Basta xa, acabemos con esta farsa!

Barrié de la Maza, á esquerda, nunha entrega de premios na Coruña, xunto a Franco © NO-DO

O Boletín Oficial do Estado de 20 de novembro de 2026 publicaba a Resolución do Ministerio de Traballo que inicia os procedementos de revogación de Medallas ao Mérito no Traballo a oito persoas (catro afectan a Galiza) e unha entidade, vinculadas cos valores antidemocráticos da ditadura.

Enviei un escrito á Ministra de Traballo Yolanda Díaz en abril de 2024 coa petición de que se retirase a Pedro Barrié de la Maza a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, concedida na ditadura (12-11-1949); a Medalla de Prata, de primeira clase, ao Mérito no Traballo a José María González Llanos y Caruncho (15-10—1945); a Medalla ao Mérito no Traballo na súa categoría de Ouro a José Fariña Ferreiro polo Decreto 1995/1961 de 13 de outubro. Presentaba, daquela, esa petición en defensa da memoria democrática, dos valores democráticos e dos dereitos e liberdades fundamentais, como sinala a Lei 20/2022, de 19 de outubro de Memoria Democrática (LMD).

Considero que é unha boa noticia que 31meses despois o Ministerio de Traballo atenda esa petición. A Resolución actual engade a retirada da distinción da Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo a Juan Antonio Suanzes y Fernández, concedida na ditadura pola Orde de 16-7-1956.

Lembra esa Resolución que o artigo 42 da LMD establece mecanismos para a revisión de condecoracións e recompensas concedidas antes da entrada en vigor desta lei. O artigo 10.1.b do Real Decreto 153/2022, de 22 de febreiro, de Regulamento da Medalla e a Placa ao Mérito no Traballo, é de aplicación para a retirada das citadas medallas porque sinala que poderá ser revogada ”Cando quede acreditado que a persoa beneficiaria, antes ou despois da concesión, con motivo de formar parte do aparello de represión da ditadura franquista, realizase actos ou observado condutas manifestamente incompatibles cos valores democráticos e os principios reitores de protección dos dereitos humanos”.

Pedro Barrié de la Maza © Fundación Barrié

Pedro Barrié de la Maza

A Resolución sinala que o artigo 41.1.18 da LMD retira a Pedro Barrié de la Maza o título nobiliario de “Conde de Fenosa” por “supor unha exaltación da Guerra e a Ditadura, conforme ao disposto na exposición de motivos da norma”. Pedro Barrié “mantivo unha activa colaboración coas autoridades gobernantes tras o golpe de Estado de 1936 e co réxime franquista, mediante achegas económicas e materiais ao bando sublevado durante a Guerra Civil, a depuración de traballadores considerados afíns á República desde a súa posición como presidente do Banco Pastor, a súa participación salientable nas operacións dirixidas á entrega do Pazo de Meirás e da Casa Cornide a Francisco Franco e a súa contorna, así como o desempeño de cargos institucionais no réxime, entre eles o de procurador en Cortes entre 1946 e 1971. Estas circunstancias resultarían manifestamente incompatibles cos valores democráticos e os principios reitores de protección dos dereitos humanos”.

O concello da Coruña, sendo alcaldesa polo PSOE Inés Rey (vicepresidenta da Federación Española de Municipios e Provincias), encargou un informe ao Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, que preside a propia alcaldesa, sobre a retirada de rúas e distincións, e concluía sobre Pedro Barrié: “A Lei 52/2007, de 26 de decembro, é moi taxativa e determina que deben ser retirados os honores a persoas que, como neste caso, tiveron un papel destacado no apoio aos sublevados e na represión de traballadores da entidade que presidía polo que se lle deben retirar os honores concedidos: a substitución da denominación da avenida que leva seu nome, a retirada do título de Fillo Predilecto e tamén o seu retrato, que se exhibe na planta nobre da Casa Consistorial”. O PSOE non retirou estas distincións despois de case oito anos de goberno.

Na Deputación da Coruña, presidida desde 2015 por Valentín González Formoso (PSOE) Pedro Barrié conserva a Medalla de Ouro da provincia, concedida o 17 de maio de 1971. En Ferrol con alcaldía de Ángel Mato (PSOE) de 2019 a 2023, Pedro Barrié dá nome a unha rúa e é Fillo Adoptivo desde o 16 de xuño de 1967.

A actuación do PSOE é contraditoria. En Ares, alcaldía do PSOE, cambian o CEIP Conde de Fenosa por CEIP As Mirandas en 2016. En Corcubión o PSOE vota a favor da retirada da distinción de Fillo Adoptivo a Pedro Barrié. E en Sada o PSOE tamén vota a favor de cambiar o nome da avenida a Pedro Barrié de la Maza e retirarlle a distinción de Fillo Adoptivo.

José Fariña Ferreño

A citada Resolución recolle que recibe a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo polo “importantísimo labor desenvolvido durante a nosa ‘Guerra de Liberación’” ou o recoñecemento dunha “laboriosidade exemplar [...] sempre en liña de servizo e lealdade ao Réxime”. “Fariña mantivo unha activa colaboración coas forzas que protagonizaron o golpe de Estado de 1936 e desempeñou funcións relevantes na estrutura política e represiva do réxime franquista, destacando a súa condición de promotor e responsable da Delegación de Información de Residentes de Madrid (DIDREM), organismo dedicado á obtención e elaboración de información sobre persoas residentes en territorios controlados pola República que posteriormente foi utilizada con fins represivos polas autoridades sublevadas. Ademais, desde a súa condición de director xeneral do Banco de Crédito Local, participou en actuacións dirixidas a facilitar a adquisición e acondicionamento do Pazo de Meirás para a súa posterior entrega a Francisco Franco”.

O informe do Instituto José Cornide sinala: “A participación de José Fariña Ferreño de forma activa na represión de concidadáns a través dos servizos da DIDREM son motivos suficientes para que se aplique a actual Lei de Memoria Histórica, para que se elimine o seu nome da rúa da zona dos Castros, así como que se lle retiren as medallas de Prata e de Ouro concedidas no seu día polo Concello”. A asociación veciñal Iar do barrio do Castrillón da Coruña tamén reclamou a retirada da Rúa Fariña Ferreño, petición que non foi atendida polo goberno municipal do PSOE. Por outra parte, a Deputación da Coruña, presidencia do PSOE, mantén a Fariña a distinción de Fillo Predilecto da provincia, concedida o 27 de xuño de 1953.

 

Juan Antonio Suanzes y Fernández 

Suanzes, que foi un militar golpista, que pasaba á reserva en 1959 como Xeneral de División do Corpo de Enxeñeiros. Segundo a Resolución, “Suanzes desempeñou relevantes responsabilidades políticas e institucionais na estrutura do réxime franquista, participando activamente na súa implantación, consolidación e sostemento. En particular, ocupou os cargos de ministro de Industria e Comercio e presidente do Instituto Nacional de Industria (INI), sendo un dos principais impulsores da política económica e industrial do réxime, e foi así mesmo membro do Consello Nacional de Falanxe Española Tradicionalista e das JONS, órgano superior do partido único franquista, cargos que resultan manifestamente incompatibles cos valores democráticos e os principios reitores de protección dos dereitos humanos”. O artigo 41.1.20 da LMD retíralle ou título nobiliario de Marqués de Suanzes por supor “unha exaltación dá Guerra e a Ditadura”.

A falta de coherencia do PSOE é evidente. O concello de Málaga, alcaldía do PP, retiráballe o 29-11-2007, voto a favor do PSOE, a distinción de Fillo Adoptivo e Medalla de Málaga. Puertollano, alcaldía do PSOE, retiraba a Suanzes a Medalla de Prata e Brillantes o 29 de marzo de 2019 e desapareceu unha escultura en 1978 coa inscrición “Puertollano al Marqués de Suanzes”. O IES Marqués de Suanzes de Ferrol é IES Ferrolterra desde 2010, sendo alcalde Vicente Luis Irisarri (PSOE). As Pontes, alcaldía do PSOE, aprobaba en xullo de 2017 cambiar a súa rúa por “8 de Marzo”. Pero Ángel Mato, alcalde do PSOE de Ferrol, conservou a distinción de Fillo Predilecto para Suanzes, concedida o 12 de maio de 1952. Lugo, cando o PSOE tivo a alcaldía, mantivo tamén a Suanzes a Medalla de Ouro. 

Estatua de José María González-Llanos en Ferrol © Turismo Ferrol

José María González-Llanos y Caruncho

A Orde que concede a González-Llanos a Medalla de Prata, de primeira clase, ao Mérito no Traballo en 1945 ten estas referencias: “Enxeñeiro Director desde o ano 1929 do Consello Ordenador de Construcións Navais Militares de ´El Ferrol do Caudillo´, alegando ao efecto que devandito señor, con entusiasmo extraordinario e laboriosidade sen límites, impulsou empresas industriais de recoñecido interese nacional, moi especialmente durante a Guerra de Liberación, en que baixo a súa acertada dirección púidose poñer rapidamente en condicións de prestar servizo aos cruceiros Canarias e Baleares, así como outros numerosos barcos, tan indispensables naqueles momentos”, 

Sinala a Resolución do Ministerio de Traballo: “González-Llanos y Caruncho formou parte do aparello de represión da ditadura franquista e realizou actos manifestamente incompatibles cos valores democráticos e os principios reitores de protección dos dereitos humanos, prestando apoio activo ao bando sublevado durante a Guerra Civil mediante a súa participación voluntaria como oficial no cruceiro Canarias e o posterior desempeño de funcións directivas na Factoría Naval de Ferrol, de especial relevancia para o esforzo bélico franquista”. “Así mesmo, foi distinguido co grao de Contraalmirante honorario e exerceu como procurador nas Cortes franquistas durante o ano 1953, contribuíndo á consolidación institucional do réxime”.

Cando se produce a sublevación militar e fascista do 18 de xullo de 1936, González Llanos apoia o golpe de Estado. Esta é a súa “folla de servizos” en combate e na retagarda, sempre cos sublevados: “Ao comezar a Guerra Civil española, os estaleiros da Sociedade Española de Construción Naval (SECN), coñecida popularmente como La Construtora, froito da Lei Maura/Ferrándiz de 1908, foron incautados e continuaron as súas actividades, quedando o de Ferrol e a fábrica de artillería de La Carraca no bando nacional, e o de Cartaxena no republicano. En todos traballouse a fondo durante os tres anos de contenda nos que, alén de contribuír ao esforzo de guerra dos seus respectivos bandos, axudaron ao “recurso de persoal” para completar dotacións, debido á escaseza de especialistas. Por exemplo, o director da factoría de Ferrol, don José María González-Llanos, que naquel momento era capitán de corveta e enxeñeiro naval, embarcouse inicialmente como segundo (7 de agosto de 1936) e enseguida de terceiro do Canarias, levando con el bastantes operarios de diversos talleres de maquinaria, electricidade e artillería para completar a dotación do devandito cruceiro; desembarcou o 7 de novembro de 1936 en que, habilitado de Capitán de Navío, “volveu ao seu posto de Director da Factoría de Ferrol, incautada pola Marina o 3 de agosto de 1936” (José María Blanco Núñez, Capitán de Navío, Académico correspondente da Real Academia dá Historia).

O Canarias entra en servizo en setembro de 1936, sendo Francisco Bastarreche nomeado comandante o 13 de setembro de 1936. González Llanos participa co Canarias na batalla de Cabo Espartel, que afunde o destrutor da república Almirante Ferrándiz o 29 de setembro de 1936, quedando así libre o Estreito de Xibraltar para o paso do exército sublevado de África á península. 

Por esta participación no exército sublevado González-Llanos recibía a “Medalla de la Campaña (1936-1939)”, condecoración militar concedida entre 1938 e 1939, destinada a premiar tanto accións de vangarda (combate) como na retagarda. Recibía esa mesma distinción o ferrolán Gabriel Pita da Veiga y Sanz, almirante e ministro de Mariña na ditadura, que presenta a súa dimisión cando se legaliza o Partido Comunista. O pleno de 17 de abril de 1943, sendo alcalde Eduardo Ballester, concedía a González-Llanos a Medalla de Prata de Ferrol. Recibían tamén esa distinción José Ibáñez Martín, falanxista e ministro de Educación Nacional na ditadura e Alfonso Peña Boeuf, falanxista, membro do Consello Nacional de Falanxe e ministro de Obras Públicas.

O Pleno de Ferrol do 2 de marzo de 1981, dez días despois do intento de golpe de Estado do 23 de febreiro, acordaba cambiar o nome de 61 rúas relacionadas co franquismo, sendo alcalde Xaime Quintanilla Ulla (PSOE). Os nomes de militares golpistas e de franquistas desapareceron das rúas de Ferrol e a rúa González Llanos pasa a chamarse Circunvalación. Ademais, o Ministerio de Defensa (goberno de Pedro Sánchez) acordaba retirar a rúa González Llanos do Arsenal Militar de Ferrol, atendendo unha petición do concello de Ferrol.

O Pleno 31 de marzo de 2022 acordaba, sen ningún voto en contra (votos a favor de PSOE, Ferrol en Común, BNG e abstención do PP), retirar a distinción de Fillo Predilecto de Ferrol a José María González-Llanos y Caruncho, así como a estatua que ten no barrio de Esteiro. Pero José Manuel Rey, daquela portavoz do PP, presenta unha moción no Pleno de 9 de maio de 2022, que anula o aprobado no Pleno anterior e o PSOE súmase á proposta do PP.

A actitude do PSOE e PP é diferente noutros concellos:

Apoia retirar referencias e distincións ao cruceiro Canarias. Así, unha placa colocada en xuño de 2018, con aprobación unánime (PSOE, PP e CS) do concello de Mijas (Málaga), lembra a batalla de Cabo Espartel: “En memoría de la tripulación del destructor Almirante Ferrándiz, buque de la II República Española. Fue hundido el 29 de septiembre de 1936 por el crucero Canarias, sublevado contra el gobierno democrático. Murieron entre 98 y 102 tripulantes. Diecisiete supervivientes fueron fusilados en San Fernando (Cádiz) el 1 de enero de 1937”.

Unha das catro hélices do cruceiro Canarias foi entregada pola Armada á cidade de Santa Cruz de Tenerife en 1980 e colocada no interior do porto da cidade. En cumprimento da Lei de Memoria Histórica, a Autoridade Portuaria, dependente do goberno de Canarias (presidencia do PSOE) retiraba esa hélice o 17 de febreiro de 2022 porque era un vestixio franquista. No Cabildo de Tenerife conservábase unha métopa (escudo de armas) do cruceiro Canarias, que foi retirada en 2018.

Concellos con alcaldías de PSOE e PP retiran distincións a militares golpistas. Bastarreche e González Llanos participaron na sublevación fascista de 1936 e están, xa que logo, directamente afectados polo artigo 35.1 da Lei de Memoria Democrática. En aplicación desa lei, Francisco Bastarreche Díez de Bulnes, perde distincións en varios concellos: Alhama (Murcia), cambiaba o 27 de outubro de 2015 (alcaldía do PSOE) a avenida Almirante Bastarreche por avenida de Cartagena, e retiraba unha escultura que tiña en El Jardín de los Patos; Cartaxena (Murcia), cambiaba o 30 de marzo de 2017 (votos a favor de PSOE e IU) a praza Almirante Bastarreche por plaza Puertas de San José e tamén retiraron un busto de Bastarreche. Xábia (Alacante), cambiaba por acordo unánime do Pleno de 26 de xuño de 2014 (alcaldía do PP) o nome da praza Almirante Bastarreche por Presidente Adolfo Suárez.

Estamos ante unha clara contradición entre a Resolución do Ministerio de Traballo e as actuacións de institucións presididas polo PSOE, que impiden a eliminación destes elementos contrarios á memoria democrática, é dicir ilegais. Non pode haber unha Resolución do Ministerio de Traballo para retirar distincións a golpistas e franquistas e que, ao mesmo tempo, o partido do Presidente do Goberno, é dicir o PSOE, impida a aprobacións desa Resolución. Para evitar estas incoherencia cómpre que Pedro Sánchez, como secretario xeneral do partido, envíe unha circular a todo o PSOE lembrando que as leis están para cumprilas.

Acabemos con esta farsa!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.