Se cadra, esta data será recordada e estudada no devir coma o inicio do seu agónico final, e Ceuta, o berce do neofascismo. E é que as numerosas concentracións ao longo do estado, abandeiradas todas elas co estandarte da soberanía nacional, resultaron -para abraio de ninguén- o máis claro exemplo dunha fiestra de overton quebrada ao completo, pola cal entran xa só os asubíos e barullo da extrema dereita.
Espanto é a palabra que mellor define a sensación de moitos de nós, que ollamos este pasado dous de setembro unha situación sen precedentes en democracia. Se cadra, esta data será recordada e estudada no devir coma o inicio do seu agónico final, e Ceuta, o berce do neofascismo. E é que as numerosas concentracións ao longo do estado, abandeiradas todas elas co estandarte da soberanía nacional, resultaron -para abraio de ninguén- o máis claro exemplo dunha fiestra de overton quebrada ao completo, pola cal entran xa só os asubíos e barullo da extrema dereita.
Por primeira vez somos espectadores dunha sociedade volcada ao completo nas consignas do fascismo. Vermos os insultos, as ameazas a xornalistas, as consignas abertamente racistas, as agresións e os saúdos nazis, todos eles amparados por unha bandeira que é a hespañola, só deixa en claro que os valores deste estado nunca cambiaron. A barbarie de masas que non só aceptaron con pasividade cada un dos síntomas do fascismo, senón que mesmo formaron parte del, demostra a intelixencia destes movementos á hora de empregar as traxedias humanas coma arma de odio contra a democracia. Ás forzas policiais só lles faltou poñerlle olliños aos compoñentes de Núcleo Nacional. Están moi ocupados empurrando con valentía ás mestras na rúa e agredindo a puño a aqueles que leven a estelada. E por suposto, os medios de comunicación cubríndoo coma unha loita contra a "invasión". Namentres, un goberno que semella aínda non saber coma reaccionar.
E sí, hai unha verdadeira perda de soberanía, claro que a hai. No momento en que un estado emprega a persoas sen recursos coma unha ferramenta de presión, pérdese a soberanía. No momento no que un estado xenocida e outro intervencionista colaboran activamente por derrubar un goberno, tamén. Imaxinade agora se toda unha poboación responde aos intereses deses estados. Xa non estamos falando dunha perda de soberanía nacional, senón social.
Só cando consigamos liberarnos deste entroido de máscaras, quedará claro que é a propia morte a que danza tras as carautas dos estados e será evidente que o fascismo é a súa fouce. De non sermos veloces reaccionando contra a barbarie, ficaremos horrorizados cando a teñamos na man
Non é ningún segredo que a EEUU e Israel non lles agrada o goberno do estado. Non, pois é o único occidental quen de prantarlle cara ós intereses de Trump e á matanza de Netanyahu. Tampouco é segredo que os Estados Unidos entraron nunha nova doutrina Monroe de intervencionismo no estranxeiro, a fin de reverter o seu declive coma potencia hexemónica. É por todos sabido coma estes estados empregan as redes sociais -pertencentes a magnates e oligarcas afíns aos seus réximes- para a difusión de bulos que fomenten a súa internacional do odio e os seus intereses. E por suposto, son coñecidas as intencións de Marrocos no noroeste africano con tal de espallar o seu Lebensraum, mesmo nas colonias que aínda posúe España, aínda que iso supoña mandar á morte no mar a tantos compatriotas coma sexa necesario.
A extrema dereita está a favor de todo isto. Apoia o xenocidio en Gaza, respalda as políticas de Trump e sucumbe ante as doutrinas que difunde na rede. E, coma non, tamén está interesada na caída do goberno do estado, sendo unha crise migratoria a oportunidade perfecta para convocar á cidadanía na contra da presidencia e á vez, xustificar as súas ideas racistas baixo o paraugas de "prioridade nacional". Tampouco teñen escrúpulos con aqueles que morren no mediterráneo, e menos cos que sobreviven a el. Se EEUU, Israel, Marrocos e o fascismo hespañolista teñen intereses en común, non sería iluso pensar que non actúan en conxunto?
Só cando consigamos liberarnos deste entroido de máscaras, quedará claro que é a propia morte a que danza tras as carautas dos estados e será evidente que o fascismo é a súa fouce. De non sermos veloces reaccionando contra a barbarie, ficaremos horrorizados cando a teñamos na man.