Aínda estamos celebrando o éxito de O corno acadando a Cuncha de Ouro en San Sebastián, un éxito para a cultura galega por moitas razóns, entre outras primeiro filme galego e en lingua galega en acadala –primeiro nunha lingua distinta do castelán– e primeiro dirixido por unha muller galega, e do estado español (houbo outras directoras, mais estranxeiras). Aclaro, en primeiro lugar que eu si vin O corno, tiven a fortuna de asistir a un dos pases previos. Se non o vira, agardaría a velo para escribir sobre el.
Aínda estamos celebrándoo cando, seguindo unha tradición de parte da cultura e da política galegas, asistimos a episodios de autoflaxelación. No canto de festexar todos os motivos de ledicia que nos dá O corno, artigos como “O corno e a prensa, outra vaca no millo” de Xurxo Borrazás, buscan motivos para ofendernos e amoucarnos. Teño toda a consideración a Borrazás como escritor, mais non concordo coa idea que transmite o artigo.
O meu argumento é que a recensión criticada por Borrazás non é “representativa” dos xornais progresistas. Se analizase algúns destes artigos, encontraría ledicia, respecto, tratamento do filme como parte do cine galego, recoñecemento de Jaione Camborda como directora galega, malia nacer en Donosti
A crítica parte dunha premisa que cómpre poñer en dúbida: que El País é o xornal “máis representativo” e cunha idea máis aberta e progresista da cultura e as artes, especificamente das culturas distintas da hexemónica castelá (depende de cada xornalista). A non ser que consideremos que os únicos xornais existentes son os publicados en papel –Praza mostra que isto non é certo–, por fortuna hai varios máis abertos ás linguas e culturas cooficiais. Os tres de máis impacto son eldiario.es, Infolibre, dirixida por un galego, Daniel Basteiro, e que ten colaboracións con Praza, e Público que ten colaboracións con Luzes. Neles publicáronse recensións sobre O corno, cinco en cada un, ben diferentes. En eldiario.es as de Javier Zurro interpretan O corno como “una apuesta clara y política por hacer cine en otras lenguas, en otros sitios. Salir del centrismo de las capitales y del castellano” e, nunha entrevista con Jaione Camborda, fala do “novo cine galego” e titula un apartado “Lenguas al poder”. En Infolibre son de David Gallardo, quen presta especial atención ás culturas en galego, catalán e euskera, conecta este éxito con outros do cine galego, Ana G. Liste, xornalista de Praza e Antonio Rivera, que sitúa o filme na traxectoria anterior de Camborda, e recoñécea como directora galega. As de Público son da autoría de José M. Sande –tradución dun texto de Luzes– e Diana López Varela.
Confío en que vaiamos mudando a ollada, en que celebremos como, nos mesmos días en que é posíbel por vez primeira falar en galego no congreso –e as primeiras palabras noutra lingua distinta do castelán foron en galego– teñamos unha Cuncha de Ouro para o cine galego, para unha directora galega
O meu argumento é que a recensión criticada por Borrazás non é “representativa” dos xornais progresistas. Se analizase algúns destes artigos, encontraría ledicia, respecto, tratamento do filme como parte do cine galego, recoñecemento de Jaione Camborda como directora galega, malia nacer en Donosti. Outra cousa sería se a crítica fose dirixida a un só xornal e un só autor, e non se dese a entender que “non nos entenden, non”.
Hai distintas formas de escribir sobre un libro ou un filme, mais na miña opinión unha certa prudencia faría desexábel ver a película antes de falar dela. O primeiro que eu contemplo en O corno é que ten unha ollada feminista, á vida das mulleres, ás experiencias das mulleres, a como non se lles permitiu e aínda non se lles permite ser donas do seu corpo, ás redes de mulleres que se prestan axuda entre si. Varias das recensións que cito, de Ana G. Liste, Diana López Varela, Javier Zurro, si se decataron desa ollada, aínda minoritaria no cine.
Confío en que vaiamos mudando a ollada, en que celebremos como, nos mesmos días en que é posíbel por vez primeira falar en galego no congreso –e as primeiras palabras noutra lingua distinta do castelán foron en galego– teñamos unha Cuncha de Ouro para o cine galego, para unha directora galega. Avances que mostran como hai moitas persoas noutros lugares do estado que celebran connosco a diversidade lingüística e cultural, un enorme patrimonio.