A cotío, os sectores sociais e económicos máis conservadores, as administracións públicas, e con demasiada frecuencia tamén algúns sectores sociais “progresistas”, sementan confusión interesada cando alcuman de “pública” a unha entidade do mundo da dependencia e da discapacidade
A cotío, os sectores sociais e económicos máis conservadores, as administracións públicas, e con demasiada frecuencia tamén algúns sectores sociais “progresistas”, sementan confusión interesada cando alcuman de “pública” a unha entidade do mundo da dependencia e da discapacidade. Así, o novo CAPD (Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade) de Ourense, que xa está construído e seica vai abrirse en non moito tempo baixo un modelo de “xestión social”, afírmase que será un centro “público” porque a súa titularidade (propiedade do edificio) é da Xunta de Galicia. Unha situación similar ocorre en Ferrol co Complexo do Souto de Leixa (Residencia, Centro de Día, ...), de titularidade pública, que despois de ser xestionado durante 15 anos por, unha empresa privada con ánimo de lucro (CLECE) 1, agora, segundo declara a Xunta, seica vai pasar a ser xestionada por unha empresa de “xestión social” sen que por iso deixe de ser un centro “público” debido a que as súas instalacións son propiedade da Xunta de Galicia.
Estamos diante dunha operación de camuflaxe, de xogo da confusión porque, como os seus promotores saben perfectamente, a grande maioría da poboación prefire os centros públicos aos centros privados, polo que tratan de caracterizar como “públicos” os seus proxectos.
Para desenguedellar ese sarillo de confusión e ocultación, cando se fala das características e funcionamento dos centros dedicados aos coidados é imprescindíbel distinguir catro aspectos: o financiamento (quen pon o diñeiro que permite que funcione o centro), a titularidade (de quen é a propiedade das instalacións), a xestión (con que criterios e obxectivos funciona o centro) e a provisión do servizo (que tipo de persoal realiza a atención).
Cada un deses catro aspectos, nun centro no que se presten coidados ás persoas, pode ser caracterizado como de público ou de privado: a financiación pode ser pública ou privada, e o mesmo sucede coa titularidade, a xestión e a provisión.
Estamos diante dunha operación de camuflaxe, de xogo da confusión porque, como os seus promotores saben perfectamente, a grande maioría da poboación prefire os centros públicos aos centros privados, polo que tratan de caracterizar como “públicos” os seus proxectos
Destes catro aspectos, desde o punto de vista da calidade dos coidados, o máis importante é o da xestión, é dicir con que criterios e obxectivos funciona o centro. Un centro de xestión pública ten como obxectivo fundamental garantir o exercicio do DEREITO CIDADÁN, recoñecido no ordenamento xurídico, a uns coidados axeitados. Un centro de xestión privado con ánimo de lucro ten como obxectivo fundamental a OBTENCIÓN DE BENEFICIOS ECONÓMICOS. Pola súa banda, os centros privados sen ánimo de lucro, do denominado 3º Sector no sector da dependencia e discapacidade, non existen para garantir o exercicio de dereitos cidadáns, afirman descartar como obxectivo fundamental a obtención de beneficios económicos para os seus propietarios, e din que xestionan centros de coidados para que se atendan problemas que o estado ou o mercado non cobren adecuadamente, e argumentan que realizan a súa actividade por “MOTIVOS RELIXIOSOS”, de misericordia ou caridade ou por “MOTIVOS ÉTICOS”.
Existen organizacións privadas sen ánimo de lucro, como pode ser unha organización de nais/pais de nenos con discapacidade que, diante da apatía, indiferenza e falta de apoio da administración pública, deciden crear unha entidade para coidar ben aos seus fillos e xestionala eles; este tipo de organizacións merecen todo a nosa simpatía e apoio. Mais, na realidade, a participación das organizacións privadas sen ánimo de lucro, que practican a denominada “Xestión Social” de centros de coidados de dependencia/discapacidade, nada teñen que ver con esa situación.
Consideramos que a tentación de “converterse en empresarios”, que semella afectar fortemente aos directivos de organizacións como COGAMI, non debería ter cabida no mundo da Dependencia e a Discapacidade
Organizacións como “Cáritas” (con centenares de centros e case 6.000 traballadores), “Mensajeros por la paz” (>100 centros, e moitos máis de >1000 traballadores), a “Fundación San Rosendo” (73 centros, 2.272 traballadores en 2024), son importantes conglomerados empresariais con carteiras de negocios de moitos millóns de euros, que teñen pouco que ver coa imaxe idílica de pequenos e esforzados grupos de familiares que loitan polo benestar dos seus fillos. Outras “fundacións”, como a Fundación Valdegodos (6 centros, 662 prazas), FESAN-SERVISENIOR (498 prazas, e vai xestionar as “residencias de Amancio Ortega” de Santiago e Lugo, con 120 prazas cada unha) son tamén entramados empresariais importantes.
Ademais, no caso da dependencia e a discapacidade, practicamente todas as empresas de “xestión social”, dependen do diñeiro público para ser minimamente viábeis. Xestionan servizos que a Xunta ten obriga de prestar, e fano con diñeiro público. Nós consideramos que a tentación de “converterse en empresarios”, que semella afectar fortemente aos directivos de organizacións como COGAMI, non debería ter cabida no mundo da Dependencia e a Discapacidade e que, cando menos neste sector, a xestión do financiado con diñeiro público debe ser tamén pública.
A Plataforma Pro-CAPD de Ourense e ASGADeD defendemos uns centros de dependencia e discapacidade 100% públicos, é dicir que tanto a súa financiación como a súa titularidade, xestión e provisión sexan plenamente públicos
A Consellería de Política Social Xunta argumenta “insuficiencia de medios” para non facerse cargo da xestión directa, pública, de centros de coidados da súa titularidade para os que promove unha xestión privada sen ánimo de lucro, a chamada “Xestión Social”. O argumento dificilmente pode tomarse en serio cando quen é a propia Xunta quen vai aportar o financiamento que permitirá que eses centros funcionen, e a propia Consellería de Política Social xestiona directamente un bo número de centros de dependencia e discapacidade, nos que traballan bastante mais de 1.000 persoas de todos os grupos profesionais. Non é que non poda, o que pasa é que non quere.
Nós cremos que, cando menos, hai 3 MOTIVOS FUNDAMENTAIS que realmente explican O INTERESE DA XUNTA DE GALICIA POLA “XESTIÓN SOCIAL”:
- favorecer aos “amigos”: capacidade de contratación laboral, influencia social, clientelismo político, ...
- zafarse da responsabilidade que ten de dar unha correcta atención aos usuarios que precisan servizos de coidados de longa duración e, ao tempo
- aforrar cartos pois as condicións económicas das licitacións para as empresas “sen ánimo de lucro” que se prestan, é inferior ao que costaría a xestión directa, coas evidentes repercusións que iso ten na calidade dos coidados prestados.
A Plataforma Pro-CAPD de Ourense e ASGADeD defendemos uns centros de dependencia e discapacidade 100% públicos, é dicir que tanto a súa financiación como a súa titularidade, xestión e provisión sexan plenamente públicos.
Notas
1 Que fai unha empresa da construción xestionando un centro de discapacidade?.