Vanse despoxando de símbolos relixiosos, que son substituídos por consignas de mercado. Paseniño, ano após ano, imos creando un Nadal cada vez menos sustentábel
Van rematando as festas do final e comezo de ano, rituais ancestrais que foron cristianizados no seu momento e que agora, nun mundo en curso de laicización, aínda non encontraron unha formulación equilibrada. Vanse despoxando de símbolos relixiosos, que son substituídos por consignas de mercado. Quen aínda achen sentido a estas tradicións entrañábeis axiña retirarán os adornos, a árbore e os beléns; farano tamén aqueles que as perpetúan por mera imitación. E todo volverá á normalidade. Pero son moitas as críticas que lles choven a unhas celebracións natalicias desbordadas polos signos do noso tempo. E non sen razón. Por moitas razóns. A miña crítica é hoxe de índole ambiental. Paseniño, ano após ano, imos creando un Nadal cada vez menos sustentábel.
Vinte séculos despois, a racionalidade científica fíxonos abandonar o escrutinio dos fenómenos naturais para interpretar os aconteceres humanos, máis é dubidoso que, de persistirmos neste antigo costume, fose hoxe practicábel. Por un simple problema de contaminación lumínica
Os antigos eran xente proclive a ver na natureza signos susceptíbeis de interpretación. O relato evanxélico da infancia de Xesús, unha construción teolóxica elaborada para encher a ausencia de noticias sobre a vida oculta do mestre, bota man dun elemento común na época: unha estrela ─un cometa no noso imaxinario─ como anuncio e guía dun acontecemento importante. Nas longas noites do mes de decembro (para nós, xa que o relato non se ambienta en ningunha época do ano en particular) unha estrela anuncia un acontecemento relevante e guía uns importantes e anónimos personaxes para unha localidade da Xudea que os libros sagrados do pobo de Israel sinalaban como berce do Mesías. Toda unha declaración de intencións e un modesto escenario se o compararmos cos que hoxe montamos. Vinte séculos despois, a racionalidade científica fíxonos abandonar o escrutinio dos fenómenos naturais para interpretar os aconteceres humanos, máis é dubidoso que, de persistirmos neste antigo costume, fose hoxe practicábel. Por un simple problema de contaminación lumínica.
Cando o solsticio de inverno está próximo proliferan nas rúas das nosas vilas e lugares, cada vez con maior anticipación, uns diminutos dispositivos luminosos que adornan os espazos públicos e privados. Quizá nas cidades teña unha certa tradición. Xa no filme que Capra estreou e 1946, e as televisións repoñen cada Nadal, aparecen as rúas ornadas con lámpadas luminosas. Mais aquí, no noso país, que aldea ou lugar tiña hai trinta anos as súas xanelas adornadas con estes minúsculos puntos de luz? Hoxe, porén, concellos e lares compiten por acender a noite.
Movémonos en coordenadas absurdas: preocúpanos o cambio climático e vestimos a noite de día dilapidando inxentes cantidades de electricidade, énchesenos a boca de sustentabililidade e mercamos coches cada vez máis grandes e máis ávidos de enerxía, dicimos que nos preocupan as emisións de dióxido de carbono e nunca tanto viaxamos en avión
O concello de Vigo presume na súa web dos once millóns e medio de luciñas que alumean as súas rúas e prazas desde mediados de novembro. Atraídas por tanta luz, milleiros de avelaíñas acoden en masa; visitan, mercan, comen, gastan, e todo fica xustificado. Quen atraerá máis visitantes? Unha absurda carreira lumínica, que o planeta non pode soportar, enfronta as grandes cidades. Aínda que incrementase o seu gasto desde os 500.000 euros dilapidados no ano anterior aos 820.000 previstos para o que acaba de rematar, A Coruña ha de contentarse coa segunda praza. Aínda fica moi lonxe da cidade olívica e os seus 2,36 millóns de euros. A capital de Galicia está, felizmente, moi lonxe, aínda que os seus máis de 260.000 euros tamén dan que pensar. Parafraseando a título do libro máis coñecido de James Watson: que louca carreira! Non me resulta sinxelo calcular a enerxía consumida pois descoñezo a potencia eléctrica de cada LED, mais se temos en conta que o consumo medio anual por fogar é, segundo o Instituto para a diversificación e aforro da enerxía, de 990 euros, un simple cálculo infórmanos de que a iluminación natalicia de Vigo equivale ao consumo anual de 2.384 lares. É isto razoábel?
Os concellos compiten, as xentes compiten, e os xornais buscan o xardín mellor iluminado e a xanela máis lucida. Todo brilla, todo brilla demais. Que magos serían hoxe quen de albiscar, entre tanta luminaria, a estrela do Nadal? Acudirían os humildes pastores do evanxeo de Lucas a semellante fulgor? Que xentes, deslumbradas por tanto resplandor, serán quen de sintonizar coa humilde mensaxe do berce de Belén, unha mensaxe de vida austera e orientada aos máis febles?
É que non imos ser quen de parar até que a propia escaseza de recursos nolo impoña? Quizá esteamos necesitados dunha estrela que nos guíe e que xa non somos quen de albiscar. Ou pedirémoslles aos reis un pouco de sensatez?
Movémonos en coordenadas absurdas: preocúpanos o cambio climático e vestimos a noite de día dilapidando inxentes cantidades de electricidade, énchesenos a boca de sustentabililidade e mercamos coches cada vez máis grandes e máis ávidos de enerxía, dicimos que nos preocupan as emisións de dióxido de carbono e nunca tanto viaxamos en avión. Luz e progreso en todas partes? É que non imos ser quen de parar até que a propia escaseza de recursos nolo impoña? Quizá esteamos necesitados dunha estrela que nos guíe e que xa non somos quen de albiscar. Ou pedirémoslles aos reis un pouco de sensatez? Non se deixen cegar, amigos e amigas lectores, por tanta contaminación lumínica.