizando unha situación de ocupación do territorio, malia as claras resolucións da ONU, que esixen a descolonización do Sáhara.
Maite Isla subliña que a maioría da poboación española apoia esta solución para o Sáhara e rexeita a ocupación marroquí e destaca que "o do Sáhara non é un problema de solidariedade, é un problema político". A situación nos campamentos de refuxiados é "difícil", sinala a presidenta de SOGAPS, que salienta que estes reciben cada vez menos axuda humanitaria, cun gran prexuízo para as persoas que alí viven, cunha carencia cada vez maior de "produtos básicos", di.
SOGAPS reclama "que se respecte a resolución de Nacións Unidas e se celebre o esperado referendo de autodeterminación"
O pasado 27 de febreiro conmemorouse con dous actos en Galicia o 50 aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática. En novembro de 1975 os Acordos de Madrid constituíron unha Comisión Tripartita, formada por España, Marrocos e Mauritania (que tamén reclamaba parte do territorio) cunha vixencia prevista ata o 28 de febreiro de 1976 e cuxo obxectivo teórico era a convocatoria dun referendo de autodeterminación. Porén, ese referendo nunca se celebrou ante a ocupación militar do territorio por parte de Marrocos, cada vez máis consolidada ante a pasividade internacional.
SOGAPS reclama "que se respecte a resolución de Nacións Unidas e se celebre o esperado referendo de autodeterminación". "Ante a complexa situación internacional actual, marcada por conflitos, tensións xeopolíticas e retrocesos respecto ao dereito internacional, consideramos que é urxente e necesario poñer a vista sobre un conflito e un pobo que leva cincuenta anos esperando unha solución xusta", sinala a entidade que engade que A única vía posible e xusta para pór fin a este conflito e devolver ao pobo saharaui a súa soberanía".
O programa de Vacacións en Paz é para estes nenos e nenas unha vía temporal de escape dunha difícil situación vital á que a ocupación marroquí os condenou: a vida en campamentos de refuxiados e a carencia dun país no que se desenvolver. SOGAPS pide a colaboración de administracións e familias para a continuidade e crecemento dunha iniciativa "enriquecedora" e xusta. Tamén para outros programas nos que participa a entidade, como Madrasa, grazas a que mozos e mozas do Sáhara poden vir aquí a estudar o ensino secundario.