Nunca foi pola vida. Sempre foi polo control

Feijóo, con quen era conselleira de Benestar no momento de aprobación da Lei de Apoio á Familia, Beatriz Mato, visitando unha escola infantil en Meira © Xoán Crespo

O anuncio de Alberto Núñez Feijóo de impulsar unha "Lei do concibido non nacido" en todo o Estado, se chega ao goberno, non é unha ocorrencia máis. É un aviso. Porque, coma tantos anuncios presentados como novidade, este xa o coñecemos. O seu primeiro ensaio tivo lugar en Galicia hai quince anos

Hai noticias que duran un día. E hai outras que nos obrigan a levantar a vista e mirar máis alá do titular.

O anuncio de Alberto Núñez Feijóo de impulsar unha "Lei do concibido non nacido" en todo o Estado, se chega ao goberno, non é unha ocorrencia máis. É un aviso. Porque, coma tantos anuncios presentados como novidade, este xa o coñecemos. O seu primeiro ensaio tivo lugar en Galicia hai quince anos.

En 2011, cando só levaba dous anos como presidente da Xunta, Feijóo incorporou á Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia, unha primeira referencia ao "concibido e non nacido". Pasou case desapercibida e o seu impacto práctico foi reducido. Pero non hai cambios inocentes cando falamos de dereitos. Aquel artigo introducía no ordenamento xurídico unha categoría cunha enorme carga ideolóxica. Foi un primeiro ensaio do PP en Galicia. Ayuso deu un paso máis: atribuíulle ao chamado 'concibido non nacido' relevancia xurídica desde a semana 14 de xestación para acceder a prestacións e dereitos antes do nacemento. Non se trata dunha cuestión administrativa. Trátase de desprazar o centro das políticas públicas desde a autonomía das mulleres cara ao embrión ou ao feto. E ese é o modelo que agora Feijóo pretende estender ao conxunto do Estado.

O feminismo nunca foi atacado só porque defendese os dereitos das mulleres. Foi atacado porque cada conquista feminista ampliou a democracia para toda a sociedade. Ese é, probablemente, o seu maior éxito. E tamén a razón pola que cada avance feminista trae consigo unha reacción.

O feminismo nunca foi atacado só porque defendese os dereitos das mulleres. Foi atacado porque cada conquista feminista ampliou a democracia para toda a sociedade. Ese é, probablemente, o seu maior éxito. E tamén a razón pola que cada avance feminista trae consigo unha reacción

Nunca loitamos só por nós.

Cando conquistamos o voto, ampliouse a democracia. Cando defendemos o divorcio, ampliouse a liberdade. Cando conseguimos que a violencia machista deixase de ser un asunto privado para ser recoñecida como unha vulneración dos dereitos humanos, fixemos unha sociedade máis xusta. Cando puxemos os coidados no centro, obrigamos a repensar un modelo económico que invisibilizaba o traballo imprescindible para soster a vida. O feminismo nunca foi un movemento para privilexiar ás mulleres; foi, e segue sendo, unha ferramenta para ampliar dereitos, cuestionar as relacións de poder e construír unha democracia máis plena. Como ten amosado o traballo da politóloga galega Marta Lois, a presenza das mulleres na política non é un detalle cosmético: é un dos indicadores máis 1fiables da calidade democrática dunha sociedade.

Por iso cada gran onda feminista esperta unha resposta reaccionaria. Non porque o feminismo fracase, senón precisamente porque transforma. Quen sempre ocupou posicións de privilexio percibe cada avance en igualdade como unha perda do seu poder. Xa o describiu hai máis de tres décadas Susan Faludi: canto máis avanzan as mulleres, máis se organiza e se sofistica a resposta que pretende devolvelas ao punto de partida. O patriarcado, cando perde terreo, reorganízase para recuperalo. Nunca descansa. E, Sinceramente, ten unha capacidade de reciclaxe que xa quixeramos para as políticas ambientais.

E tamén aprendemos outra cousa: ningún dereito é irreversible.

Xa o vivimos hai pouco máis dunha década. Cando o Goberno de Mariano Rajoy intentou aprobar unha das reformas máis regresivas da lei do aborto, miles de mulleres respondemos cunha mobilización histórica. O Tren da Liberdade percorreu o Estado, e moitas esposáronse simbolicamente diante do Congreso para denunciar que o que se pretendía era volver encadear a nosa liberdade. A reforma retirouse e Alberto Ruiz-Gallardón dimitiu.

O feminismo demostrou, unha vez máis, que cando se organiza é capaz de transformar a realidade.

Volvemos comprobalo en 2018. A sentenza da Manada fixo estoupar unha indignación que mudou para sempre a maneira de entender as violencias sexuais. As folgas do 8 de Marzo puxeron os coidados e a desigualdade no centro da axenda política e social. O #MeToo rachou o silencio de millóns de mulleres. E nas eleccións do 23 de xullo de 2023 foi, en boa medida, o voto das mulleres quen actuou como muro de contención fronte a unha maioría da dereita e da extrema dereita que anunciaba unha involución sen precedentes en materia de igualdade.

Porque cando alguén pretende volver decidir sobre os corpos das mulleres, o que está en xogo non é só un dereito reprodutivo. Quen empeza cuestionando a liberdade das mulleres nunca acaba deténdose aí. O que está en cuestión é o modelo de sociedade que queremos ser

Por iso a proposta de Feijóo non pode despacharse como unha ocorrencia nin como un simple xesto para contentar os sectores máis conservadores. Forma parte dunha onda reaccionaria internacional que pretende volver poñer en cuestión dereitos que críamos consolidados. Estados Unidos, Italia, Hungría ou Arxentina son exemplos distintos dunha mesma estratexia: utilizar os dereitos das mulleres como laboratorio desde o que erosionar dereitos e liberdades. Galicia, con todo, ten unha triste distinción: foi o primeiro ensaio dunha estratexia que non buscaba resolver un problema social, senón introducir un marco ideolóxico que agora se pretende estender ao conxunto do Estado.

Porque nunca foi pola vida. Sempre foi polo control.

Polo control do corpo, da maternidade, da sexualidade e, en definitiva, da liberdade das mulleres. Cada vez que un poder político pretende decidir sobre os nosos corpos está lanzando unha mensaxe moi clara: que a nosa cidadanía segue sendo condicional, que a nosa autonomía continúa sendo discutible e que os nosos dereitos poden volver converterse en moeda de cambio político.

Hai noticias que duran un día. Hai outras que son un aviso. Este é un deses avisos.

Porque cando alguén pretende volver decidir sobre os corpos das mulleres, o que está en xogo non é só un dereito reprodutivo. Quen empeza cuestionando a liberdade das mulleres nunca acaba deténdose aí. O que está en cuestión é o modelo de sociedade que queremos ser.

Porque nunca foi pola vida. Sempre foi polo control.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.