A Xunta e o Goberno central chegaron tarde e informaron mal. É a conclusión que, por segunda vez en pouco máis dun mes, é posible tirar da explicacións chegadas da Comisión Europea a respecto do futuro do sector do xeito, a centenaria arte de pesca en risco de ser prohibida por unha regulamentación comunitaria sobre as redes de deriva, técnica de pesca agresiva para o medio ambiente. Despois de que, o pasado decembro, o Executivo comunitario lle confirmase á delegación de xeiteiros organizada polo BNG que a proposta de prohibición se formulara sen contar con información precisa nin de Santiago nin de Madrid, a propia Comisión ratifica por escrito que, agora si, ten información precisa sobre o xeito, pero grazas á devandita visita. Mentres, Xunta e PP traballan para tentar frear a erosión que o asunto lle está a causar entre o sector.
O pasado día 8 a voceira do BNG na Eurocámara, Ana Miranda, recibiu a resposta á pregunta sobre o xeito que lle formulara ao novo comisario de Pesca, Karmenu Vella, a través do deputado de Bildu Josu Juaristi, da coalición Os pobos deciden. Nesa contestación Vella ratifica que "durante a fase de preparación da proposta" para prohibir as redes de deriva "se levou a cabo unha ampla consulta pública" entre organismos públicos e privados. A Xunta, como consta na base de datos da Comisión, non participou nesa primeira fase de alegacións e as autoridades comunitarias e as autoridades comunitarias, segundo dixo o director xeral de Asuntos Marítimos, Hubert Gambs, non recibiron "ningunha" información sobre o xeito.
A Comisión ratifica que tivo "oportunidade de avaliar os efectos que podería ter a prohibición" grazas á xuntanza cos xeiteiros en Bruxelas
"Nese momento non todas as partes interesadas puideron facilitar información detallada sobre o uso de redes de deriva e o seu impacto en especies protexidas", acrecenta o comisario Vella, que explica ademais que "no caso de Galicia, a reacción orixinal recibida das partes interesadas durante a fase de elaboración e da realización de impacto se pronunciaba claramente a favor da prohibición de todas as redes de deriva", sen especificar que as redes do xeito non son tal". Mentres, o Goberno de España chegou a indicar que os 427 barcos do xeito eran só 25. Así e todo, advirte o comisario, o panorama mudou tras a xuntanza cos xeiteiros.
"A Comisión reuniuse ultimamente co sector galego do xeito que, segundo a información máis recente coa que se conta, é un dos principais afectados pola posible prohibición das rede de deriva". "Esta xuntanza -abonda o comisario- brindou a oportunidade de avaliar os efectos que podería ter unha prohibición nos operadores afectados, así como de analizar a información adicional sobre a utilización das redes de deriva en Galicia". "A Comisión ten a intención de continuar eses contactos coa fin de facilitar os debates a nivel do Consello e do Parlamento Europeo", conclúe.
Xunta e PP tentan emendar a erosión sufrida
Miranda ve "confirmado" que "antes da visita organizada polo BNG a Comisión carecía de información"
Neste escenario Ana Miranda ve "confirmado" que "antes desa visita da delegación organizada polo BNG a Comisión carecía da información necesaria porque nin o Ministerio de Pesca nin a Xunta lla facilitaron". "Esa delegación -afirma- abriu a porta para que a Comisión estea disposta a corrixir a inclusión do xeito nesa prohibición xenérica das redes de deriva", toda vez que Karmenu Vella "indica expresamente que vai facilitar a negociación coas outras dúas partes implicadas: Consello e Eurocámara".
Feijóo manterá unha xuntanza co comisario de Pesca a vindeira semana, segundo fontes comunitarias
Dende a banda popular a Xunta tenta poñer o acento en que o comisario lle deu as "grazas" por remitir un informe -posterior á proposta inicial- sobre o xeito e polo seu "esforzo" neste contencioso. Ademade, o voceiro dos conservadores en materia de Pesca, José Manuel Balseiro, obviaba en días pasados que os xeiteiros se reuniron coa propia Comisión Europea para concluír que "a visita do BNG en Europa só serviu para convencer a dous dos seus", en referencia aos eurodeputados que actúan como relatores na proposta sobre as redes de deriva, quen tamén confirmaron a ausencia de información dende os gobernos galego e español. Ademais, o propio Balseiro solicitoulle á Xunta a través do Parlamento galego copia das súas "alegacións" á proposta inicial da prohibición, petición que segue "en tramitación".
Mentres representantes do xeito como o patrón maior de Rianxo, Miguel Iglesias, manteñen que a Xunta "non nos está defendendo como debería" ante este "serio problema" o Goberno galego tenta tamén arrefriar a tensión co sector pesqueiro coa intervención directa do presidente. Esta producirase, segundo fontes do Parlamento Europeo consultadas por este diario, coa celebración a vindeira semana dunha xuntanza entre Alberto Núñez Feijóo e Karmenu Vella.