Loles León, Calpurnia de Honra da 28º edición do Ourese Film Festival (OUFF). A veterana e recoñecida actriz lembrou o seu papel en Sempre Xonxa, de Charo Piñeiro, filme de 1989 que foi unha referencia para toda unha xeración de directoras. Anos despois, destaca o evento, a directora vasca afincada en Galicia Jaione Camborda, lograría unha Cuncha de Ouro en San Sebastián por O Corno. No OUFF, Camborda recibiu a Calpurnia Xacobeo á Mellor Película e o Premio á Mellor Dirección na que foi outra homenaxe ao cinema do país e ao premiado filme da directora.
Loles León e Jaione Camborda foron as grandes protagonistas da pasada noite nunha gala que contou coa actuación de Burgas Big Bang e algunhas sorpresas, como un adianto do filme Máis Cuñados, da produtora galega Portocabo.
Miguel Anxo Fernández, director do OUFF, agradeceu o "agarimo da xente" polo apoio á que considera a "mellor edición do festival" desde que el está "ao temón".
A comedia negra Honeymoon, do galego Enrique Otero, apañou dous premios: o do público e o de Nathalie Poza pola mellor interpretación feminina
A gala de clausura entregou todos os galardóns da Sección Oficial Internacional e Panorama Galicia, esta última unha aposta do OUFF por igualar o recoñecemento do audiovisual galego ao internacional dentro do festival.
A comedia negra Honeymoon, do galego Enrique Otero, recolleu dous premios. O primeiro foi o Premio do Público, que patenta o éxito do filme das salas, onde o 88% dos espectadores participaron co seu voto. Nathalie Poza, actriz protagonista do filme, alzouse co Premio á Mellor Interpretación da sección Panorama Galicia.
Pola súa banda, o Premio ao Mellor Guión foi para Xavier Villaverde, por María Casares: a muller que viviu mil vidas.
Antes de pasar á entrega de premios do palmarés da Sección Oficial Internacional, o director Ángel de la Cruz presentou en exclusiva un pequeno adianto dun documental sobre o Xacobeo, antes de que se entregase o Premio Especial do Xurado a La memoria infinita, un documental de Maite Alberdi. Esta obra tamén acadou o Premio Carlos Velo á Mellor Dirección.
Pola súa banda, o Premio á Mellor Interpretación levouno a actriz Lily Gladstone por Fancy Dance, filme que tamén levou o Premio ao Mellor Guión, escrito por Erica Tremblay e Miciana Alise.
O premio grande da Sección Oficial Internacional, a Calpurnia a Mellor Película foi o que pechou esta entrega de galardóns do 28º OUFF. O xurado decidiu outougarlo a Fallen Leaves, do director finés Aki Kaurismäki.
A gala rematou logo de que os espectadores puidesen gozar da estrea de Mi otro Jon, do director Paco Arango, quen subiu ao palco para presentala. Unha comedia de enredo, protagonizada por Carmen Maura, que explora a posibilidade de cambiar de corpo con outra persona cando sufrimos unha dolencia. O filme destinará todos os seus beneficios á Fundación Adalina, dedicada a loita contra o cancro en nenos.