O escenario non podía ser mais prometedor.
A recompensa xa case se albiscaba. De feito, xa era unha realidade. Estíbaliz Palma chegou a Comisaría de Pontevedra para ocupar o posto de Comisaria Provincial, cun obxectivo claro, ascender a Comisaria Principal, ascenso que acababa de aprobar recentemente, e cunha folla de ruta perfectamente trazada para acadalo, algo moi lexítimo, por suposto, máxime cando a súa exitosa e impecable traxectoria previa a convertía na candidata ideal para un cargo de tal envergadura.
Tiña claros cales eran os pasos a seguir, ou, visto o acontecido a posteriori, o que debía dicir, algo que deixou patente tras xurar o seu cargo, situando entre as súas principais preocupacións e prioridades a loita contra a violencia machista e, cito textualmente, “impulsar a igualdade, apoderar á muller”, adquirindo o compromiso de levalo a cabo dende o corpo policial e combater o machismo no seu seo, no cal, de todos é sabido, aínda continúa estando firmemente arraigado.
Atopou, ademais, un terreo ben abonado, xa que non se pode obviar o feito de que, tan so uns meses antes da súa chegada a comisaría de Pontevedra, esta fora galardoada co premio Meninas polo seu bo labor na loita contra a violencia de xénero. E sendo, sen dúbida, unha muller intelixente, que tiña claro os pasos que debía dar para continuar a súa ascensión, non dubidou en potenciar a súa condición de feminista, levando ademais a cabo unha manobra moi hábil, a de abrir as portas da comisaría e achegarse a certos colectivos feministas que, tradicionalmente, son bastante reticentes a todo aquelo que arrecenda ao eido policial, malia que sexa de lonxe, que se atoparon cunha comisaria muller, coma se iso fora unha garantía de traer o feminismo de serie, que se amosaba afín a elas e cuxo apoio a axudaría, sen dúbida, a chegar a meta elixida, cada vez mais próxima e, finalmente, conseguida.
A posta en escena era perfecta, e os resultados favorables, o éxito, non se fixeron agardar, pero esqueceu algo fundamental: que cando un actúa, cando segue un guión, ou, por dicilo mais claramente, cando finxe, e, aínda por riba, se crece na súa nova posición de poder, créndose a salvo e pouco menos que intocable, corre o risco de, nun momento dado, confiarse demasiado e retratarse, deixando ver quen é na realidade.
E isto foi o que lle sucedeu a señora. Palma, a que xa era comisaria principal, que nun contexto perigoso para quen ten que gardar as aparencias, polo que ten de distendido, de informal, como é unha sobremesa entre amigos, entre colegas, relaxados, baixou a garda e soltou a perla que tivo como consecuencia a súa inmediata destitución.
Nunha abominable ostentación de... Non sei como cualificalo, porque mesmo o termo machismo se lle queda curto, aludindo as actuacións dos antidisturbios durante as protestas pola sentencia do procés no 2019, e as críticas que recibiron, soltou a súa noxenta e lapidaria sentencia: “Ya les gustaría a algunas que las violase un UIP (antidisturbios)", que foi acollida con risas por parte do seu auditorio, para, acto seguido, aludindo ao motivo que os levara a reunirse nese xantar, a homenaxe a Iván, un compañeiro xubilado por mor das lesións recibidas nesas protestas, e a súa parella, rematar dicindo: “Detrás de un gran hombre hay una buena mujer, y dentro de poco será detrás de una gran mujer hay un buen hombre.....o bien otra mujer, o un fluído, o un algo”, outro noxento comentario igualmente acollido con risas......Sen comentarios.
Co que non contaba a señora Palma foi con que estas manifestacións estaban a ser gravadas, o cal por certo, é claramente significativo do bo rollo reinante porque, alomenos a maioría, non temos o costume de ir pola vida gravando as nosas sobremesas, e que o audio se ía filtrar, coas consecuencias para ela que xa coñecemos.
Alguén pode chegar a crer que unha muller ou un home que fai este tipo de comentarios, por moi xocosos que poidan parecer, é quen de sentir a mínima empatía cunha muller maltratada ou vítima dunha agresión sexual?.
Pero isto non é o peor. O peor, o grave, é que a esta señora a cacharon, si, pero o seu caso non é o único, nin de lonxe. Outra cousa é que non transcendan e isto é algo sobre o que desde Si, hai saída, o colectivo de axuda a vítimas de violencia de xénero do que formo parte, levamos anos dando a voz de alarma. O lamentable episodio protagonizado pola xa ex-comisaria, é tan so a punta do iceberg, un iceberg inmenso, sólido, construído polo machismo, pola misoxinia , de demasiados policías (non de todos, evidentemente).
Un iceberg firmemente asentado por unha institución claramente machista que non evolucionou apenas, por mais que se diga o contrario, e que aínda segue a considerar, unha gran parte dela, as mulleres como cidadáns de segunda categoría e, porén, a violencia de xénero, os delitos sexuais, como secundarios, por detrás dos importantes, dos de verdade. Realmente alguén pode chegar a crer que unha muller, ou un home, o mesmo da, que fai este tipo de comentarios, por moi xocosos que poidan parecer, é quen de sentir a mínima empatía cunha muller maltratada ou vítima dunha agresión sexual?.
Son incontables as veces nas que, desde Si, hai saída solicitamos, pregamos, a revisión dos criterios cos que se selecciona os axentes destinados a asistencia e protección das vítimas de violencia de xénero. Non abonda coa formación, que, case con toda probabilidade, practicamente todos teñen, por non dicir todos, nin moito menos cos méritos policiais, criterio polo que se están a rexer, se faltan a sensibilidade, a empatía, a humanidade mais elementais, e a vocación con maiúsculas.
Tampouco o feito de ser muller garante, como ben se pode comprobar, unha maior sensibilidade, ou unha maior afinidade coas vítimas. Esas lévanse no corazón do ser humano, home ou muller, e, sinxelamente, se teñen ou non.
Pero, por se todo isto non abondase, hai algo mais que é enormemente preocupante. Desde que a saída de ton da ex comisaria se fixo pública, algo que, por certo, xa está practicamente esquecido e silenciado, como todo o acontecido co eido policial, non faltaron os que saíron na súa defensa, alegando que o seu foi unha encerrona, e mesmo un mando policial manifestaba que “es una lástima que se vaya"... Sen palabras. Ao final vai ser ela a vítima, e aínda, despois de termos insultado a todas as mulleres, imos ter que compadecela.
Todos cantos a defenden teñen algo en común: O que lamentan non é o que dixo, se non que a pillasen no renuncio, xa que, de non ser así, seguiría adiante na súa ascensión sen mirar as consecuencias... Que mais ten?. E aínda, con esta base, nos estrañamos de que a violencia machista continúe medrando. Porque ela foi destituída, si, pero a raíz do mal, a orixe, segue aí, coma sempre, intocable. O iceberg resiste e resiste mais forte cada día.
Hai moitas Estíbaliz, homes ou mulleres, no seo dos FCSE, e, de feito, penso que esa revisión que tanto reclamamos os beneficiaría, porque, o que é innegable, e que este tipo de situacións e de personaxes nada bo achega a imaxe das institucións Pero o que xa resulta tráxico é escoitar como saen na sua defensa mulleres, algunhas delas desas que semellan ter descuberto o feminismo, que dan e quitan carnés desa condición, xustificándoa dicindo que estaba entre homes, que foi un comentario sen importancia nun ambiente distendido, e que calquera de nos, en idénticas circunstancias, non dubidaríamos en facer.
Non quero nin imaxinar nin por un segundo o que pasaría, que nos chamarían, si, por un so momento, desde Si, hai saída tiveramos defendido a calquera que se expresara neses termos!.