O mundo ecuestre tamén chora por Ferrín. A derradeira cabalgada do mestre

Ferrín, a cabalo. Fotografía incluída no libro 'Nós, Galiñeiro', que publicou o IEM no 2012 e cedida polo autor © Cedida

Hemeroteca

Xosé Luís Méndez Ferrín, para alén de ser un excelente escritor, un destacado político, un admirábel profesor, un excelso académico, foi un verdadeiro e xenuíno amante do mundo ecuestre

Xosé Luís Méndez Ferrín, para alén de ser un excelente escritor, un destacado político, un admirábel profesor, un excelso académico, foi un verdadeiro e xenuíno amante do mundo ecuestre.

Nomeadamente no Faro de Vigo, deixou publicados decenas e decenas de artigos a falaren das burras do monte, dos curros das Terras de Turonio, do paso da andadura que fan os cabalos autóctonos. Valoraba moitísimo a función medioambiental destes animais para evitaren incendios e denunciaba as ameazas humanas que padecen: a canteirización, a eucaliptización e a eolicalización dos montes.

Ademais, falaba da Federación Hípica Galega (FHG), da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, de eventos ecuestres destacados en que non se usaba a lingua propia do país e mais de persoeiros destacados, como os tudenses Juan Oliveira Viéitez (autor da escultura d’Os cabalos de Vigo) e Joaquín/Xaquín/Quin González Troncoso (membro da FHG que conseguiu federar o paso de andadura como disciplina ecuestre).

Ferrín transmite nos escritos a felicidade que lle provocaba asistir aos curros da Serra da Groba e dos montes do Galiñeiro. Destacaba este último como o “curro vigués”, o que representaba e pertencía á Cidade Olívica

Ferrín transmite nos escritos a felicidade que lle provocaba asistir aos curros da Serra da Groba e dos montes do Galiñeiro. Destacaba este último como o “curro vigués”, o que representaba e pertencía á Cidade Olívica. O autor de Percival e outras historias, Antón e os inocentes, Arnoia, Arnoia, Bretaña esmeraldina ou Arraianos coñecía este mundo cunha profundidade extraordinaria porque tamén adoraba montar a cabalo. Sempre que podía, non dubidaba en gozar dun saudábel e aventureiro paseo.

Mais a querenza pola arte ecuestre galega non só aparece nestes artigos de opinión, senón tamén e moita da súa poesía e da súa prosa literaria. Xa que logo, gustaríame rematar este artigo cuns versos do poema “Cabalos” do seu libro Estirpe (1994), un poemario cuxos ingredientes son os elementos que conforman a nosa identidade e os cabalos son un dos seus piares principais:
 

sinte o cabalo o peso do seu amo

e bólelle o corazón igoal ca os cascos

pois aquel galego arcaico que lle impuxera

a marcha de andadura

que o deprendera e abaixara coma un

que domease bimbios por facer un queipiño

saberá levalo contra o sitio do mundo

das paces ou das guerras

necesario para que resulte este futuro

do que hoxe nos laiamos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.