No ano 2003 Xosé Ramón Barreiro Fernández promoveu a creación dunha revista especializada na figura de Emilia Pardo Bazán, La Tribuna, asociada á Casa-Museo da novelista, dependente da Real Academia Galega. Esa iniciativa do catedrático Historia Contemporánea da Universidade compostelá constituíu un paso importante no proceso de afondar na vida e na obra da excelente escritora. Na publicación apareceron valiosas contribucións e materiais, unha documentación que permitiu nestes anos saber moito máis sobre ese personaxe. Ampliar as fontes de coñecemento sobre a novelista e depender menos da información que sobre se mesma a propia interesada facilitou en vida.
O catedrático describiu a militancia carlista de Pardo Bazán ata os 36 anos, un dato que cuestiona o repetido mito dun compromiso ultra limitado á mocidade
No número 3 desa revista, correspondente ao ano 2005, apareceu un artigo do propio Barreiro que levaba por título “A ideoloxía política de Emilia Pardo Bazán”. O catedrático describiu a militancia carlista de Pardo Bazán ata os 36 anos, un dato que cuestiona o repetido mito dun compromiso ultra limitado á mocidade. Asemade, explicou que “a súa ideoloxía política non evolucionou e ao final da súa vida mantiña as mesmas fidelidades ideolóxicas da súa mocidade”. O profesor constatou o repudio radical ao parlamentarismo e á soberanía nacional por parte da novelista (“Non se opón ao Parlamento porque non funciona, oponse a que exista”). Tamén analizou as críticas de Pardo Bazán ao sistema da Restauración concluíndo que “non ten a pretensión de corrixir os abusos senón de magnificalos para que dunha vez por todas se impoña en España un réxime de ditadura, o máis próximo a súa soñada monarquía absoluta”. Si, foi unha reaccionaria, enfrontada radicalmente co liberalismo do seu século, o que naceu da Revolución francesa, acontecemento que ela odiaba pola súa mensaxe igualitaria.
Barreiro foi un recoñecido experto no liberalismo e no século XIX. Unhas credenciais que merecen o lóxico respecto intelectual, se ben, obviamente, iso non impide que puidera errar nalgún dos seus traballos. Porén se así fose, coñecemos o procedemento a utilizar para cuestionalos, que algún especialista publique en revistas técnicas datos e argumentos que suxiran outras explicacións. Sen que ese exercicio tivera lugar, axiña comezou o curioso proceso de “desaparición” ao que aludo neste artigo. Tal foi, por exemplo, o caso de Dario Villanueva. Na biografía que redactou sobre Pardo Bazán para o Diccionario biográfico de la Academia de la Historia, posterior ao artigo de Barreiro por a data dalgunha bibliografía citada, este non figura entre as referencias bibliográficas, a pesar de que nel alude á ideoloxía da escritora (http://dbe.rah.es/biografias/7979/emilia-pardo-bazan-de-la-rua-figueroa).
Descoñezo as razóns polas que o relevante académico ignorou a contribución de Barreiro, cústame traballo pensar que fose por ignorancia
Villanueva non é un outsider, falamos dun catedrático universitario de Literatura, director da Real Academia de la Lengua Española entre 2014-2018 e primeiro poñente do congreso sobre a escritora a celebrar en outubro deste ano. Descoñezo as razóns polas que o relevante académico ignorou a contribución de Barreiro, cústame traballo pensar que fose por ignorancia. O que resulta evidente é que se recoñecera a súa existencia tería máis complicado referirse na súa biografía ao “eclecticismo liberal” de Pardo Bazán, ou afirmar que nela, “políticamente, se entreveran carlismo (o neocatolicismo) y liberalismo”. Non queda mal iso do “entreverar”, aínda que coido que o uso dese verbo non é moi apropiado para o caso. Non obstante, e para o que aquí interesa, esa mestura carece de fundamento.
Similar fortuna, por dicir algo, tivo o artigo de Barreiro noutros textos: condenado á desaparición. Así aconteceu tamén no libro de María López Sandez e Marilar Aleixandre, Movendo os marcos do patriarcado. As autoras, na liña de Villanueva, sitúan á novelista no “liberalismo conservador”. Unha confusión que induce a dubidar dos seus coñecementos de historia, pois os conservadores liberais do tempo de Pardo Bazán, como Cánovas, Maura, Silvela, etc., defendían –desde unha perspectiva restritiva con dereitos e liberdades– unha monarquía constitucional, as eleccións, a vixencia do Parlamento, mesmo a soberanía nacional. Nada diso está presente na novelista, pois se ben Dona Emilia sempre tivo relacións persoais, sociais e intelectuais con xente diversa, mantivo firme a súa identidade ideolóxica.
É verdade que no período transcorrido desde a publicación de Barreiro apareceron outras contribucións, moi poucas, sobre o tema que tratamos. Entre elas salienta un libro imprescindible para achegarse hoxe á figura da novelista, Emilia Pardo Bazán (2019), de Isabel Burdiel, figura central da actual conmemoración do centenario da escritora. Esta profesora, que si cita o artigo de Barreiro, non o cuestiona de forma directa pero incorpora importantes matices interpretativos. En todo caso, ese libro merece unha análise que excedería o contido deste artigo. Porén, xa que estamos a falar de “desaparicións” curiosas, non podo evitar facer unha breve referencia a outra ben sorprendente nese texto. Refírome ao ensaio da La revolución y la novela en Rusia (1887), unha obra capital na produción da escritora en plena madurez. Burdiel ignora no seu libro todo o contido ideolóxico do ensaio e a posición política da novelista nel e, pola contra, centra a súa análise nunha cuestión que non ocupa unha posición central na súa competencia profesional, pois limita os seus comentarios ao terreo das contribucións literarias do ensaio.
Á historiadora política, non lle pareceron relevantes esas afirmacións e outras de similar perfil. Pola miña parte, tampouco podo aventurar as razóns desa estraña “desaparición”, agora ben, a súa ausencia axuda á autora a manter a tese que reiteradamente enuncia
Así, no libro da catedrática de Historia Contemporánea “desaparece” – por arte de maxia – a defensa que no ensaio antedito realizou Pardo Bazán da autocracia tsarista, un modelo que puxo como exemplo, exaltando esa modalidade de democracia orgánica, indicando que “la autocracia no nos parece un abuso secular ni tiranía violenta”. A novelista tamén se amosou comprensiva coa existencia anterior da servidume en Rusia (unha semiescravitude na que os servos, mulleres e homes, formaban parte da propiedade, como os instrumentos de traballo). Aínda que recoñecía que “viola y ofende la conciencia”, xustificou a súa presenza, pois “Bajo la tutela del señor, disfrutaba el labriego ruso cierto bienestar material, y si daba con un amo con buenas entrañas -y los amos rusos gozan de tenerlas excelentes- su situación era, no solo tolerable, sino ventajosa”.
Á historiadora política, non lle pareceron relevantes esas afirmacións e outras de similar perfil. Pola miña parte, tampouco podo aventurar as razóns desa estraña “desaparición”, agora ben, a súa ausencia axuda á autora a manter a tese que reiteradamente enuncia–máis que demostra–ao longo do texto. Falamos do afán que atribúe á escritora de establecer un diálogo entre o que Burdiel denomina “las dos orillas” (ou “las dos Españas”), o carlismo e o liberalismo, e a avanzar, pois nunha vía de modernidade diferenciada (“El reto de la modernidad” é o singular título que leva a exposición sobre a escritora da que a catedrática é comisaria). Afirmacións que dificilmente encaixan co que acabamos de ler do ensaio, escrito uns meses antes de que Pardo Bazán abandonara a militancia carlista activa –despois de que o carlismo perdera tres guerras– e, camiñara cara posicións máis moderadas. Non moito máis, en 1901 estaba a reclamar a intervención dun ditador.
Mais en Movendo os marcos do patriarcado non é a “desaparición” do artigo de Barreiro a principal nin a máis sorprendente. Nun libro que leva como segunda parte do título O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán salienta a ausencia entre a bibliografía de traballos de persoas que se pronunciaron sobre ese tema específico. Por exemplo, non se fai referencia a Leda Schiavo (1976), Marina Mayoral (1986) e Ángeles Sandino (1997). E no caso de Pilar García Negro a cousa chega ata o punto, case cómico, de indicar un artigo dela de 1986 pero omitir outro posterior, de 2004, e publicado, ademais, na revista La Tribuna. De novo descoñecemos os motivos que levaron ás autoras a ignorar esas contribucións, que –curiosamente– teñen en común que cuestionan a tese apoloxética que defenden no libro.
Coido que ao abordar un personaxe do pasado debemos ser respectuosos con el, coa identidade que construíu en vida
Conclúo sinalando dous paradoxos. As persoas a que aludo criticamente no artigo expresan sempre que teñen oportunidade unha decidida aposta polo diálogo intelectual, por evitar lecturas simplificadoras sobre Pardo Bazán, atender aos matices e considerar a complexidade da súa biografía; en último extremo, aplicar unha ollada actual e moderna. E, non obstante, e aí vén o primeiro paradoxo, co que nos atopamos no que vimos de describir é cunha práctica ben antiga e resesa, ignorar e/ou menosprezar as opinións disonantes. Deixar fóra (no tema tratado hoxe e noutros igual de relevantes) o que non encaixa coa identidade que se pretende elaborar de Emilia Pardo Bazán, branqueando a súa figura.
Coido que ao abordar un personaxe do pasado debemos ser respectuosos con el, coa identidade que construíu en vida. Pardo Bazán pronunciouse reiterada e consistentemente fronte ao liberalismo e á democracia do seu tempo e aí vén o segundo paradoxo. Sorprendentemente, algúns/has que pretenden exaltar a súa figura lle faltan ao respecto cando confunden sobre esa cuestión, negan o que ela afirmou repetidamente. ¿Será porque limar arestas do su perfil axuda, hoxe en día, a difundir eventos e proxectos ? Non o sei, mais estou convencido de que ese proceder é un xeito de tratar ao público como seres menores de idade, de furtarlle a verdadeira complexidade dun personaxe digno de recoñecemento porén que presenta grises e sombras que non debemos ignorar. Para evitar caer na propaganda.