Espionaxe sen control democrático?

Construción de instalacións para o CESID en 1985, actual sede do CNI, en Madrid © CNI

O recente coñecemento de diversos episodios relacionados coa espionaxe practicada a diversas persoas do movemento independentista catalán e ao propio presidente do goberno do Estado (e tamén á ministra de Defensa e ao ministro do Interior) colocou no centro da atención pública o vello problema da actuación dos distintos organismos públicos encargados da seguridade do Estado.

Un sistema democrático non pode admitir que o labor deses organismos fique á marxe do control das institucións emanadas da vontade popular (parlamentos e gobernos) e das correspondentes instancias xudiciais. O fin invocado - a seguridade do Estado - non pode xustificar o uso de calquera medio para conseguilo.

Do que se puido constatar nos diversos trámites e debates rexistrados no Congreso durante as últimas semanas, cabe establecer algunhas conclusións provisionais:

1)O CNI só recoñeceu o control das comunicacións realizado a 18 independentistas cataláns e non se pronunciou sobre o sucedido coas restantes persoas que apareceron computadas no informe de Citizen Lab (laboratorio da Universidade de Toronto). A directora do Centro, recentemente cesada, non clarexou se foron investigadas sen autorización xudicial ou por outros organismos estatais.

2)O que transcendeu sobre o contido do informe emitido polo xuíz competente do Tribunal Supremo non permite asegurar a pertinencia e a proporcionalidade do permiso concedido aos axentes do CNI tendo presente, ademais, que foi utilizada unha ferramenta tecnolóxica – “Pegasus” - que facilita un control total sobre as capacidades comunicativas da persoa investigada.

3)O CNI admitiu a existencia da infección dos dispositivos telefónicos de Pedro Sánchez, Margarita Robles e Fernando Grande-Marlaska pero non foi quen de aportar unha explicación sobre as razóns da importante demora no seu descubrimento nin sobre a orixe da mesma. A hipótese de que a autoría estivese residenciada nas autoridades de Marrocos abriría unha crise de dimensións imprevisíbeis na dinámica das relacións internacionais do Estado español.

4)Ante a demanda formulada por diversas formacións políticas en favor de que se proceda a unha desclasificación dos documentos exhibidos na comisión parlamentaria para poder avaliar a consistencia das actuacións practicadas, non hai unha resposta positiva por parte do sector socialista do goberno e tampouco se perciben eventuais decisións xudiciais que posibiliten semellante acto de transparencia.

A recoñecida utilización de Pegasus suscita unha interrogante básica: resulta compatíbel este dispositivo técnico cos parámetros de cumprimento dos dereitos básicos da cidadanía esixíbeis nun sistema democrático de calidade?

A recoñecida utilización de Pegasus suscita unha interrogante básica: resulta compatíbel este dispositivo técnico cos parámetros de cumprimento dos dereitos básicos da cidadanía esixíbeis nun sistema democrático de calidade? Recentes manifestacións dalgúns responsábeis da UE encargados de asegurar a vixencia do dereito á privacidade cuestionan o uso deste dispositivo e falan dunha posíbel prohibición futura do mesmo no ámbito comunitario. A circunstancia de que teña a súa orixe nun Estado – Israel – que acredita prácticas continuadas de incumprimento das resolucións da ONU sobre Palestina, proporciona motivos adicionais para cuestionar a súa credibilidade democrática.

Chove sobre mollado neste asunto da espionaxe do CNI. Durante o mandato de Felipe González tivo que dimitir Narcís Serra porque o CESID – antecedente do organismo actual – tiña realizado escoitas ilegais. Mais recentemente, con Rajoy na Moncloa, apareceu a chamada “policía patriótica” e o ínclito comisario Villarejo para certificar a presenza de mafias policiais no seo dos propios aparellos do Estado. Por non falar da historia dos GAL e a “guerra sucia” contra ETA. A traxectoria da democracia española está chea de páxina escuras que non permiten desculpar as actitudes indolentes e negacionistas exhibidas por diversos voceiros da dereita, da extrema dereita e tamén do Partido Socialista.

A calidade democrática non está asegurada por moito que se invoque, ritualmente, a vixencia dos textos legais. É preciso modificar as normas que ficaron obsoletas ou que demostraron a súa incapacidade para acadar os obxectivos proclamados. E tampouco se poden dar espectáculos tan pouco presentábeis como o que está a dar o PPdeG co nomeamento de Feijoo e Tellado como senadores en representación do Parlamento galego. A legalidade deste acto non é quen de agachar a perversión que contén: colocar as necesidades – políticas e financeiras – do partido por riba da satisfacción do interese xeral que se quixo acreditar con esa facultade de designación establecida para as Cámaras lexislativas das CC.AA.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.