No día en que nos marchou Ferrín

Xosé Luís Méndez Ferrín, de novo © Universidade de Vigo

Os faros máis intensos da nación, da creación e da conciencia vanse apagando en scuencia, tan próximo o un do outro que compelen a maldicir este ano de 2026 por antollárseme máis inicuo que ningún outro. Foz, Beiras, e hoxe o Ferrín

Os faros máis intensos da nación, da creación e da conciencia vanse apagando en scuencia, tan próximo o un do outro que compelen a maldicir este ano de 2026 por antollárseme máis inicuo que ningún outro. Foz, Beiras, e hoxe o Ferrín.

Alén do literario, o meu vincallo persoal con Xose Luís Méndez Ferrín seláronlo os seus Brais Pinto máis achegados: Reimundo Patiño, Bernardino, Pepe Fernández Ferreiro, Novoneyra. Hoxe do grupo xa só permanece Ramón Lorenzo, o lingüista. Mais a primeira vez que o vin en persoa, Ferrín xa era para min un mito ambulante, igual que o era Celso Emilio Ferreiro. Ambos dous eran todo o oposto a eses soberbios opulentos persuadidos de seren grandes figuras de importancia transcendental para a nosa literatura.

Ao que fun debullando os primeiros textos de Ferrín, abalanzábame ao instante sobre cada un novo que aparecía. Creou para min mundos enteiros como Tagen Ata, a Raia Seca, unha Britania artúrica e mesmo así galega.

Tamén Celso Emilio creou a máis directa poesía de denuncia, e vívida, por natural, mais seguiuna unha eiva: a escola de continuadores creaba panfletos con feitura de ladrillo gris, e foi o propio Ferrín quen a disolveu, suxerindo que alén da protesta tamén había algunha forma de pólvora colada á beleza.

O futuro da narrativa galega é esplendoroso, aseguramos. Aínda con esas, que vai ser dela sen Xosé Luís Méndez Ferrín?

Que os deuses desta nación que axudaches a construir che sexan máis propicios do que che foron en vida. Coa mesma, favorábeis a esta Terra, compañeiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.