Nas eleccións galegas de 2012 o PP acadou a maioría absoluta. O PSOE continuou sendo o primeiro partido da esquerda, sen grandes sismos internos, como sempre, a pesar de perder sete escanos. AGE converteuse na terceira forza parlamentaria, con nove deputados e grandes expectativas, moi fortificada. O BNG ficou de cuarta, con sete, cinco menos, envolto nunha tendencia decrecente, crítica, de profunda depresión.
O BNG non conectou coa ampla indignación da cidadanía, faltáballes claridade para colocar as débiles propostas que xeraban e sobrábanlles as dificultades. Son espectadores impotentes dese impulso lúcido
Os preliminares dese estado no Bloque foran a derrota do goberno bipartito en 2009 e a ruptura interna na asemblea de Amio. En Amio marcharon os que se converterían no principal compoñente de AGE, unha coalición que se definiu a si mesma como anticapitalista e soberanista galega. AGE foi un antecedente e unha referencia para as organizacións que xorden do 15 M.
Outro dato importante é que en maio de 2011, o movemento indignado chega a Galicia e o Bloque decide non participar. Apenas unha visita ao campamento do Obradoiro de Ana Pontón, se non lembro mal, e a mensaxe máis ou menos oficial de que ese fenómeno non era galego, senón unha mímese de Madrid. No sucesivo o BNG non conectou coa ampla indignación da cidadanía, faltáballes claridade para colocar as débiles propostas que xeraban e sobrábanlles as dificultades. Son espectadores impotentes dese impulso lúcido. Un novo escenario político está a agromar e colleunos co paso cambiado, non conseguiron acompasarse.
O Bloque decidira antes experimentar unha complexa adaptación, migrando cara o centro político, inclusive con reaccións miméticas a respecto da dereita nacionalista catalá, chegando a presentar a Anxo Quintana como o noso futuro Artur Mas, daquela presidente da Generalitat. Cando a crise se precipita, nos anos desas protestas indignadas, o president barcelonés levaba a cabo os recortes orzamentais máis drásticos que se fixeron en todos organismos do estado español. A sanidade pública de Cataluña foi a máis castigada polos neoliberais.
Nesta situación de desnorte, gravemente crítica, éralles imposíbel reformular o discurso nun prazo curto, aínda que xa deixaran de circular en sentido contrario. Cumpríalles tempo para captar o que estaba a acontecer, non o asimilaban. A dificultade era enorme porque o espazo xenético deles, na esquerda, fora ocupado polo novo movemento. Sen formar parte do conflito nunca liderarían o proceso, pero se aínda así tivesen azos, converteríanse en copistas, en subsidiarios do que axiña se van chamar as Mareas.
Unha temporada no deserto
En marzo de 2013 escribín un artigo titulado “A Estratexia Stalingrado” que describe a nova táctica que ían aplicar: trátase de resistir, de cerrar filas, reforzar a disciplina militante e asumir que veñen tempos moi duros. Aguantar até que fracase o mundo de AGE, das Mareas
A nova política amosaba potencia, parecía un tsunami e na crise do Bloque asomaba o fantasma de se tornar un grupúsculo institucional. En marzo de 2013 escribín un artigo titulado “A Estratexia Stalingrado” que describe a nova táctica que ían aplicar: trátase de resistir, de cerrar filas, reforzar a disciplina militante e asumir que veñen tempos moi duros. Aguantar até que fracase o mundo de AGE, das Mareas.
A cúpula do Bloque coñecía perfectamente os líderes da escisión porque traballaron xuntos durante decenios e valoraban, con acerto, que Xosé Manuel Beiras non articularía un movemento sólido e que Esquerda Unida nunca conseguiría fusionar dous universos históricos tan distantes como o do Partido Comunista de España e o das tradicións, dalgún xeito confluentes, que representaba Beiras. Calculaban que as Mareas rematarían por romper e descompoñerse. “O Xeneral Inverno –di o artigo- axudará a aniquilar o inimigo... Comezarán as desavinzas entre Anova e Esqueda Unida, ou Beiras retirarase e AGE será un fracaso”. Retirarase por idade, hai que entender.
O tal artigo meu acerta politicamente pero sóbralle decepción antiga e ira, un pésimo defecto, unha furia que ensaiei con esmero neses anos e que agardo ter eliminado. E que por suposto lamento. A ira é un pasto abundante por estas veigas, nada recomendábel para construír nada. Así e todo non se debe confundir recoñecemento con debilidade argumental, ou con perda de vehemencia. Dito fica.
O BNG auséntase durante un decenio, pero non se afinca en Stalingrado, porque ninguén o asedia, máis ben entra no deserto e alí se instala para resistir e agardar. Dez anos de deserto militante despois de ter gobernado institucións importantes son algo moi serio.
Cando lle preguntan por eses tempos críticos, Ana Pontón declara que a función do Bloque non é mirar para atrás senón para adiante, afrontar os problemas actuais do país, non os do pasado e leva razón, toda a razón
Unha digresión. A simbólica do deserto transmite moito coñecemento, de feito aparece en todas as grandes tradicións da sabedoría, pero iso non quere dicir que haxa requintamento ningún á hora de someterse á proba. O deserto ten tamén un protagonismo extraordinario no pasado real que estuda a historia. Abonda con lembrar que os almorábides e os almohades emerxen desde o Sahara e dominan Al-Andalus endurecidos, sobrios até o ascetismo, rudos, elementais, disciplinados, sabedores da súa misión, cunha firmeza doutrinaria imbatíbel. Fanse cargo dunha sociedade laxa e decadente, que perde conciencia de si, abandona a raíz, é urbana e por tanto dexenera. Non cómpre dicir que o paralelismo non é exacto, nin moito menos, pero o ascetismo imprime carácter. O deserto é escola, cuxa experiencia se prolongase despois. O historiador Ibn Jaldun gustaba moito desta teoría e tamén Titus Burckhardt.
Aos turcos acontécelles algo relativamente parecido, son un pobo de poderoso instinto comunitario, procedente da taiga siberiana, do ambiente máis hostil do planeta. Non había comida, emigran, asumen as formas superiores de organización do lugar onde instalaron a patria, especialmente o estado, pero cunha constante nostalxia pola terra dos pais. Esa dureza da orixe paira na conduta do estado turco.
Volvendo ao rego. Cando lle preguntan por eses tempos críticos, Ana Pontón declara que a función do Bloque non é mirar para atrás senón para adiante, afrontar os problemas actuais do país, non os do pasado e leva razón, toda a razón. Dedicar o tempo e a enerxía a remoer é decadente, propio dos partidos en crise, que quizais non teñan máis remedio, pero é unha actividade esencialmente minguante. Fóra da acción política estrita o asunto é diferente, quen queira saber, ha de buscar nos antecedentes.
Tal vez tampouco ninguén se sinta xa identificado con aquel grosor tremendo de caracterizar a Xosé Manuel Beiras como un traidor, ou de asumirse sen recato como a representación orgánica da verdadeira Galicia
A líder autonómica afirma tamén que cometeron erros. É un xeito de recoñecer o vello desnorte, aínda que nunca di cales son os erros que cometeron e ficamos sen coñecelos. Sería entrar no bucle do pasado, é verdade.
Outra cousa. Foi un decenio de ausencia, sen aportacións á comunidade e por tanto sen mérito social, por iso non pode haber orgullo público ningún pola resistencia. E non parece que o haxa. De momento dedúcese que leron acertadamente esa parte do problema, que son conscientes das enormes limitacións sociais nas que se moven e do modestísimo papel que cumpriron nun dos períodos máis críticos da historia contemporánea de Galicia. Tal vez tampouco ninguén se sinta xa identificado con aquel grosor tremendo de caracterizar a Xosé Manuel Beiras como un traidor, ou de asumirse sen recato como a representación orgánica da verdadeira Galicia e considerarse en posesión do metro de platino iridiado que mide o ben e o mal que se lle fai ao país.
A nova presenza
Modulan ben a mensaxe superficial, conectan coa cidadanía de xeito amábel, sen estridencias, distantes formalmente das vellas posturas doutrinarias e soberbias. Souberon como tiñan que vender o produto e iso non é pouco
Os dous períodos máis críticos do Bloque foron o anterior á refundación de 1982 e o actua. Nos dous atoparon a saída con fórmulas audaces. No primeiro ficharon a Beiras, deixando atrás a estratexia rupturista, tal como analiza Xosé Ramón Quintana. No de agora modulan ben a mensaxe superficial, conectan coa cidadanía de xeito amábel, sen estridencias, distantes formalmente das vellas posturas doutrinarias e soberbias. Souberon como tiñan que vender o produto e iso non é pouco.
E conseguiron, sobre todo, colocar no mercado electoral unha candidata que se homologa co modelo de líder predominante. O escenario político actual é rápido, instintivo, despreza a intelixencia, carece de memoria, abunda na xesticulación e baséase na astucia. Sempre é curtopracista, por tanto. Ana Pontón domina ese escenario, entende a comunicación, o sentido do espectáculo mediático, e ademais é unha líder afinada, con carisma. Non ten, no entanto, unha alta formación, pero tamén niso é actual. As únicas excepcións pola nosa contorna quizás sexan só as de Pablo Iglesias, Oriol Junqueras e Iñigo Errejón; as demais individualidades son planas, saben tecnicamente do seu. O BNG conseguiu con ela unha posta ao día innegábel e iso propiciou que a organización importe outra vez. A demostración diso é aritmética, todos os votos á esquerda do PSOE volveron ás proporcións de 1997, a mellor anada electoral do Bloque.
Os medios informativos tradicionais galegos, públicos e privados, favoreceron a tendencia. O obxectivo era dobregar as Mareas e daquela favoreceron o Bloque
Os medios informativos tradicionais galegos, públicos e privados, favoreceron a tendencia. O obxectivo era dobregar as Mareas e daquela favoreceron o Bloque. A operación dura xa varios anos e culminará nas próximas eleccións xerais se Podemos fica sen representación por Galicia. Nesa hora variarán de novo a mensaxe e veremos se só flutúa dependendo das proporcións numéricas do PSOE e o PP, ou se emproan aos nacionalistas.
A modificación das alianzas exteriores tamén tivo importancia. Distanciáronse das dereitas nacionalistas de Cataluña e Euskadi e buscaron outras novas, equivalentes, de esquerda, que ás veces lles resultan igualmente molestas. A nova líder autonómica evita falar delas dependendo das circunstancias. As amizades políticas do Bloque nas dúas opulentas nacións sempre acabaron sendo máis incómodas que convenientes e apenas lles reportan beneficios, nin sequera simbólicos. Son relacións que amosan ademais un certo complexo de inferioridade. Devecen por unha homologación que transparenta pouca confianza nas propias forzas.