"Golpe mortal": un impacto de 24.000 euros anuais de media por persoa, de máis de 347,5 millóns de euros para a frota afectada e duns 816 millóns para o conxunto de economía galega. Neses números cifrou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o que suporá para Galicia a decisión da Comisión Europea de prohibir "toda" a pesca de fondo en "87 zona sensibles" no nordeste do océano Atlántico a partir do 9 de outubro.
Para evitar as "consecuencias mesmo letais" para o sector, a conselleira pediu a unidade dos grupos políticos co obxectivo de "frear esta cafrada" e reclamou á UE unha moratoria de dous meses para a entrada en vigor do regulamento.
Quintana cualifica de "golpe mortal" a aplicación do veto á pesca de fondo: máis de 347 millóns para a frota afectada e uns 816 millóns para de economía galega
"Atrasar dous meses a medida non provocaría danos irreversibles nos hábitats, pero si os evitaría na frota", advertiu, nunha comparecencia no pleno do Parlamento a petición propia e por solicitude do BNG que Quintana rematou visiblemente emocionada.
A conselleira asegurou que a aplicación do veto pode "chegar a afectar" máis de 4.400 tripulantes, de acordo cos seus cálculos, que supoñen arredor do 40% do total no país. Ademais, aclarou que repercute de xeito "directo" na actividade de máis de 200 barcos de capital galego e noutros 900 de maneira indirecta, "co seu conseguinte impacto nas vendas en lonxa, nos salarios das tripulacións e na prestacións de bens e servizos", entre outras cousas.
BNG e PSdeG piden á Xunta que presente un recurso pero Quintana advirte de que o importante é que sexa o Estado quen o faga
Quintana denunciou que o regulamento "coñeceuse" o pasado día 15 "por sorpresa e sen anuncio previo", ademais de sen "mellora ningunha" con respecto ao proposto inicialmente, o que fai que a Xunta considere a súa aprobación "un acto de mala fe". A conselleira anunciou que a Xunta busca "argumentos sólidos" para armar un recurso que cre que debe presentar o Goberno de España pero que, se non é así, presentará o propio Goberno galego para defenderse "deste atropelo".
Ademais, apelou tamén a unha posible revisión antes de que o veto sexa aplicado para que poida dar "a unha moratoria na súa vixencia" e "abrir a porta a unha achega de datos e revisión", dado que en novembro xa estará listo un novo informe sobre o estado dos recursos mariños. Así, agarda poder reunirse co comisario e a directora xeral de Pesca porque "a súa nula escoita non pode durar para sempre".
"O sector pesqueiro non está en contra de que existan zonas protexidas, senón que o quere é que se establezan de forma dialogada, equilibrada e sostida na ciencia", engadiu Quintana, que cualificou de pouco rigoroso o veto.
Por outra banda, tanto o BNG como o PSdeG coincidiron en solicitar que sexa a Xunta a que interpoña recurso contra este novo regulamento. Rosana Pérez (Bloque) e Patricia Otero (PSOE) fixérono non sen antes recriminar á conselleira "o ton" da deputada do PP, Teresa Egerique. Con todo, Quintana advertiu de que hai sentenzas da xustiza da UE que din que son os Estados membros os lexitimados para presentar recursos.