O pasado luns chegaron ao aeroporto vigués de Peinador os 305 nenos e nenas saharauís que forman parte este ano do programa Vacacións en Paz, mediante a que familias galegas os acollen durante dous meses. Falamos con Covadonga Rodríguez, de Sogaps, que dende hai catro anos vén participando na iniciativa
A pasada semana chegaron ao aeroporto vigués de Peinador os 305 nenos e nenas saharauís que forman parte este ano do programa Vacacións en Paz, mediante a que familias galegas os acollen durante dous meses. O obxectivo deste acollemento, organizado por SOGAPS (Solidaridade Galega co Pobo Saharaui), é que estes rapaces e rapazas entre 8 e 12 anos, que viven durante todo o ano en campamentos de refuxiados en territorio alxerino, poidan evitar as altas temperaturas que se viven alí nestas datas e reciban atención sanitaria.
A iniciativa conta co apoio do Goberno do Estado a través dunha disposición no BOE, da Xunta de Galicia, de Deputacións e de moitos concellos galegos. A colaboración do Goberno galego permite, por exemplo, que durante a súa estadía aquí, os nenos e nenas teñan acceso a unha revisión médica completa, ademais do tratamento con especialistas se é necesario.
O programa de Vacacións en Paz mantén a súa fortaleza nun nomento no que o pobo saharauí necesita máis apoio que nunca, nun contexto de progresivo esquecemento do conflito iniciado en 1975 coa invasión e ocupación do territorio por parte de Marrocos. Nos últimos anos, sucesivos reaxustes no taboleiro internacional veñen favorendo a Rabat -que conta co apoio dos Estados Unidos e de moitos países da UE- na súa política colonizadora no Sáhara, normalizando unha situación de ocupación do territorio, malia as claras resolucións da ONU, que esixen a descolonización do Sáhara.
Falamos sobre o acollemento temporal dos nenos e nenas saharauís con Covadonga Rodríguez, de Sogaps, que dende hai catro anos vén participando no programa de Vacacións en Paz.
Cales son as principais necesidades destes nenos e nenas? Que beneficios obteñen da súa estadía en Galicia?
Nos campamentos hai atención sanitaria, pero non pediátrica, polo que estas revisións sanitarias completas que reciben aquí os nenos e nenas son moi importantes. Os e as pediatras despois derívanos a especialistas, se é necesario, en función das doenzas que atoparan en cada caso. Este é un dos obxectivos principais de Vacacións en Paz, ademais de mantelos afastados das altas temperaturas, que estes últimos días superaron os 50 graos nos campamentos.

"Tamén é importante a alimentación variada e completa, que escapa da alimentación con produtos non perecedoiros, que é o que adoitan comer nos campamentos"
Tamén é importante a alimentación variada e completa, que escapa da alimentación con produtos non perecedoiros, que é o que adoitan comer nos campamentos. É moi importante que en Galicia se alimenten de carne, peixe, ovos, froita e verdura, que é algo ao que alí moitas veces non teñen acceso. E despois tamén é importante o contacto que teñen cunha cultura diferente, en todo: na maneira de divertirse no día a día, ir á praia, á piscina, aos parques, ir ás festas, ver como é a vida nas familias galegas...
Para as familias saharauís tamén é importante a aprendizaxe doutras linguas, especialmente do español, aínda que eles xa saben que aquí van aprender tamén o galego. Para eles o español é un sinal de identidade, porque foron unha provincia española e por iso constitúe un dos sinais de diferenciación ante os marroquís. Moitos dos seus pais e nais e sobre todo os avós e avoas, que aínda viviron no Sáhara Occidental, coñecen o español e para eles é un valor a conservar. Polo tanto esta viaxe para eles supón a descuberta dunha cultura da que senten que formaron parte nalgún momento.
Os rapaces e rapazas repiten? Ou para moitos é a primeira vez?
O programa está dirixido a nenos e nenas entre os 8 e os 12 anos. Teñen a posibilidade de repetir visita durante eses catro anos e, se é posible, sempre coa mesma familia. Vacacións en Paz tivo que parar por mor da pandemia e retomouse en 2022, polo tanto este ano está en Galicia a xeración de nenos e nenas que veñen por cuarto ano consecutivo dende entón. E despois hai nenos e nenas de primeiro ano, de segundo ano e de terceiro ano. Polo tanto, este ano hai moitos que repiten visita. E o mesmo pasa coas familias: 230 repiten a experiencia este ano, aínda que sempre hai algunhas novas.
"Nos primeiros momentos todo lles sorprende, sobre todo aos que chegan por primeira vez, que ademais falan só unhas poucas palabras de español. Eses primeiros días observan todo con moita atención, para ver o que facemos nós e repetilo despois"
Como chegan aquí? Cal é a súa primeira reacción, sobre todo para os que veñen por primeira vez?
Estes nenos e nenas realizan unha viaxe moi moi dura, de moitas horas. Parten dos seus campamento a media tarde, en autobuses ou camións, e viaxan ata o aeroporto de Tindouf, onde en ocasións teñen que agardar varias horas. O avión chega ao aeroporto de Vigo, e a dureza da viaxe nótaselles: algúns chegan cansos, outros moi nerviosos, con fame...
Nos primeiros momentos todo lles sorprende, sobre todo aos que chegan por primeira vez, que ademais falan só unhas poucas palabras de español. Todo é verde, hai auga nos baños, hai escaleiras -que é algo que no campamentos non teñen-, hai mesmo escaleiras mecánicas... E despois, o propio contacto coas familias de acollida, que son persoas que non coñecen, que lles falan nun idioma que descoñecen... Pero que teñen moitas atencións cara a eles e elas.
As nosas casas tamén son moi diferentes: alí non teñen camas, pois dormen no chan enriba dunhas colchonetas; teñen que afacerse en que a comida vai en pratos individuais e non nunha fonte única; alí tampouco teñen cubertos, senón que comen coas mans... Todo é novidade para eles, pero chegan con moita confianza no programa, que alí é moi valorado. Eses primeiros días observan todo con moita atención, para ver o que facemos nós e repetilo despois. Son esponxas; en cuestión de poucos días están chapurreando galego e castelán, comendo con cubertos, utilizando a ducha sen problemas.
Veñen para aprender e fano moi rapidamente. Isto non quita que nas primeiras horas haxa choros. Pero as súas familias biolóxicas axudan moito; chaman ás súas nais e elas apóianos moito para que estean ben aquí.
"É unha experiencia moi intensa. Nós aprendemos moito sobre eles, sobre o seu pobo e a súa cultura. E sobre os valores que teñen, comezando pola súa resistencia e a necesidade de loitar por unha causa xusta"
E para vós, para as familias, como é a experiencia? É moi dura a despedida, cando rematan os dous meses?
O acollemento de Vacacións en Paz é unha experiencia moi intensa. Nós aprendemos moito dos nenos e nenas, sobre o seu pobo e a súa cultura. E sobre os valores que teñen, comezando pola súa resistencia e a necesidade de loitar por unha causa xusta. Ao mesmo tempo, cando é o primeiro ano tes esa idea de que son uns nenos e nenas que hai que axudar. Pero dende Sogaps sempre tentamos transmitir que non son uns 'pobriños' que veñen de familias desestruturadas. Todo o contrario: eles veñen dunhas familias que os coidan moito e que os apoian. E iso fai que eles estean tamén desexando volver ao Sáhara, o que nos fai máis doada a despedida.
Porque eles marchan moi contentos e queren volver coas súas familias, contarlles o que fixeron aquí, ensinarlles algunha cousa que levan de volta. Cando chegan veñen cunha mochiliña moi pequena, coa comida para a viaxe, un agasallo para as familias de acollida e un papel, que é un tesouro para eles, co número de teléfono das súas familias. E cando marchan levan unha bolsa completa de todo o que usaron aquí no verán.
Na actualidade si que mantemos contacto todo o ano coas familias biolóxicas e con eles a través do whatsapp. Hai uns anos si que non había forma. A sensación coa que quedamos é que gañamos unha familia nova, unha familia que vive no Sáhara.
"Agora mesmo falta ese apoio claro do Estado español e tampouco a nivel internacional. Iso está a provocar na sociedade saharauí un desencanto e unha crecente desesperación, porque levan moitos anos resistindo e ven que cada vez o conflito pasa a ser máis esquecido e a situación non mellora"
O contexto político mudou nos últimos anos, e o pobo saharauí e a ocupación de Marrocos semellan cada vez máis esquecidos polos gobernos, comezando polo Estado español. Percibídelo vós ao falar coas súas familias?
Nós o que temos claro é que este é un conflito político e que estes nenos están aquí en Vacacións en Paz porque hai un problema político e que cando acollemos estamos tomando partido a prol dunha causa xusta, que é a causa do pobo saharauí, que leva 50 anos vivindo no exilio porque o seu país está ocupado, é un territorio ocupado.
O pobo saharauí conta coa complicidade do Estado español, pero ano tras ano estase vendo que esa complicidade se está perdendo. Hai apoio da sociedade civil, de distintos colectivos de diferentes territorios do Estado e das familias de acollida, pero agora mesmo falta ese apoio claro do Estado español e tampouco a nivel internacional.
Iso está a provocar na sociedade saharauí un desencanto e unha crecente desesperación, porque levan moitos anos resistindo e ven que cada vez o conflito pasa a ser máis esquecido e a situación non mellora. Ven tamén que non teñen o apoio que eles esperaban, sobre todo por parte do Estado español; consideran que as súas últimas decisións, en favor de Marrocos, constitúen unha traizón.
"Os nenos coñecen o conflito e saben que deberían estar vivindo no seu país e non o están facendo. Son coñecedores de que país é o causante da súa situación. Pero están sendo educados na esperanza e no optimismo de que nun futuro van conseguir recuperar o seu territorio e que se faga xustiza"
Os nenos e nenas son conscientes da situación?
No caso dos nenos, eles coñecen o conflito e saben que deberían estar vivindo no seu país e non o están facendo. Son coñecedores de que país é o causante da súa situación. Pero están sendo educados na esperanza e no optimismo de que nun futuro van conseguir recuperar o seu territorio e que se faga xustiza. Non sei cal é a situación da xuventude e do que opinan, porque sei que ese optimismo que teñen os nenos, os mozos xa non o teñen, e sofren ese desencanto e desesperación, porque son moitos anos xa, e que a situación mundial e o apoio internacional a Marrocos non axuda.
Estase a branquear a ocupación marroquí, publicitando mesmo resorts turísticos no territorio ocupado e todo mentres a poboación saharauí que segue vivindo alí está a ser torturada e vive en situacións moi precarias dentro do seu propio país.
Os nenos de Vacacións de Paz son tamén embaixadores da causa saharauí mentres están aquí. Estamos facendo actividades, como andainas solidarias en Ponteceso ou Rianxo, tamén recepcións en concellos. É unha iniciativa moi importante para dar a coñecer a súa situación.
"Sería interesante que haxa máis familias que se animen a participar desta experiencia, que é moi enriquecedora, na que estamos sendo solidarias cunha causa xusta e na que axudamos a que infancia que vive no exilio teña un respiro no tempo do verán"
Se houbese máis familias dispostas a acoller estes nenos e nenas o programa podería ampliarse?
Si, se houbese máis familias dispostas a acoller, o programa podería ampliarse. Galicia é un dos territorios que acolle máis nenos e nenas saharauís, creo que só por detrás de Andalucía, pero se houbese máis abriríanse máis posibilidades, a máis nenos e en períodos máis longos. O programa complicaríase, pero as asociacións de apoio estarían aí, para xestionalo. A realidade é que é un programa foi fermoso, pero moi complexo, porque ao final estamos falando de mobilidade internacional de menores. E, ademais, os visados e permisos deben ser xestionados primeiro polo Frente Polisario e tamén por Alxeria.
Sería interesante que haxa máis familias que se animen a participar desta experiencia, que é moi enriquecedora, na que estamos sendo solidarias cunha causa xusta e na que axudamos a que infancia que vive no exilio teña un respiro no tempo do verán. O importante é que o conflito saharauí se visibilice, porque é un conflito que está moi diluído polos medios.
Por iso, é interesante facer un chamamento en xeral para a solidariedade co Sáhara, para que máis persoas e institucións apoien estas e outras iniciativas. En Sogaps temos outros programas, como Madrasa, grazas a que mozos e mozas do Sáhara poden vir aquí a estudar o ensino secundario.