Cando menos en dúas ocasións o PP comprometeuse en público a que o agardado centro de atención a persoas con discapacidade de Ourense (CAPD) fose "público e de xestión pública". Fíxoo en vésperas das eleccións galegas de 2016 nun documento asinado canda as demais forzas políticas e tamén a finais do pasado decembro no pleno da Deputación ourensá. En ambos casos, o compromiso respondía á intensa petición das familias agrupadas na plataforma proCAPD.
O PP asinou en dúas ocasións o compromiso de que o Centro de Atención á Discapacidade de Ourense tivese xestión pública directa
Pero ese centro, que tras múltiplos avatares -entre eles, unha paralización das obras por causa da empresa que recibiu a encomenda en 2020- está previsto que abra a vindeira primavera, non vai ter xestión pública directa. Así o decidiu a Xunta nos derradeiros días de 2024 e así o ratificou o PP a finais de xaneiro no Parlamento, onde segue xustificando a decisión. Agora, mantendo a través da Consellería de Política Social que unha entidade privada atende "mellor" a situación das persoas con discapacidade que utilizarán o CAPD que o persoal público.

O departamento que dirixe Fabiola García vén de responder unha das preguntas formuladas pola oposición a respecto deste cambio de postura. Trátase da formulada polas deputadas do PSdeG Silvia Longueira e Elena Espinosa, ante as que pon o foco en que o contrato para a xestión privada do CAPD ourensán está "reservado para entidades sociais sen ánimo de lucro" e, polo tanto, non será adxudicado a unha empresa.
A Xunta responde ao PSdeG que a "amplísima experiencia" das entidades sociais privadas "demostra que son a mellor maneira de dar resposta ás necesidades dos usuarios deste centro"
Afirma a Consellería nesa resposta que a decisión de contratar a xestión do centro a unha destas entidades foi tomada "porque a súa amplísima experiencia demostra que son a mellor maneira de dar resposta ás necesidades dos usuarios deste centro". O Goberno pon así a calidade asistencial desta fórmula de adxudicación privada por diante da que rexe catro dos cinco centros públicos de atención á discapacidade que tiña funcionando ata agora, os da Coruña, Sarria e Redondela, con xestión pública directa e persoal da propia Xunta atendéndoos.
O quinto, o de Ferrol, é o único con xestión privada. Tras quince anos axudicado á empresa Clece, do grupo ACS, durante os cales acumulou abondosas denuncias por múltiples eivas e incidentes -dende agresións ata persoal insuficiente e mal pagado, Política Social decidiu adxudicalo a unha entidade social, un proceso aínda en marcha e que vén de sufrir unha relevante demora a causa de erros da Xunta na convocatoria do concurso.

Como nas últimas semanas, Política Social enfatiza na devandita resposta ao PSdeG que o CAPD de Ourense vai ser "un centro público" con "110 prazas públicas" e con acceso "por lista pública" para servizos nos que rexerán as tarifas reguladas pola Administración. Ademais, asegura, as súas prestacións serán "e máxima calidade e cos mellores servizos".