O Goberno de España xa sopesa recorrer ante o Tribunal de Xustiza Europeo (TXUE) a decisión de Bruxelas de prohibir "toda" a pesca de fondo en "87 zona sensibles" no nordeste do océano Atlántico, medida cun importante impacto para o sector en Galicia. Antes da entrada no Consello de Ministros que debateu este luns a medida, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, anunciou que o Executivo acudirá á xustiza comunitaria "se hai base xurídica", que el cre que é "forte".
"Non o descarto en modo ningún, máis ben ao contrario; a miña posición é favorable a recorrer ante o TXUE. Estamos en consulta cos servizos xurídicos do Estado pero creo que hai materia pera que a decisión sexa recorrida", insistiu Planas antes de comprobar, xa na reunión do Consello en Bruxelas, que o veto anunciado segue adiante e será aplicado o vindeiro 9 de outubro, aínda que poida ser revisado mes e medio máis tarde. Todo malia que España reclamou que o novo regulamento fose suspendido ata que se coñecesen, precisamente, eses novos informes científicos en novembro.
O comisario de Pesca mantén que o veto será implantado o 9 de outubro e abre a porta a revisalo se os datos científicos de novembro así o avalan
Foi o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, quen en resposta ás queixas de España, Francia ou Irlanda -que demandaron de maneira conxunta- advertiu de que a restrición será aplicada pero que será revisada anualmente en función dos resultados de novos informes. A primeira desas revisións será xa en novembro, o que non impedirá que o veto entre en vigor se a vía xudicial que poderían emprender algúns Estados non o impide antes.
"Estamos ao inicio dun proceso no que se revisarán cada ano os datos científicos", insistiu, tras lembrar que será tras esa primeira revisión en novembro, "e se se xustifica", cando se "revisen o peche de certas zonas e as artes de pesca" afectadas. "Pero aínda non sabemos cales van ser eses datos", xustificou, logo de insistir na "obriga legal" de examinar e avaliar anualmente a norma e, daquela, tamén no próximo 2023.
O comisario explicou que esta prohibición de pesca en 87 zonas sensibles "é unha obriga que vén de lonxe" e que entende "que non fose ben recibida por todos" pero que está "convencido" de que "é a mellor solución" porque está "baseada nos datos máis recentes e nos mellores datos achegados polos Estados". Así, e respecto a novos documentos, Sinkevičius advertiu que se "terán en conta" pero que ao seu tempo: "Entenderán que non podemos aplicalos retroactivamente".
"En novembro hai un novo informe científico e sobre a base del pódese revisar o veto. Non sabemos a que veñen estas présas", di o ministro Planas
Ante esta confirmación por parte da Comisión da aplicación do veto, Planas xa criticou que non se esperase seis semanas á publicación dese novo informe do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES, polas siglas en inglés) para decidir e que non se aproveitase como "a primeira oportunidade para revisar o acto".
"Sabemos que agora en novembro hai un novo informe científico e sobre a base del pódese revisar. Non sabemos a que veñen estas présas e, por tanto, cremos que, efectivamente, hai base para suspendelo e para revisalo", engadiu.
Xa na reunión do Consello de Ministros de Pesca, incidiu na "sorpresa" do Goberno de España por unha iniciativa da Comisión "que afecta seriamente os intereses do sector pesqueira da UE e de España" e advertiu de que non está de acordo "nin na forma nin no fondo" da nova norma. Planas reprochou que non se consultase "nin ao sector, nin aos Estados" e que se basease a decisión nun informe do ICES "que non é actual nin cobre o conxunto das decisións que se adoptan: inclúe modalidades, como o palangre de fondo, que non estaban consideradas".
Así, pediu a suspensión do regulamento e unha "revisión inmediata" con datos científicos "actualizados" que, lembrou, a Comisión "xa ten dispoñibles". "O principio precautorio cos mares e océanos é evidente, pero coa mesma intensidade debería aplicarse aos nosos pescadores e á actividade pesqueira", rematou.
"Impacto social e económico"
Desde a Xunta, pola súa banda, urxen ao Goberno central a recorrer o veto á pesca de fondo logo da negativa de Bruxelas a deixalo en suspenso. "Se cadra, o que hai dentro de dez anos son frotas rusas ou chinesas pescando", asegurou a conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Ademais, a europarlamentaria do BNG, Ana Miranda, asegurou que desde a súa formación seguirán "insistindo en que ten que suspenderse o veto e retirarse". "O comisario non sabe o impacto social e económico que a medida ten en tantas vilas galegas porque, de sabelo, non se faría", asegurou.
Julio Torrado, deputado do PSdeG, cualificou o veto de “decisión inxusta e non fundamentada en datos reais e científicos” e lembrou que o informe no que se basea esta decisión foi elaborado polo eurodeputado do PP Gabriel Mato, e preguntou “que está a facer Alfonso Rueda ao respecto máis que agardar para dicir que a culpa é de outro”.
A superficie pechada á pesca, segundo explicara a Comisión, é de algo máis de 16.400 quilómetros cadrados "para a protección de ecosistemas mariños vulnerables por baixo dos 400 metros". Isto significa que nestes eidos non poderán traballar "embarcacións equipadas con artes de fondo", isto é: "redes de arrastre, dragas, redes de enmalle de fondo, palangre de fondo" ou nasas. Segundo a Consellería do Mar, os afectados directamente serían "arredor de 200 barcos de capital galego", pero o "impacto potencial pode chegar ao milleiro de embarcacións, incluíndo as artes menores" tanto polo "solapamento de zonas de pesca" como por unha eventual "futura ampliación da prohibición".
Sector e partidos políticos botan en falta non só máis sensibilidade, senón tamén estudos a respecto da repercusión socioeconómica da medida. Segundo publicara Faro de Vigo, a Comisión non avaliou informes ao respecto antes de decidir e, ademais, ampliou o veto á pesca de fondo en zonas que nin tan sequera chegan aos 400 metros.
A decisión de prohibir as artes de pesca de fondo nestas zonas foi tomada o pasado 15 de setembro logo de que fose sometida a votación en xuño no Comité de Pesca e Acuicultura a través dun acto de aplicación que non obtivo a maioría requirida e que tivo os votos en contra de España e Irlanda, ademais de nove abstencións.