Con Cataluña hai extraordinarios parecidos. Nos contidos das leis, nas vías de galeguización do ensino, nas características dos organismos de estudo e fomento, nos cursos formativos, nos perfís das prazas de profesionais, na idea da televisión autonómica, en moreas de iniciativas. Tamén nos discursos
O sistema político español articulou un molde legal e institucional para a denominada normalización lingüística. Foi unha demanda dos cataláns e dos vascos durante a Reforma Política dos anos setenta. Recoñecéronse as linguas, conformouse a oficialidade nos estatutos de autonomía, creáronse gabinetes gobernamentais e ensaiáronse innumerábeis procesos. Por mor desa semellanza, a política lingüística galega estabeleceu unha mímese moi intensa coa catalá. Non o fixo coa vasca porque a opacidade entre o éuscaro e o castellano determina un xeito bastante diferente de tratar o asunto.
Con Cataluña hai extraordinarios parecidos. Nos contidos das leis, nas vías de galeguización do ensino, nas características dos organismos de estudo e fomento, nos cursos formativos, nos perfís das prazas de profesionais, na idea da televisión autonómica, en moreas de iniciativas. Tamén nos discursos. Unha parte dos defensores da lingua galega adaptaban as súas tácticas despois de inspirarse en Cataluña, mentres que os gobernantes do PP trataban xeralmente de adormecer eses impulsos.
As creatividade catalá acertaba, e a mímese galega, que nunca foi total nin nada parecido, enriqueceu o panorama durante un par de decenios, até a aprobación en 1998 da Llei de política lingüística. Esa nova norma complementa e supera a Llei de Normalització Lingüística de Cataluña, de 1983. En 1998 producira xa bos resultados prácticos e coa nova norma deciden pasar a outra fase.
As creatividade catalá acertaba, e a mímese galega, que nunca foi total nin nada parecido, enriqueceu o panorama durante un par de decenios, até a aprobación en 1998 da Llei de política lingüística. Desde aí a dinámica catalá sitúase fóra do noso alcance
Desde aí a dinámica catalá sitúase fóra do noso alcance. A lebre desaparece no horizonte e o galgo deixa de correr como corría, que tampouco era moito. Nos finais dos noventa o grao de cumprimento da Lei de Normalización Lingüística de Galicia seguía sendo baixo, igual que no presente.
Pero non todo foi beneficioso. Esa imitación produciu tamén desaxustes moi serios. As forzas defensoras do galego fomentaron a elaboración de ambiciosos plans de normalización lingüística nos primeiros anos noventa, especialmente nos concellos. Seguiuse o trazo catalán e procurouse a aprobación de todos os partidos. O PP comprendeu a situación e cunha desgana considerábel, xesticulou positivamente. Resultaba evidente xa nese momento que era unha posición estritamente formal, sen interese pola necesaria implementación posterior das medidas previstas. A unanimidade era un engado. Durante a elaboración montouse unha melopea discursiva considerábel que ocupou o tempo dos políticos, dos técnicos e dos activistas. Os documentos asinados gardáronse finalmente no conxelador e alí permanecen, agás excepcións que deben lembrarse, pois o esforzo foi enorme.
Por que fracasaron? Porque o armazón daquelas normas non estaba pensado para aquí. A potencia política e social é extraordinariamente distinta e a mímese non podía funcionar nestes casos
Por que fracasaron? Porque o armazón daquelas normas non estaba pensado para aquí. A potencia política e social é extraordinariamente distinta e a mímese non podía funcionar nestes casos.
A representación partidaria de Cataluña reflicte a sensibilidade lingüística daquela sociedade. Case sempre é así. En Cataluña hai dúas grandes correntes nacionalistas desde o inicio da democracia e un partido socialista de forte carácter catalanista, permanentemente leal á vontade de acordo, decidido e intenso a prol da lingua. Estas tres correntes, xunto co PSUC e as súas derivacións, dominan o escenario catalán desde o inicio da democracia deica a actualidade, sen diferenzas de actuación no ámbito lingüístico, con total confianza mutua nese ámbito. A CUP podería engadirse á lista, sen entrarmos en detalles.
O Partido Popular de Cataluña, moi minoritario sempre, navegou durante decenios entre posicións ambiguas e práctica hostil. Na actualidade é un opositor decidido ás posicións do pacto xeral antedito. Tamén houbo outras forzas, pero foron inflamacións efémeras.
Galicia non se semella a iso, non cómpre analizalo. A vontade de desenvolver a política lingüística galega partindo de acordos unánimes é un erro constante dos defensores da lingua galega.
Despois de vinte e cinco anos sen froitos, o PXNL continúa sendo estéril, pero ocupa de novo o centro das discusións. Magnifícase e confúndese cun artefacto fabuloso, un instrumento ao que se lle atribúen grandes poderes. Capaz mesmo de producir o milagre salvífico. É un autoengano
A aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística, vixente desde 2001 e aprobado por partidos e entidades de todo tipo, nunca arrincou. Ten 400 medidas sen cumprir, case todas. E cando ao candidato Núñez Feijó lle interesou quebralo, mesmo mobilizándose na rúa contra o decreto de ensino de 2007, pois primou o interese electoral e quebrárono. Alí estaba manifestándose un convencido e combativo Afonso Rueda, actual presidente da Xunta.
Despois de vinte e cinco anos sen froitos, o PXNL continúa sendo estéril, pero ocupa de novo o centro das discusións. Magnifícase e confúndese cun artefacto fabuloso, un instrumento ao que se lle atribúen grandes poderes. Capaz mesmo de producir o milagre salvífico. É un autoengano.
Tomando terra. Aquí non houbo, non hai nin haberá unanimidade no medio prazo con resultados fácticos, medíbeis. O partido hexemónico non ten interese na dinamización, pois practica, en palabras textuais de Anxo M. Lorenzo, actual Secretario Xeral de Cultura e ideólogo lingüístico do PP, unha política de baixa intensidade, sen densidade planificadora, de escasa intervención e non dirixida a procurar un cambio.
A renovación do Plan, falar diso, dar titulares, é un novo pasatempo do PP para entreter os adversarios e tratar de posuír a iniciativa. E para congraciarse co importantísimo sector de votantes xenericamente favorábel á lingua galega. Xesticulación amábel. Facer que se fai
Quen máis terá que dicilo para recoñecermos definitivamente que o PP non ten interese en avanzar? A renovación do Plan, falar diso, dar titulares, é un novo pasatempo do PP para entreter os adversarios e tratar de posuír a iniciativa. E para congraciarse co importantísimo sector de votantes xenericamente favorábel á lingua galega. Xesticulación amábel. Facer que se fai.
Cómpre un cambio profundo. Abandonar as fantasías da unanimidade e atender con absoluta preferencia a acción práctica e inmediata. A política lingüística é controvertida, tanto como a sanitaria, a agraria ou a educativa. Non ten nada de malo que sexa así. Só nos descobre que estamos máis atrás do que pensabamos. A idea de facer todos o mesmo soa ben, certamente, pero contradí o principio de realidade, por así dicir.
Os defensores da lingua deberían elaborar os seus propios proxectos, para a opinión pública, a Xunta, os concellos, as deputacións. Con obxectivos practicábeis, a catro anos, sen acreditar demasiado nos grandes artificios. Ir ao concreto, practicar de contado, con criterios de xestión e tamén de oposición.
Os defensores da lingua deberían elaborar os seus propios proxectos, para a opinión pública, a Xunta, os concellos, as deputacións. Con obxectivos practicábeis, a catro anos, sen acreditar demasiado nos grandes artificios
Como di Gabriel Magalhâes: “divertirse buscando solucións en troca de exhibir enfados, colléndolle o gusto a resolver problemas”. E tratando de chegar a acordos, naturalmente. Con vontade de diálogo, como en calquera outro sector. Si, até renovando o PXNL, pero sen facer pivotar a política lingüística sobre ese enredo retardatario, porque os traballos son outros. Algúns aparecerán nos seguintes artigos.
Fetiche provén da palabra feitiço. Significa artificio. Tamén encantamento, sortilexio. Os navegantes e comerciantes portugueses empregaron ese termo a partir do S. XV. Referíanse a escrituras, amuletos e outros obxectos materiais que as poboacións da costa occidental africana utilizaban, atribuíndolles poderes sobrenaturais ou espirituais. A etnoloxía e a antropoloxía reutilizaron a palabra. Karl Marx incorporouna máis tarde á ciencia económica e Sigmund Freud á psicanálise.