O veto foi público o pasado 15 de setembro mediante un comunicado de apenas cinco parágrafos e sen achegar dato ningún, pero coa decisión ben clara: a Comisión Europea disponse a prohibir "toda" a pesca de fondo en "87 zona sensibles" no nordeste do océano Atlántico. Asegura que o fai para "protexer 57 ecosistemas vulnerables" nas profundidades oceánicas, baseándose no consello do Consello para Exploración do Mar (ICES, polas siglas en inglés) e "xerando a menor perturbación posible na actividade pesqueira".
A Consellería do Mar estima que o veto afecta directamente a uns 200 barcos de capital galego
Pero, cando menos en Galicia, a perturbación non é precisamente menor e o rexeitamento tanto no sector como no ámbito político é total. Á espera de que o Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) concrete os detalles da norma, o que de momento se coñece é o afirmado no devandito comunicado polo comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius. A superficie pechada, explicou, é de algo máis de 16.400 quilómetros cadrados "para a protección de ecosistemas mariños vulnerables por baixo dos 400 metros".
Isto significa que nestes eidos non poderán traballar "embarcacións equipadas con artes de fondo", isto é: "redes de arrastre, dragas, redes de enmalle de fondo, palangre de fondo" ou nasas. Segundo a Consellería do Mar, os afectados directamente serían "arredor de 200 barcos de capital galego", pero o "impacto potencial pode chegar ao milleiro de embarcacións, incluíndo as artes menores" tanto polo "solapamento de zonas de pesca" como por unha eventual "futura ampliación da prohibición".
Goberno galego, PP, BNG e PSdeG censuran que a UE non tivese en conta o sector e que trate igual artes de pesca dispares para decidir unha prohibición na que, advirten, non ten en conta a súas repercusións socioeconómicas
Alén do impacto directo, nas autoridades galegas e no conxunto de forzas políticas con representación parlamentaria molestan tamén en boa medida as formas. O comisario Sinkevičius asegura que a medida chega tras "extensas consultas cos Estados membros e as partes interesadas, incluíndo os sector pesqueiro" e ademais, defende, cómpre ter en conta que as zonas pechadas representan apenas "o 1,16% das augas comunitarias do Atlántico Nordeste". Pero sector e partidos políticos botan en falta non só máis sensibilidade, senón tamén estudos a respecto da repercusión socioeconómica da medida. Segundo publica Faro de Vigo este sábado, a Comisión non avaliou informes ao respecto antes de decidir.
Sexa como for, a prohibición está sobre a mesa. O Goberno galego asegura que vai analizar "todas as vías legais á súa disposición para recorrer a decisión", ademais de pedir unha xuntanza entre o presidente da Xunta e o comisario. O Goberno de España xa solicitou, xunto ao francés, abordar especificamente a medida no vindeiro Consello de Ministros de Pesca da UE co obxectivo de expresar o seu rexeitamento a unha medida que, cren, é desequilibrada e trata por igual artes pesqueiras que son diversas, alén de ignorar o impacto económico.
No eido dos partidos, o rexeitamento tamén é unánime. O eurodeputado galego do PP Francisco Millán Mon cer que a decisión é adoptada "contra todo e contra todos" e piden "paralizala". "Non houbo unha exposición ao público real e suficiente" e tamén, advirte, é posible que a información do ICES estea "desfasada", xa que manexa datos de hai unha década. Pola banda do PPdeG a súa secretaria xeral, Paula Prado, di crer que a prohibición é o "resultado" da recente visita a Estrasburgo do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. Nesa viaxe, Formoso reuniuse con Sinkevičius e pediulle "reverter" a prohibición.
A Xunta di que explorará todas as vías legais para tentar reverter a medida e o Goberno de España xa introduciu o asunto na orde do día do vindeiro Consello de Ministros de Pesca da UE
Pola banda do BNG a súa eurodeputada, Ana Miranda, atribúe este "atentado contra a frota galega" á "ignorancia" da Comisión, xa que "non se xustifica dende o punto de vista científico". A frota galega, defende Miranda, é "a máis interesada e implicada na preservación dos recursos mariños e da biodiversidade", pero "hai que ter en conta tamén o impacto económico, social e laboral". O veto, advirte o BNG, é tamén un "despropósito" porque "se toma en base a informes que non conclúen nada" e mentres a mesma Comisión "recoñece textualmente que con outros datos máis fiables, as conclusións serían diferentes".
O PSdeG, igualmente, coida que a Comisión se "extralimita" con este peche, que "non responde á realidade das zonas afectadas nin da actividade pesqueira desenvolvida nelas", defende o eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares. Resalta Casares que, dende que foi coñecida a proposta da Comisión ao respecto, vén defendendo que "non se pode aplicar un único criterio a zonas completamente distintas" e que o sector debe ser consultado. Así llo lembrou ao propio comisario na súa xuntanza compartida con Formoso e nela, asegura, a CE "abriuse a facer unha avaliación da medida unha vez adoptada, dentro dun ano" a partir de novos informes científicos, se ben "a adopción do regulemnto non ten volta atrás".