La 2 Gal, a pública estatal e a discriminación das linguas oficiais

Centro territorial de RTVE en Galicia, en San Marcos (Santiago) © RTVE

O pasado mes de outubro, a Televisión Española botaba a andar a canle La 2 Cat, que emite o 70% da súa programación en catalán. Sen dúbida, é unha moi boa nova para os cataláns, mais, pola contra, tanto para vascos como para galegos fai explícito, máis unha vez, que no estado hai linguas oficiais de primeira, de segunda e de terceira

O pasado mes de outubro, a Televisión Española botaba a andar a canle La 2 Cat, que emite o 70% da súa programación en catalán. Sen dúbida, é unha moi boa nova para os cataláns, mais, pola contra, tanto para vascos como para galegos fai explícito, máis unha vez, que no estado hai linguas oficiais de primeira, de segunda e de terceira. A nosa, pobre, sofre esfaqueadas até do goberno propio. Nada novo nesta periferia: a emisora Radio 4 de Radio Nacional, que aquí emitía en galego, foi pechada en todo o estado nos anos oitenta. En todo? Non! Aínda emite en Cataluña.

Para desgraza dos habitantes de carpetovetonia que non vivimos no eixo Mad-Cat, a pluralidade cultural e idiomática estatal é unha teima de bárbaros que non falamos castelán. No caso dos kalaikoi só somos unha recorrente brincadeira sen graza sobre a indecisión, o noso sotaque, as meigas e a santa compaña. A quen atinxir: non é indecisión é desinterese polas vosas movidas.

A radiotelevisión estatal nunca foi quen de desfacerse desa concepción centralista do estado que o réxime franquista soubo inocular como un virus xa desde a súa creación a mediados dos anos cincuenta

Agora falando a serio, a radiotelevisión estatal nunca foi quen de desfacerse desa concepción centralista do estado que o réxime franquista soubo inocular como un virus xa desde a súa creación a mediados dos anos cincuenta. Aínda así, naquel período transitorio de ditadura cleptocrática á oligarquía monárquica os servizos da española en galego ocupaban máis tempo e tiñan máis importancia social. Mesmo semellaba que podían ter unha consolidación programática. Non foi así. Nunha serie de catastróficas decisións, como e habitual na estatal, andou primeiro a disparar contra as autonómicas e logo, a compás daquela canción: un pasiño para adiante e un para atrás. Modernizou as instalacións nos primeiros noventa, como se houber intención de ser algo máis que unha delegación, mais, outramente, decidiron desaproveitar o investimento antes que enchelo de contido. Así, pode que sexa un dos edificios máis tristes e infrautilizados do estado.

Modernizou as instalacións nos primeiros noventa, como se houber intención de ser algo máis que unha delegación, mais, outramente, decidiron desaproveitar o investimento antes que enchelo de contido. Así, pode que sexa un dos edificios máis tristes e infrautilizados do estado.

Por mirar a cousa desde o positivo, esta pode ser a ocasión para que o ente público español repense a súa estratexia quer no nivel de produción, quer no posicionamento social. Hai que reinventarse porque as plataformas veñen con todo e contra todo. Talvez, chegou o momento de repensar o modelo público de comunicación audiovisual desde o nivel máis estrutural. Pode que mesmo de resucitar un centro territorial que languidece desde hai anos. Debería ser prioritario descentralizar para afortalar.

Iso si, pensando a futuro, cunha programación seria, ben feita, coidando o fondo e a forma, asentando un servizo público e de calidade que ocupe as franxas horarias premium. Non serve de nada ter unha canle na que só se emitan repeticións e programas de fondo de armario, desfasados e máis que amortizados, para iso xa temos á Galega.

A principal programación de TVE en galego son actualmente espazos informativos de curta duración © RTVE

Talvez, chegou o momento de repensar o modelo público de comunicación audiovisual desde o nivel máis estrutural. Pode que mesmo de resucitar un centro territorial que languidece desde hai anos. Debería ser prioritario descentralizar para afortalar

Xa é hora de que o ente público de radiotelevisión estatal pense o estado desde a multinacionalidade interior. Case a metade da poboación do estado sofre unha mingua dos seus dereitos lingüísticos pola falla de servizos e a imposición do castelán como lingua vehicular. Isto é un feito.

Agora ben, como se ve que a cousa da lingua non urxe para ninguén na administración, un non pode saír do seu asombro cando ve que durante a constitución do novo Consello das Linguas Oficiais, previamente paralizado de facto polo goberno de Rajoy, os representantes institucionais se enlean nun cruce de declaracións sempre a favor de que o que teña que ser feito, sexa feito polo outro. Despois de moitos anos de políticas lingüísticas suicidas, ben farían os partidos e as persoas que os representan en poñerse a traballar en serio para manter unha cultura e unha fala que leva neste planeta máis tempo que eles e que é unha ferramenta de comunicación común, apartidaria e comunitaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.