No ámbito da xestión do patrimonio cultural galego, moitas son as veces nas que temos escoitado recorrentemente unha outra aplicación da metáfora da fiestra: a que denominaremos como a falacia da fiestra intocable
Debido á súa potencia metafórica, as fiestras son vellas coñecidas das ciencias sociais.
No ámbito da criminoloxía, a teoría das fiestras rotas (broken windows theory: a percepción social de abandono estimula a comisión de delitos) animou as prácticas policiais neoconservadoras de cidades como Nova Iorque. No ámbito da ciencia económica, Frédéric Bastiat bautizou nun artigo célebre de 1850 (“Ce qu´on voit et ce qu´on ne voit pas”) a denominada “falacia da fiestra rota” como exemplo dos custos de oportunidade.
No ámbito da xestión do patrimonio cultural galego, moitas son as veces nas que temos escoitado recorrentemente unha outra aplicación da metáfora da fiestra: a que denominaremos, combinando os precedentes anteriores, como a falacia da fiestra intocable.
Esta falacia consiste en considerar que, cando existe algunha carga de conservación do patrimonio cultural, o cambio dunha fiestra por parte do seu propietario/a convértese nun calvario burocrático
Esta falacia consiste en considerar que, cando existe algunha carga de conservación do patrimonio cultural (inmoble declarado BIC ou catalogado, ou ubicado nun contorno de protección dos anteriores), o cambio dunha fiestra por parte do seu propietario/a convértese nun calvario burocrático chantado sobre tres pés: prazos sine die de resolución, criterios desproporcionados e arbitrarios, custo económico oneroso.
Unha irracionalidade administrativa que pon en evidencia a necesidade de eliminar trámites autorizatorios aos propietarios para que estes poidan reformar as súas casas da maneira que estimen máis oportuna, a ser posible dentro dos cánones do denominado “fermosismo”
Pola súa reiteración, a falacia da fiestra intocable converteuse nun símbolo da irracionalidade da protección pública do patrimonio cultural. Unha irracionalidade administrativa que, ao recaer sobre obxectos tan banais, familiares e necesarios como unha fiestra, pon en evidencia a necesidade de eliminar trámites autorizatorios carentes de sentido. Remover controis absurdos á liberdade dos propietarios, para que estes poidan reformar as súas casas da maneira que estimen máis oportuna, a ser posible dentro dos cánones do denominado “fermosismo”.
Nos últimos 16 anos, os responsables culturais da Xunta de Galicia veñen invocando reiteradamente este tópico ideolóxico de raíz neoliberal como parte esencial do seu kit comunicativo.
O pasado 7 de decembro, nunha entrevista na Voz de Galicia, o actual director xeral de patrimonio cultural insistiu nesta idea como coartada para xustificar o enésimo intento de reducir as cargas legais de conservación do noso patrimonio cultural
O pasado 7 de decembro, nunha entrevista na Voz de Galicia, o actual director xeral de patrimonio cultural insistiu nesta idea como coartada para xustificar o enésimo intento de reducir as cargas legais de conservación do noso patrimonio cultural: o contido na reforma da Lei 5/2016 actualmente en tramitación no Parlamento galego.
Esta reforma foi xa obxecto dunha análise crítica por parte do Consello da Cultura Galega no seu Informe sobre o impacto do proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas do 20 de outubro do 2025 sobre a protección do patrimonio cultural, ao que nos remitimos integramente. Agora, gustaríanos insistir no carácter falaz (falso, ideolóxico) deste tópico da fiestra intocable, a través das seguintes teses:
1. Probar consistentemente que o cambio de fiestras, ou de canalóns, supón un número de expedientes significativo obrigaría a que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural coñecese ese número. Tal cousa non sucede na realidade. Non existen datos estatísticos públicos do número e natureza de expedientes de autorización, simplemente porque o xestor de expedientes da DXPC non permite sistematizar automaticamente tal información (ainda que sí se poda facer cun mínimo esforzo). Non hai avaliación ningunha, previa ou ex post, sobre as políticas de autorización de intervencións en bens do patrimonio cultural. Tal ausencia de datos non é casual: é a que permite soster mitos como o da fiestra intocable.
Non é certo que a protección patrimonial determinada pola Lei sexa desproporcionada. Todos os instrumentos protectores permiten graduar a protección e precisar o seu alcance concreto, en función dos valores culturais de cada ben. Cousa distinta é que, na aplicación destes instrumentos, os poderes públicos galegos teñan descoidado durante moitos anos a calidade das súas determinacións
2. Non é certo que a protección patrimonial determinada pola Lei sexa desproporcionada. Todos os instrumentos protectores (desde a declaración BIC, até a catalogación urbanística municipal, artigos 22 e 29 da Lei 5/2016) permiten graduar a protección e precisar o seu alcance concreto, en función dos valores culturais de cada ben.
Cousa distinta é que, na aplicación destes instrumentos, os poderes públicos galegos teñan descoidado flagrantemente durante moitos anos a calidade das súas determinacións, creando ámbitos protectores moi heteroxéneos e unha enorme discrecionalidade na apreciación dos valores culturais dos bens concretos.
Non é casual, por exemplo, que das 22 remisións a regulamentos que fai a Lei 5/2016, apenas se fixera unha (Decreto 93/2017). A día de hoxe, seguen sen existir criterios comúns que guíen a elaboración de informes por parte dos técnicos. Desvirtuouse por completo o papel asesor dos consellos territoriais de patrimonio cultural.
3. Non é certo que a reposición dunha fiestra, como obra de mantemento e conservación, precise en todo caso de autorización patrimonial. Dependerá de se o ben inmoble está protexido como BIC ou catalogado e do seu nivel de protección (integral, estrutural ou ambiental), ou se está simplemente localizado nun contorno de protección. Nestes casos, o artigo 45.2 da Lei 5/2016 (modificado pola Lei 5/2024) permite xa, sen autorización, pintar as carpintarías exteriores nas cores propias da área xeográfica, e reparalas, sempre que se manteña o material e a solución formal e construtiva existente. Isto é, se siga utilizando a madeira, ou aluminio, se as ventás existentes son dese material. Se se quere cambiar por outro, será necesario contar con autorización. Contodo, esta reforma non fixo baixar significativamente o número de expedientes autorizatorios, igual porque non eran tantas as fiestras intocables.
Hai outras opcións máis respectuosas coa Lei 5/2016: desde a mellora da calidade normativa até o robustecemento (cuantitativo e cualitativo) do persoal que se encarga de aplicar a lei. Por desgraza, estoutras opcións veñen sendo descartadas sistematicamente
4. En todo caso, a existencia dun número elevado de expedientes autorizatorios non implica que a solución idónea para a protección dos intereses públicos (no noso caso, a protección do patrimonio cultural galego) consista en reducir ese número de expedientes mediante a ampliación legal das intervencións exentas de autorización.
Hai outras opcións máis respectuosas coa Lei 5/2016: desde a mellora da calidade normativa arriba mencionada, até o robustecimento (cuantitativo e cualitativo) do persoal que se encarga de aplicar a lei.
Por desgraza, estoutras opcións veñen sendo descartadas sistematicamente. A cambio, e grazas ao uso de mitos populistas como o da fiestra intocable, síguese insistindo nunha política irresponsable de eliminar controis e cautelas patrimoniais, no mesmo sentido desenvolvimentista que se implantou como sentido común durante os anos sesenta do século XX.
O 2026 será o ano en que se poña en marcha unha nova fase desta política: remitir aos concellos (as administracións máis febles e vulnerables a presións) os procedementos autorizatorios sobre bens catalogados con protección ambiental e estrutural
O 2026 será o ano en que se poña en marcha unha nova fase desta política: remitir aos concellos (as administracións máis febles e vulnerables a presións) os procedementos autorizatorios sobre bens catalogados con protección ambiental e estrutural, sen ningún tipo de control ou revisión posterior pola DXPC.
Unha forma sofisticada de botar silenciosamente o patrimonio galego pola fiestra no momento en que se incrementan exponencialmente a presión social e os intereses económicos de construción e rehabilitación de vivenda.