1. Seica imos morrer todos e todas. Non é ningunha novidade, á vista da reiterada evidencia científica, corroborada recentemente, máis unha vez, polo pasamento dunha personaxe tan eterna como Isabel II.
O que si constitúe novidade é a afirmación de que o sector pesqueiro galego vai morrer e, de paso, vai levar por diante boa parte do PIB galego.
Segundo datos da Xunta, difundidos pola Conselleira Rosa Quintana na súa intervención parlamentar do 28 de setembro, rematada ao borde das bágoas, o impacto da decisión tomada o 15 de setembro pola Comisión Europea suporá unha merma de 816 millóns de euros no conxunto da economía galega.
Os descualificativos contra a Comisión Europea, facendo ver que a prohibición de faenar en determinadas zonas é puramente arbitraria e a mala idea, constitúen un típico relato de altraxe, que apela aos sentimentos de identidade máis vulnerables da cidadanía
- Amodo ho!, cabería exclamar. E lo que pasou para tanta desgraza?
O presente artigo é un esforzo para asentar as bases desta preocupación polo sector pesqueiro de arrastre nuns termos minimamente racionais, tras a aprobación, por parte da Comisión Europea, da prohibición temporal de faenar en determinadas zonas do Atlántico nordeste mediante técnicas de fondo a máis de 400 metros de profundidade.
2. Porque, en efecto, o debate público non se está facendo en termos racionais. Os cualificativos –ou descualificativos– dirixidos contra a Comisión Europea soben cada día de ton, facendo ver que a adopción do Regulamento executivo nº 2022/1614, polo que a Comisión Europea determinou as zonas de pesca en augas profundas existentes e se establece unha listaxe de zonas nas que se coñece a existencia de ecosistemas mariños vulnerables ou a posibilidade de que existan, constitúe unha decisión puramente arbitraria, á mala idea diríamos, que ten finalidades perversas, carece de xustificación ou motivación posible, e vai dirixida “contra” alguén.
Esta visión é, no entanto, ideolóxica, mesmo emocional. Constitúe un típico relato de “aldraxe”, que apela aos sentimentos de identidade máis vulnerables da cidadanía: a decisión da Comisión Europea exponse como unha decisión política adoptada inxustamente por un órgano que descoñece a realidade e resulta ser consciente dos efectos perversos que provoca no terreo social, económico e mesmo cultural.
Nin que dicer ten que os media da FFG (a Feliz Gobernación Galega) apuntáronse fielmente a esta relato “Braveheart” sobre a prohibición, ao cal tampouco se escapan as forzas políticas da oposición. Apenas Greenpeace celebrou a medida da Comisión como unha vitoria do ecoloxismo internacional. Pola contra, Adega, Verdegaia ou a Federación Ecoloxista Galega calan sobre o asunto.
3. Para contrarrestar este relato dominante, voume permitir introducir dous datos certos.
A verdadeira motivación do presunto “veto europeo á pesca galega” non é senón o cumprimento das normas adoptadas pola Unión Europea para protexer a biodiversidade e o ambiente mariño.
A decisión da Comisión está fundamentada nun Regulamento previo do ano 2016, aprobado polo Parlamento e o Consello, que ordena protexer os hábitats e ecosistemas mariños fronte á explotación pesqueira mediante un sistema do que é responsable a Comisión Europea e se basea na mellor evidencia científica e técnica dispoñible, que reside nos informes periódicos elaborados polo Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM ou ICES en acrónimo inglés). Unha organización internacional caracterizada polo seu rigor e independencia.
O regulamento executivo do 15 de setembro adóptase tras amplas consultas e sesións de traballo cos Estados membros e organizacións non gobernamentais sobre a metodoloxía de determinación dos hábitats vulnerables, e tras un Informe do CIEM do 7 de febreiro do 2022.
De modo que a verdadeira motivación do presunto “veto europeo á pesca galega” non é senón o cumprimento das normas adoptadas pola Unión Europea para protexer a biodiversidade e o ambiente mariño.
Un cumprimento difícil, porque supón limitar a actividade dun sector, o pesqueiro, que, se en todo o mundo se caracteriza (por dicilo metaforicamente) por navegar cun parche no ollo polas xeadas augas do cálculo egoísta, no noso país, como puxo de manifesto o caso extremo do patrón do Vila de Pitanxo, o sector pesqueiro non fica atrás nas destrezas de ir co coitelo nos dentes e ao límite da Lei para tirar o maior rendemento posible á súa actividade (o capitalismo chámalle competitividade).
4. Por moito que se axite o medo á hecatombe do sector, o certo é que as 87 zonas limitadas (na liña dos puntos brancos da foto) supoñen apenas o 17% das áreas de pesca entre 400-800 metros do nordeste atlántico.
Para alén do marco da mobilización política da “aldraxe” –e dos seus resultados esperados na respectiva contabilidade do kárate a morte entre PP e PSOE–, o certo é que os posibles argumentos para unha eventual “negociación” desta medida chegan tarde. A isto engádese que a impugnación do Regulamento polo Estado español perante o Tribunal de Luxemburgo ten aínda menos percorrido, por carecer de base xurídica e depender a eventual proba dun futuro informe presuntamente distinto do CIEM. As batallas que se queren dar son equivocadas.
Mentres vemos despregar unha potente campaña de "aldraxe" de Madrid, de Bruxelas e dos malvados ecoloxistas contra os nosos armadores, elevados á categoría de conxunto dos galegos, evitamos o problema de fondo: a necesaria adaptación da “competitiva” industria pesqueira galega a un marco regulatorio cada vez máis implicado na salvagarda do medio ambiente e a biodiversidade
En efecto, tanto no plano político como eventualmente xurídico, a solicitude dunha moratoria de dous meses ao peche destes caladoiros xustifícase na presunta existencia dun informe posterior do CIEM que viría avalar cientificamente o levantamento do veto sobre as áreas prohibidas.
Porén, se ben está previsto que o CIEM entregue un informe sobre hábitats mariños vulnerables o 16 de decembro, non parece que caiba esperar nin un cambio de metodoloxía científica, nin unha milagreira recuperación dos hábitats cuxa protección fronte á pesca levou a esta prohibición. Sendo isto así, non é de estrañar que os actores pretendan embarcarse en solucións e tácticas de curto prazo que usufrutúen o marco da “aldraxe”.
A política évos coma un cocho: aprovéitase todo. Porque mentres vemos ao Partido Popular despregar con este tema unha potente campaña de “aldraxe” de Madrid, de Bruxelas e dos malvados ecoloxistas contra os nosos armadores de pesca, elevados á categoría de conxunto dos galegos (engadindo este marco á da súa defensa da súa xestión do litoral galego fronte a outra “aldraxe” de Madrid), así evitamos máis unha vez enfrontarnos ao verdadeiro problema de fondo: a necesaria adaptación da “competitiva” industria pesqueira galega a un marco regulatorio cada vez máis implicado na salvagarda do medio ambiente e a biodiversidade, como é o desexable na época da emerxencia climática global.
San Lourenzo de Meixigo, 29 de setembro do 2022