Anthropic decidíu hai uns días facultarse para requirir dos usuarios de Claude un documento de identidade e un selfie co que elaborar o retrato xeométrico facial ou máscara de proporción áurea. Os datos van ser xestionados por Persona Identities, empresa participada por Peter Thiel
Criticamos a Peter Thiel por dicir que democracia e liberdade non son compatibeis, que Greta Thunberg é o Anticristo ou que “unha tecnoloxía malvada fai algo ben, o mal, polo tanto non é mala de todo”. É lóxico escandalizarse pero este home vai varias pantallas diante. Por escrito ten manifestado que está “en contra da ideoloxía da inevitabilidade da morte para todo individuo”. A cursiva é miña. Non penso concederlle o privilexio de tomalo por tolo. Ou é un cachondo, ou se lle foi a man coa herba dos Hobbits, ou mesturou o calimocho coa augardente ou a ketamina co fentanilo. As mesturas son mortais.
*
Anthropic decidíu hai uns días facultarse para requirir dos usuarios de Claude un documento de identidade e un selfie co que elaborar o retrato xeométrico facial ou máscara de proporción áurea. Todas as túas buscas, información persoal e confidencias ao chatbot van ficar asociadas a esa identidade. Os datos van ser xestionados por Persona Identities, empresa participada por Peter Thiel, o inmortal do que falabamos, tamén propietario de Palantir, a agregadora de datos para uso de espionaxe, represivo ou bélico. Que pode saír mal?
A Xunta vén de sacar un contrato de asesoría externa de apoio á Oficina de Intelixencia Artificial para avaliar os riscos e perigos que supón a implantación da IA nos seus procesos de funcionamento e xestión. O erro fulcral é ceder unha área pública estratéxica a unha empresa privada, favorecendo unha descapitalización de saber e creando unha dependencia a futuro que non pode máis que medrar
*
A Xunta vén de sacar un contrato de asesoría externa de apoio á Oficina de Intelixencia Artificial para avaliar os riscos e perigos que supón a implantación da IA nos seus procesos de funcionamento e xestión. Estamos fronte a un dos erros fulcrais dos que vimos advertindo nestes artigos.
O goberno admite que a IA multiplica os riscos e di buscar como “mitigalos”. Imaxinade que nos obrigan a coller un transporte e nos din que unha vez de cada dez, os freos fallan. Que nos receitan un medicamento e nos advirten que unha vez de cada dez, nos envelena. Que nos serven un alimento que unha vez de cada dez, está podre. O 90% das veces, a inmensa maioría, non hai problema. Isto na IA considérase aceptábel, e dinnos que van tentar melloralo aínda máis, sobre a marcha.
A segunda parte do problema, que a Xunta admite de maneira elíptica, é darlle acceso á empresa a bases de datos e programas sensibeis
Mesmo supoñendo que a IA sexa en conxunto beneficiosa, para que serve entón esa Oficina de Intelixencia Artificial? A maiores, a Xunta conta cun organismo público que por lóxica debería encargarse dese traballo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Porén, expón que esa Axencia non dispón do persoal suficiente ou coa formación precisa. Non considera ampliar o persoal, mellorar a formación ou solicitar a colaboración do profesorado universitario do sector, dando por suposto que unha empresa privada o vai facer mellor. O erro fulcral é ceder unha área pública estratéxica a unha empresa privada, favorecendo unha descapitalización de saber e creando unha dependencia a futuro que non pode máis que medrar, ademais de regar con cartos públicos uns informes simples de seguemento e supervisión que a empresa, probabelmente, elaborará coa propia IA. A segunda parte do problema, que a Xunta admite de maneira elíptica, é darlle acceso á empresa a bases de datos e programas sensibeis. Tranquilos, a convocatoria inclúe unha cláusula segundo a cal a concesionaria non estará facultada para extraer eses datos e cedelos. Solucionado.
*
O Wall Street Journal atribúelle ao CEO de Anthropic un comentario sobre como conter a indignación e a revolta dos traballadores que perdan o traballo ao seren substituídos pola IA: os videoxogos inmersivos. Hai uns días o lanzamento do GTA VI fixo que millóns de persoas buscasen maneiras de escaquearse para entregarse á diversión da violencia criminal desde o minuto cero. O peor non é que un multimillonario politoxicómano airee esta cagada, o peor é que funciona: puntuación dos usuarios 10/10. Os videoxogos como opio do homo technologicus, está todo inventado.
*
Nas páxinas dos xornais inzan as novas de que tal ou cal empresa vén de adoptar a IA para mellorar os seus procesos, desde multinacionais ou grandes bancos ata as cortes das vacas ou pastelarías locais. Outra cousa son os resultados pero esa é outra historia. Saben que a inclusión do termo IA funciona como talismán e salvoconduto para gozar de presenza no medio. Se ides pedir unha subvención en calquera consellería da Xunta, relacionade o voso proxecto co Camiño de Santiago, abriranse todas as portas. É un talismán. Outro motivo é que a moda funciona menos por boa que por moda. Por último, a IA opera a modo de sacrificio ao ogro ou imposto revolucionario, unha declaración de adhesión ao statu quo hexemónico para que este nos deixe en paz e escolla outra vítima.
*
Se non visualizades a burbulla tecnolóxica velaquí un dato. Os beneficios de Tesla caeron no 3º trimestre un 43%. A marca non está nin entre as quince primeiras que máis coches vende. Só Stellantis en Vigo fabrica máis dun tercio do que fabrica Tesla no mundo enteiro. Porén, Tesla ten un valor de mercado que supera o resto de marcas xuntas. Os fabricantes automobilísticos valóranse polas unidades que venden e os ingresos que xeran. Tesla valórase polo relato e as promesas. Esa é a función do “coche voador”, do que non sabemos moito, máis alá de que todo o que sobe, baixa.
*
A intelixencia artificial normaliza a idea empobrecedora de que se pode facer ciencia sen teoría e naturaliza unha suposta superioridade da tecnoloxía sobre a ciencia
A intelixencia artificial normaliza a idea empobrecedora de que se pode facer ciencia sen teoría e naturaliza unha suposta superioridade da tecnoloxía sobre a ciencia. Non o fai ao bruto, negando a ciencia, senón colonizando o termo e suplantando a definición ata facela confluír coa tecnoloxía. Para a ciencia “escrava” da teoría resérvase o tratamento de fase histórica. No seu día puido ser útil, ou inevitábel, pero está superada. Aferrarse a ela é nostalxia.
*
Profetizan os CEOs de OpenAI e Anthropic que a intelixencia artificial curará todas as enfermidades e avisan que nos pode matar a todos. Sexamos optimistas, confiemos no Oráculo de Delfos e non na Biblioteca de Alexandría. Xa que vai de médicos, estaría ben que os profetas relesen o xuramento hipocrático. O primeiro, non causar dano. O último: “sobre aquilo que coñezas a respecto da vida dos doentes e que non conveña ser divulgado, gardarás silencio”.
*
Se che detallan as especificacións técnicas dun robot humanoide, a sofisticación dos algoritmos que manexa, os terabytes de información memorizada, as capas de reforzo da aprendizaxe, os billóns de parámetros, etc, etc, vas caer de cu co abraio. A combinación desas capacidades sobrehumanas ten como resultado que o humanoide xa case é quen de soster un vaso de auga na man. O nunca visto.