As estirpes tamén están feitas de segredos, e tamén gardan silencio. Silencio presencial. Por iso Baltar Novo non dá explicacións e Baltar Vello nunca marchou e goberna todo de todures, coma un mitema que cruzase os tempos a velocidades superlumínicas.
Cómprelle estar aquí e aló, e onde Baltar Novo -esa versión puída e aumentada- pon o pé presiona co peso da liñaxe. Baltar Vello, coma algúns ideogramas no chinés, evolucionou a fósil servindo como elemento da sintaxe. O problema é definir o significado. Con todo, os feitos confirman algunhas sospeitas da engrenaxe.
As estirpes tamén están feitas de segredos, e tamén gardan silencio. Silencio presencial. Por iso Baltar Novo non dá explicacións e Baltar Vello nunca marchou e goberna todo de todures, coma un mitema que cruzase os tempos a velocidades superlumínicas
Vexamos. Rueda, condescendente e paternalista, coma antes Feixoo (o mesmo das fotos Feixoo/Dorado) pola moi errada organización reactiva dos afectos no hotel Francisco II de Ourense (daquela dixera que Baltar debía recuperar “honra e honor”), Rueda, dicíamos, convida Baltar Novo a pedir desculpas (parvo ése por supresión do pensamento: Artaud) por desbrozarlle o camiño cara á supresión do que queda de galeguismo no PP, os restos do que nunca se atreveron a chamar dereita galeguista senón baltarismo, en clara minoración (que Franqueira e Victorino os asistan!).
Pero a física funciona e calquera formato (sexa público: comunicación, publicidade, financiación ou volkswagens varios; privado: reunións internas en hoteis da cidade, ou semiclandestino: contratación, volkswagens varios, etc) baixo o acelerón do seu implacable pé de Atila gaña a subida melismática da solista dominical da miña parroquia (altofalantes pagos polo Bispado: para algunhas cidades as desgrazas tamén nunca veñen soas).
En fin, nas cousas do tráfico recomendámoslle sentidiño ao Presidente da Deputación de Ourense (en tempos de Fraga tráfico refería outra cousa; Feixoo puíu e aumentou). Tampouco diremos que volvese nacer, pero que librou dunha chea de desgrazas posibles, propias e alleas, nese contexto... O que se cadra non sabe Baltar Novo é que algunhas, algúns, corremos -e andamos, piano piano- co corazón. Tamén en política. E se cadra chegamos máis lonxe. A pé, coa República mundial dos pobres, a independencia e o socialismo para Galicia non parecen puntos de partida tan afastados.