Desagravio

Plácido Castro e a resolución oficial de reparación pola represión que sufriu da ditadura emitida polo Ministerio da Presidencia CC-BY-SA Praza Pública

Deslexitimar os tribunais especiais da ditadura é unha obriga democrática que todo goberno merecedor de tal condición debera asumir

A especie de “amnistía tardía” outorgada a Plácido Castro a través da declaración de recoñecemento e reparación persoal expedida recentemente polo ministro Félix Bolaños ao abeiro da normativa sobre memoria democrática, ten un gran simbolismo pero tamén un importante significado político.

Deslexitimar aqueles tribunais especiais instituídos pola ditadura e declarar ilegais todas e cada unha das súas condenas é unha obriga democrática que todo goberno merecedor de tal condición debera asumir.

Realmente, o dano persoal producido ás vítimas vai máis aló do estrito contido da condena. No caso de Plácido Castro supuxo tronzar a súa vida e traxectoria, que só puido recompoñer anos andados e de xeito parcial. Aquelas firmes expectativas que puxera no rexurdir do país tiveron un dramático final que debeu reconducir fóra de Galicia e refuxiándose en boa medida na tradución e no exercicio dun xornalismo afastado do compromiso militante da pre-guerra. A docencia, á que se incorporou en idade madura, pasados os cincuenta, debeu representar para el un feliz descubrimento se ben os seus alumnos e moitos dos seus colegas puideron apreciar a súa excelencia pero en vida del pouco ou nada chegarían a saber do seu pasado inmediato.

O custe como sociedade expresouse nese silencio colectivo no que moitos medramos no franquismo, na represión constante, pero moi especialmente no freo en seco dunha xeración única e irrepetible que tiña un proxecto ambicioso e articulado para o país. Nunca tal se vira. Xa quixeramos dispoñer hoxe de algo semellante. 

Entre os galeguistas, uns foron asasinados sen miramentos; outros, previo Consello de Guerra; outros tiveron máis sorte e mesmo pronto puideron retomar a súa vida profesional; houbo tamén quen tivo a fortuna de se librar da represión. Desterros, inhabilitacións, multas de diversa contía atinxiron a moitos.

Este non é un asunto individual por mais que individualmente se tramiten as reparacións. Un acto cívico nacional (non “cínico-institucional”, por favor) de desagravio transmitiría a fortaleza daquelas conviccións galeguistas e democráticas que o fascismo puido, en efecto, reprimir pero non extirpar de raíz como pretendeu durante décadas. 

*Xulio Ríos é director da Fundación Plácido Castro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.