'Vacacións en paz' en Galicia para máis dun cento de nenas e nenos saharauís malia á convulsión política

Nenas e nenos saharauís, na viaxe para participaren no programa Vacacións en paz 2022 © Checho Fotografía / Concello de Ames

A pandemia paralizouno durante dous anos e a mudanza na postura do Goberno de España, asumindo de facto a postura marroquí a respecto do Sáhara Occidental, enrareceu aínda máis a situación. Pero malia á COVID e á convulsión política, o programa Vacacións en paz que permite que nenas e nenos saharauís pasen o verán lonxe dos campamentos de refuxiados en Tindouf (Alxeria) regresa no 2022 dando acollida con familias galegas a máis dun cento de crianzas. Concretamente, a 184.

O programa está impulsado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) coa República Árabe Saharauí Democrática (RASD) e, por extensión, coa Fronte Polisario. Pero tamén é un exemplo de colaboración institucional pouco frecuente noutros ámbitos: son máis de tres décadas de implicación dos sucesivos gobernos galegos e de concellos de signo político diverso e tamén do propio Estado.

Nenas e nenos saharauís e familias acolledoras, na viaxe para participaren no programa Vacacións en paz 2022 © Checho Fotografía / Concello de Ames

Máis de 7.000 nenas e nenos viaxaron a Galicia ao abeiro deste programa impulsado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí nas súas tres décadas de historia

Así volveu ficar reflectido nas últimas semanas cando, por exemplo, a Xunta aprobou unha achega de 100.000 euros para financiar o programa e a delegación do Goberno de España en Galicia recibiu a SOGAPS para comprometerse a "a axilizar os trámites necesarios para a chegada de nenos e nenas do Sáhara Occidental a Galicia". E así queda acreditado outra volta nestes días, cando diversos concellos que realizan achegas económicas e apoian o proxecto os están a recibir, algo que tamén fixo este 2 de agosto o propio Goberno galego a través da conselleira de Política Social, Fabiola García.

Segundo datos de SOGAPS citados pola Xunta, son máis de 7.000 as nenas e nenos que nas últimas tres décadas puideron ser acollidas en Galicia ao abeiro deste programa. A asociación vén explicando ano tras ano que os acollidos son "fillos e fillas dos saharauís que abandonaron os seus fogares ante a represión, invasión e ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do antigo Sáhara español en 1975", "nenas e nenos do exilio" que habitan durante o resto do ano en campos para persoas refuxiadas, "privados do máis elemental".

Nenas e nenos saharauís participantes no programa Vacacións en Paz e as súas familias acolledoras, recibidos pola Xunta este 2 de agosto de 2022 CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O programa Vacacións en paz pretende, por unha banda, seguir reivindicando os dereitos das crianzas e das súas familias a unha vida digna e os propios dereitos do pobo saharauí no seu conxunto. Mais tamén, dun xeito máis conxuntural, evitar que nenas e nenos teñan que estar nos campamentos nos meses de máis calor, cando é frecuente que en Tindouf se superen os 50 graos de temperatura.

Vacacións en paz volve contar, outra volta e tras o atranco da pandemia, coa colaboración de institucións públicas con gobernos de diferentes signos políticos

Alén de estaren coas familias acolledoras e de participaren en diferentes iniciativas formativas e de lecer, as nenas e nenos que participan no programa Vacacións en paz tamén teñen cuberta a asistencia sanitaria por parte do Servizo Galego de Saúde. Así, en vésperas da chegada a Consellería de Sanidade entregou a SOGAPS a documentación para que os 184 menores poidan acceder a "atención primaria, atención especializada e prestacións farmacéuticas".

Alén da recepción por parte da Xunta, á que acudiron tamén doce nenas e nenos e o delegado da Fronte Polisario en Galicia, Mohamed Mehdi Zerga, diversos concellos celebraron ou van celebrar actos semellantes. Así, por exemplo, este 1 de agosto o alcalde de Bueu, Félix Juncal, recibiu cinco nenas e nenos con cadansúas familias acolledoras e outros gobernos locais, como o de Ames, tamén teñen previstas recepcións coma estas para as vindeiras semanas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.