Dous actos en Galicia reclaman o dereito de autodeterminación do pobo saharauí no 50 aniversario da RASD

Mobilización polos dereitos do pobo saharauí durante unha edición do programa 'Vacacións en paz' CC-BY-SA SOGAPS

O 27 de febreiro de 1976, hai 50 anos, proclamouse a República Árabe Saharauí Democrática. Cidades de todo o Estado, entre elas Vigo, acollen este sábado concentracións para reclamar o dereito de autodeterminación do pobo saharauí

O 27 de febreiro de 1976, hai 50 anos, proclamouse a República Árabe Saharauí Democrática. España retirárase da súa colonia un día antes, debido á crecente inestabilidade incrementada pola Marcha Verde marroquí que buscaba a anexión do territorio e que deu inicio á guerra coa Fronte Polisaria. 

En novembro de 1975 os Acordos de Madrid constituíron unha Comisión Tripartita, formada por España, Marrocos e Mauritania (que tamén reclamaba parte do territorio) cunha vixencia prevista ata o 28 de febreiro de 1976 e cuxo obxectivo teórico era a convocatoria dun referendo de autodeterminación. Porén, ese referendo nunca se celebrou ante a ocupación militar do territorio por parte de Marrocos, cada vez máis consolidada ante a pasividade internacional. 

Cidades de todo o Estado acollen este sábado concentracións para reclamar o dereito de autodeterminación do pobo saharauí. Vigo acolle unha desas mobilizacións (ás 12 horas, diante do MARCO), convocada por Solidaridade Galega co Pobo saharauí (Sogaps).

Xuntanza no Concello de Santiago da Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na se aprobaron dous proxectos con motivo do 50º aniversario da República Árabe Saharauí Democrática © Fondo Galego

Solidaridade Galega co Pobo saharauí (Sogaps) reclama "que se respecte a resolución de Nacións Unidas e se celebre o esperado referendo de autodeterminación"

"Ante a complexa situación internacional actual, marcada por conflitos, tensións xeopolíticas e retrocesos respecto ao dereito internacional, consideramos que é urxente e necesario poñer a vista sobre un conflito e un pobo que leva cincuenta anos esperando unha solución xusta", sinala Sogaps.

Canda a CEAS, Coordinadora estatal de asociacións solidarias co Sáhara Occidental, Sogaps reclama "que se respecte a resolución de Nacións Unidas e se celebre o esperado referendo de autodeterminación". "A única vía posible e xusta para pór fin a este conflito e devolver ao pobo saharaui a súa soberanía", engade.

Haberá concentracións en cidades de todas as comunidades autónomas "para amosar o noso apoio ao Frente Polisario, representante lexítimo do pobo saharauí, e a todos os saharauís que viven divididos entre os campos de refuxiados de Tinduf, os territorios ocupados por Marrocos e o exilio", sinala a entidade. 

Este mesmo venres o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade denunciou a ocupación marroquí e defendeu o dereito á autodeterminación do Sáhara Occidental

Ademais, este mesmo venres, coincidindo co 50 aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade denunciou a ocupación marroquí e defendeu o dereito á autodeterminación do Sáhara Occidental. Fíxoo no marco da xuntanza da Comisión Executiva celebrada esta mañá no Concello de Santiago.

A concelleira compostelá e vogal do Fondo Galego, María Rozas, foi a anfitrioa do encontro, no que participaron o presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González; o tesoureiro e rexedor das Neves, José Manuel Alfonso; e mais os vogais Manuel Campos, alcalde de Cuntis, e Marga Figueroa, concelleira de Oleiros.

“Reclamamos que as institucións internacionais actúen contra a violación de dereitos humanos por parte de Marrocos nos territorios ocupados e que se celebre o referendo acordado no seu día”, concordaron os representantes municipais, pois “non podemos abandonar ao pobo saharauí”, sinala a entidade nun comunicado.

Xuntanza no Concello de Santiago da Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, este venres pola mañá © Fondo Galego

No marco do seu plan anual, o Fondo Galego colaborará coa Delegación da RASD en Galicia e coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí en dous proxectos sobre o terreo

O Fondo Galego xa emitira unha declaración institucional fronte a proposta de converter o Sáhara Occidental nunha rexión autónoma do reino alauíta, lembrando a responsabilidade do Estado Español na situación do pobo saharauí. A día de hoxe, máis de 170.000 persoas subsisten como refuxiadas nos campamentos de Tinduf (Alxeria), onde o Fondo Galego vén desenvolvendo distintas accións de axuda humanitaria. 

Ademais, no marco do seu plan anual, colaborará coa Delegación da RASD en Galicia e coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí en dous proxectos sobre o terreo, un para apoiar a celebración do Congreso da Unión Nacional de Mulleres Saharauís, contribuíndo ao empoderamento feminino, e outro para rehabilitar a sala dedicada á memoria histórica da muller saharauí no Museo da Resistencia, todo no contexto da conmemoración do vindeiro 8M.

Levaranse a cabo tamén proxectos de cooperación internacional en Cabo Verde, Mozambique, Guinea-Bissau ou São Tomé e Príncipe en materia de agricultura sostible, saneamento, finanzas locais ou dereitos da infancia

Do mesmo xeito, organizarase un ciclo de conversas para sensibilizar sobre a causa saharauí nos concellos galegos. A isto súmanse os proxectos de cooperación internacional que se desenvolverán en Cabo Verde, Mozambique, Guinea-Bissau ou São Tomé e Príncipe en materia de agricultura sostible, saneamento, finanzas locais, dereitos da infancia, etc.

O órgano de goberno da asociación municipalista, que se reuniu para revisar o plan de actividades do ano en curso, recibiu ademais a dúas persoas referentes do movemento do comercio xusto en Centroamérica.

 

O BNG esixe a celebración "dun referendo libre e democrático de autodeterminación, que permita ao pobo saharauí decidir o seu futuro"

De igual xeito, este venres a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego fixo chegar "un saúdo fraternal e todo o recoñecemento" ao pobo saharauí e á Fronte Polisario "como o seu lexítimo representante". O BNG sinala que cinco décadas despois daquel 27 de febreiro de 1976, "a causa saharauí segue a ser un símbolo vivo da loita dun pobo pola súa dignidade, a súa terra e a súa soberanía". "Para o BNG, a defensa do dereito de autodeterminación dos pobos é un principio irrenunciábel", engade a formación.

O Bloque esixe a celebración "dun referendo libre e democrático de autodeterminación, que permita ao pobo saharauí decidir o seu futuro". E condena "a ocupación ilegal marroquí e a represión sistemática contra a poboación saharauí e a vulneración continuada dos dereitos humanos nos territorios ocupados".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.