O PSOE bate, de novo, na pedra da corrupción

Xuntanza da Executiva Federal do PSOE, este luns CC-BY-NC-ND Eva Ercolanese / PSOE

O sucedido con Abalos e Cerdán revela un fracaso indiscutíbel dos mecanismos de prevención e control que puideran existir na estrutura orgánica do PSOE para facer fronte ao risco da corrupción

Nos últimos días coincidiron dous acontecementos moi relevantes: a dimisión do secretario de organización do PSOE como consecuencia do coñecemento dun informe da UCO sobre presuntas actividades delitivas de Santos Cerdán (en colaboración con X. L. Abalos e Koldo García) e a renuncia do conselleiro de Pesca -Alfonso Villares- por mor da apertura de dilixencias xudiciais para investigar unha denuncia de agresión sexual.

En ambos casos concorre unha circunstancia certamente grave: a existencia de indicios sobre un hipotético comportamento delitivo en dous ámbitos -a xestión honesta dos recursos públicos e o respecto debido aos dereitos das mulleres- que deben configurar a exemplaridade básica esixida a calquera cargo ou representante político.

O sucedido con Abalos e Cerdán revela un fracaso indiscutíbel dos mecanismos de prevención e control que puideran existir na estrutura orgánica do PSOE para facer fronte ao risco da corrupción. Semellante fiasco resulta mais grave por canto esta organización política acumula suficiente experiencia na súa historia recente como para ser quen de establecer normas e fórmulas para neutralizar aquelas prácticas indesexábeis que eventualmente se presentaran na vida diaria dese colectivo. Por non citar a aprendizaxe que sempre se pode tirar do amplo historial de corrupción rexistrado no seo do PP. É verdade que nos grupos políticos -igual que noutros ámbitos da sociedade- poden habitar persoas sen escrúpulos que busquen, cobizosamente, a obtención de beneficios económicos particulares. A bondade universal dos seres humanos non existe. Por iso é moi necesario que haxa criterios estritos na selección das persoas que desenvolven actividades políticas para, entre outras cousas, asegurar unha adecuada pedagoxía cara o corpo social. A presenza de persoeiros acusados da comisión de graves delitos na estrutura dun partido que proclama un ideario progresista resulta fondamente desmoralizador e alimenta as tendencias antipolíticas das que vive o universo da ultradereita.

A presenza de persoeiros acusados da comisión de graves delitos na estrutura dun partido que proclama un ideario progresista resulta fondamente desmoralizador e alimenta as tendencias antipolíticas das que vive o universo da ultradereita

Nas últimas décadas, os dous grandes partidos do sistema político español non tiveron a suficiente vontade para acometer diversas reformas lexislativas (mellora das leis de contratos das Administracións públicas; cambios normativos que penalicen con mais contundencia ás empresas involucradas en prácticas de suborno; redución substancial dos aforamentos para os cargos públicos...) que dificultasen as dinámicas de corrupción nos distintos estratos desas administracións. Tampouco aplicaron códigos internos de calidade contrastada para enfrontar esta doenza estrutural presente no sistema. Este contexto histórico proporciona algunhas chaves explicativas -que non xustificativas- dos recentes episodios que vimos de coñecer.

A maioría parlamentar que posibilitou a formación do actual goberno de coalición está emprazada a dar resposta a unha interrogante fundamental: desexan facer todos os esforzos posíbeis para dificultar ao máximo o trunfo electoral do PP e de Vox? En caso afirmativo, as forzas implicadas deberán asumir as peaxes esixidas para acordar un común denominador programático que posibilite a chegada da lexislatura ao ano 2027

Nos casos de Abalos e Cerdán, mais alá das peripecias xudiciais que, no futuro, permitan depurar eventuais responsabilidades penais, constatase unha evidente falta de vixilancia por parte das instancias superiores do Partido Socialista. Xa que logo, a responsabilidade contraída por Pedro Sánchez resulta indiscutíbel. Debería implicar a súa dimisión? Se a vida política institucional estivese guiada por sólidos criterios éticos, o abandono do cargo sería a medida mais congruente coa gravidade do sucedido. Pero, hoxe por hoxe, os parámetros dominantes son outros: os derivados do cálculo do previsíbel impacto electoral que podan orixinar as decisións que se adopten. As dificultades que rodean a Sánchez son coñecidas: se abandona a Moncloa e convoca eleccións, Feijoo e Abascal chegarían previsibelmente ao goberno segundo indican a case totalidade dos inquéritos; se é substituído por outra persoa do partido, necesitaría superar un proceso de investidura no Congreso que hoxe non semella estar garantido; se non dimite e decide promover unha cuestión de confianza (que, a diferenza do que acontece nunha investidura, só require a maioría simple) tería que conseguir un cambio na postura anunciada por Podemos (contraria a calquera apoio ao máximo dirixente do que definen como "un partido corrupto"). O único escenario relativamente favorábel a Sánchez sería que Alberto Núñez presentara unha moción de censura. Pero o ex-presidente da Xunta ten optado por unha táctica extremadamente conservadora, agardando que o cadáver do seu inimigo pase por diante da súa porta e favoreza o hipotético acceso á presidencia do goberno do Estado.

A maioría parlamentar que posibilitou, no outono de 2023, a formación do actual goberno de coalición está emprazada a dar resposta a unha interrogante fundamental: desexan facer todos os esforzos posíbeis para dificultar ao máximo o trunfo electoral do PP e de Vox? En caso afirmativo, as forzas implicadas deberán asumir as peaxes esixidas para acordar un común denominador programático que posibilite a chegada da lexislatura ao ano 2027. Nese suposto, obviamente, o custe maior recaerá no PSOE pola maior responsabilidade contraída nesta importante crise.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.