Os restos do franquismo na Coruña. Distincións a franquistas, centros de ensino, retratos, placas e monumentos

Escudo franquista na vidreira do pazo de María Pita, xa modificado © Marea Atlántica

DISTINCIÓNS HONORÍFICAS (28) 

Fillos Adoptivos (10)

Severiano Martínez-Anido (Pleno 19-7-1928). Golpista e represor.

José Calvo Sotelo (19-7-1928). Ministro na ditadura de Primo de Rivera e golpista.

Fernando Álvarez de Sotomayor y Zaragoza (17-10-1945). Alcalde na ditadura.

Diego Delicado Marañón (6-7-1949). Presidente da Deputación na ditadura.

Constantino Lobo Montero (14-7-1953). Militar golpista.

O concello de As Pontes (alcaldía do PSOE, Valentín González Formoso) retiráballe a Medalla de Prata en xaneiro de 2009 e Ferrol (alcaldía do PSOE) cambiaba a súa rúa por Catalunya o 2 de marzo de 1981.

José Manuel Pardo de Santayana (20-10-1960). Falanxista e gobernador da Coruña.

Numerosos concellos retiraron as rúas e distincións a gobernadores civís na ditadura. En Madrid foi eliminada a praza de Carlos Ruiz, gobernador civil de Madrid (1941-1954) cos votos a favor de Ahora Madrid, PSOE e Cs. O pleno de Barcelona de 25 de xaneiro de 2019 (alcaldía de BComú e voto a favor, entre outros, do PSC-PSOE) retiraba a Medalla de Ouro a Antonio Ibáñez Freire, gobernador civil de Barcelona (1963-1966).

Manuel Fraga Iribarne (24-12-1968). Falanxista e ministro de Franco.

O Pleno de Cambados de 21 de abril de 2017 retiraba unha escultura de Manuel Fraga e a alcaldesa do PSOE declaraba: “Fraga fue ministro con Franco, y existe una Ley de Memoria Històrica que obliga a la retirada de los elementos franquistas de los espacios públicos. Y Fraga nunca repudió los asesinatos cometidos en esa etapa”.

O manifesto NON QUEREMOS O “CAMARADA FRAGA” COMO FILLO ADOPTIVO, impulsado por 44 presas e presos políticos de Galiza na ditadura, tivo o apoio de 63 historiadoras e de 56 entidades de toda Galiza.

Ferrol (alcaldía de Ferrol en Común e votos a favor de PSOE e BNG) retiráballe o 25 de abril de 2019 a distinción de Fillo Adoptivo, concedida en 1965. Cedeira (alcaldía do PSOE e voto a favor do BNG, que presentaba a moción) acordaba en marzo de 2020 retirarlle a avenida; e o pleno de 2 de outubro de 2020 aprobaba (votos a favor do PSOE e BNG), iniciar o expediente para retirarlle a distinción de Fillo Adoptivo.

A Coruña (alcaldía de Marea Atlántica e votos a favor do PSOE e BNG) acordaba o 6 de maio de 2019 iniciar o expediente para retirarlle a distinción de Fillo Adoptivo, concedida en 1968.

O secretario xeneral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, apoiaba a decisión dos seus compañeiros, sinalando que había que distinguir dúas etapas, a ditadura e a democracia, e que esas distincións na etapa da ditadura “teñen todo o rexeitamento” do PSdeG-PSOE.

Laureano López Rodó (15-5-1972). Ministro de Franco.

O Pleno de Compostela de 19 de xullo de 2018 cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG retiraba a distinción de Fillo Adoptivo.

Luciano García Machiñena (15-5-1972). Capitán Xeral de Galiza na ditadura.

A Coruña (alcaldía do PSOE) acordaba o 1 de marzo de 2010 retirar as distincións aos Capitáns Xenerais de Galiza na ditadura: Fillo Adoptivo a Francisco Delgado Serrano e Mohamed Ben Mizzian Bel Kasem, e Medalla de Ouro a Fermín Gutiérrez de Soto.

A Deputación de Barcelona retiraba por unanimidade o 30 de xuño de 2016 a Medalla de Ouro a José Moscardó Ituarte, Capitán Xeneral da IV Rexión Militar na ditadura.

Jaime Masaveu Masaveu (15-5-1972). Combate no exército sublevado en 1936. Profesor de Dereito Penal que xustifica o golpe de Estado. Participaba como representante da España franquista en congresos e foros internacionais.

Fillos Predilectos (6)

Mario Muslera y Planes (Pleno novembro 1924). Xeneral golpista.

Severiano Martínez-Anido (19-7-1928). Xeneral golpista.

José Calvo Sotelo (19-7-1928). Ministro na ditadura de Primo de Rivera e golpista.

Alfonso Molina Brandao (26-11-1958). Alcalde na ditadura.

Pedro Barrié de la Maza (30-3-1950). Franquista e colaborador co exército sublevado.

Enrique Salgado Torres (1975). Falanxista e represor.

Medallas de Ouro (8)

José Calvo Sotelo (19-7-1928). Ministro na ditadura de Primo de Rivera e golpista.

Severiano Martínez-Anido (19-7-1928). Xeneral golpista.

Miguel Primo de Rivera Orbaneja (9-8-1928). Ditador.

Alfonso Molina Brandao (26-11-1958). Alcalde na ditadura.

José Fariña Ferreño (Pleno 25-9-1962). Fascista, enlace desde Portugal cos golpistas.

Enrique Salgado Torres (27-7-1963). Falanxista e represor.

Eduardo Sanjurjo de Carricarte (15-2-1966). Alcalde na ditadura.

Pedro Barrié de la Maza (5-4-1963). Franquista. Colaborador co exército sublevado.

Medallas de Prata (1)

José Fariña Ferreño (Pleno 6-6-1950).

Medalla de Bronce (1)

Rei Juan Carlos I (15-3-1976). Nomeado por Franco como o seu sucesor na Xefatura do Estado en 1969. Fixo unha gran fortuna. Implicado en numerosos casos de corrupcións, fundacións e contas no estranxeiro, maletíns con millóns de euros, agasallos millonarios a “amigas entrañables”, cobro de comisións etc, que nunca foron declaradas á Axencia Tributaria.

Numerosos concellos comezan a retirarlle rúas e distincións polo seu comportamento pouco exemplar. O concello de Pontevedra (goberno BNG, PSdeG-PSOE) acordaba o 15 de febreiro de 2021 retirar a avenida Juan Carlos I como un “acto de xustiza, decencia e hixiene democrática”.

Medallas ao Mérito, categoría de Ouro (1)

Ramón Bermúdez de Castro y Pla (9-12-1964). Militar golpista.

Coronel de Cabalería. Delegado Gobernativo da Coruña-Carballo en 1925 e Gobernador Civil de Lugo na Ditadura de Primo de Rivera. Cando chega a II República en 1931 pide o retiro e foi o primeiro presidente de Renovación Española, partido monárquico de Calvo Sotelo. Despois da sublevación de 1936 foi gobernador civil de Lugo (1936-1937) e Gobernador Militar de Astorga en 1939. Presidente da Caixa de Aforros da Coruña e Lugo e presidente en 1965 da Confederación de Caixas de Aforro.

Alcaldes Honorarios (1)

Miguel Primo de Rivera Orbaneja (9-8-1928). Militar golpista e ditador.

CENTROS DE ENSINO (3)

CEIP Salgado Torres

CEIP Sanjurjo de Carricarte

CEIP Sal Lence


 

Cambiáronse os nomes de centros educativos vinculados co franquismo e a ditadura: Generalísimo Franco e Carrero Blanco.

O CEIP Montel Touzet cambiaba o nome por CEIP Cidade Vella. Acordábase dar este nome ao colexio da rúa Herrerías (Cidade Vella), no Pleno da corporación do 30 de decembro de 1938, para honrar a tres irmáns militares –fillos do tenente coronel de enxeñeiros, Arturo Montel Martínez– que morreron combatendo co exército sublevado. Despois de acordar o Consello Escolar o cambio de nome, facía a proposta de CEIP Cidade Vella, que foi aprobada por unanimidade no Pleno do concello da Coruña do 9 de outubro de 2017 e ratificado pola Xunta.

O CEIP Sal Lence está na mesma situación que o anterior CEIP Montel Touzet (“tres caídos en los frentes de batalla en defensa de Dios y de la Patria”) . A familia publicaba unha esquela, lembrando a súa militancia falanxista, antes da sublevación do 18 de xullo de 1936: “DON JERÓNIMO SAL-LENCE HERVADA. Médico del Cuerpo de Sanidad Militar y Camisa Vieja de F.E.T. Murió gloriosamente por Dios, por España y por nuestra Tradición el 27 de octubre de 1936, en el frente do Oviedo”

O IES Calvo Sotelo, dependente da Deputación da Coruña (presidencia do PSOE), cambiou o seu nome por Rosalía Mera en xaneiro de 2021.

O concello de Sevilla (alcaldía do PSOE) cambiaba en xaneiro de 2017 o nome do CEIP Benjumea Burín, que foi Presidente da Deputación (1936-1940), por Concepción Estevarena, poeta romántica do século XIX, en aplicación da Lei de Memoria Histórica. Anteriormente, o pleno de 18 de xullo de 2008 acordaba, por unanimidade, retirarlle unha rúa.


 

RETRATOS (20)

Sisenando Martínez Yunta. Militar golpista, era comandante en 1936. Alcalde na ditadura (25-11-1937 a 13-1-1938).

Continúa coa represión dos traballadores do concello, que iniciaran os alcalde José Fuciños Gayoso e Hernán Martín de Barbadillo Paúl. Presidía o Pleno de 16 de decembro de 1937 que tomaba nota do recurso de reposición interposto polo arquitecto municipal Antonio Tenreiro Rodríguez, que continuou depurado. Ese Pleno e os de 23 e 31 de decembro dese mesmo ano aprobaban a destitución doutros traballadores municipais.

A destitución de Tenreiro no Pleno de 14 de outubro de 1937 tivo unha motivación claramente política: “antecedentes desfavorables de conducta; relaciones con significados elementos políticos del llamado Frente Popular y otros realizados con anterioridad al advenimiento del Movimiento Nacional, para menospreciar la Gloriosa Bandera de España”. Tamén resolvía o “expediente contra Enrique Villardefrancos Rodríguez como Director Médico de los Establecimientos de la Beneficencia Municipal de La Coruña, con el fin de depurar su actuación político-social”.

O alcalde Fuciños informaba no Pleno de 21 de decembro de 1936 do alcance da represión dos traballadores até esa data, camuflada como “bajas”: “Disciplinado plenamente el personal, trabaja con eficacia y su rendimiento es completo. En estos cinco meses se produjeron 122 bajas”. A través das chamadas “oposicións patrióticas”, as persoas depuradas eran substituídas por ”Excombatientes, Oficiales Provisionales y de Complemento, personas perjudicadas por la Guerra y de indudable adhesión al Movimiento Nacional, Caballeros Mutilados por la Patria” etc., e só o 20.% para a quenda libre.

Juan González-Regueral y Álvarez Arenas. Militar golpista, era coronel cando é nomeado alcalde na ditadura (25-1-1938 a 11-8-1938).

Continúa coa represión e a Comisión Permanente de 3 de marzo de 1938 resolve o expediente contra Antonio Montiel Cacharrón “muy afecto al Frente Popular, perteneció al Partido de Unión Republicana; fue iniciador de una suscripción abierta para pagar al funcionario César Alvajar los sueldos que no percibió (procesado por la Jurisdicción de Guerra) y se le considera desafecto al Glorioso Movimiento Nacional”.

Sergio Peñamaría de Llano. Participante na represión e alcalde na ditadura.

Eduardo Ozores Arraiz. Militar golpista e alcalde na ditadura.

José Pérez Ardá y López Valdivieso. Militar golpista e alcalde na ditadura

Eduardo Sanjurjo de Carricarte. Alcalde na ditadura.

Diego Delicado Marañón. Presidente da Deputación na ditadura.

José Calvo Sotelo. Ministro na Ditadura de Primo de Rivera, fascista e golpista.

Miguel Primo de Rivera. Golpista e Ditador.

Severiano Martínez Anido. Militar golpista e ministro de Franco.

Ministro da Gobernación en 1925, ocupando tamén a vicepresidencia do goberno na Ditadura de Primo de Rivera. Sae do goberno en xaneiro de 1930 coa caída de Primo de Rivera. O goberno da II República expulsouno do Exército e marchou exiliado a Francia, pero en 1935 e despois de trunfo electoral en 1933 da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA), José María Gil Robles, ministro da Guerra, recoñece os seus dereitos como militar na reserva co rango de tenente xeneral, que perde, novamente, en marzo de 1936 co trunfo do Fronte Popular.

Cando se inicia a sublevación regresa a España, apoiando ao exército de Franco. Foi nomeado presidente do Patronato Nacional Antituberculoso e xefe dos Servizos de Seguridade Interior, Orde Pública e Fronteiras en 1937, dependente directamente de Francisco Franco. Ministro de Orde Pública no goberno de Franco en febreiro de 1938 (segundo Hugh Tomas, foi nomeado “con el fin de sembrar el pánico entre los republicanos”), organizando a represión policial nas zonas controladas polo goberno de Franco.

O Pleno de A Estrada cambiaba a praza Martínez Anido por praza do Mercado en 2006. O concello de Caminomorisco de Cáceres (alcaldía do PSOE) retiraba en 2011 a rúa Martínez Anido. O Pleno de Barcelona de 25 de xaneiro de 2019 acordaba deixar sen efecto o acordo do Pleno de 1929 para solicitar ao Consello de Ministros a concesión da Gran Cruz de Beneficencias ao xeneral Martínez Anido. A Deputación da Coruña (presidencia do PSOE) xa retirou en 2019 un retrato de Martínez Anido, que estaba na 2ª planta do palacio provincial.

Mario Muslera y Planes. Militar golpista.

Cando era xeneral de división apoia a sublevación do 18 de xullo de 1936 e foi designado polo xeneral Mola para dirixir o golpe de Estado en Guipúscoa. Fracasado este, foi xulgado por conspiración contra a República e fusilado.

O concello de Leganés retirou ao Tenente Xeneral Muslera (José Muslera González Burgos, fillo de Mario Muslera y Blanes) o nome dunha rúa, que tiña desde o 21 de setembro de 1972, e a Medalla de Oro da cidade onde viviu os últimos anos da súa vida, concedida o 18 de xullo de 1967. O Pleno de 11 de xaneiro de 2018 tomaba esta decisión cos votos a favor de PSOE, Podemos, IU, ULEG. Tamén aprobaba cambiar os nomes doutras tres rúas de militares franquistas: xeneral Aranda, capitán Muro Durán e Capitán Cortés.

José Muslera González Burgos asina en abril de 1931 a promesa de “adhesión y lealtad a la República Española”. Como capitán de Infantería do Grupo de Forzas Regulares de Alhucemas nº 5 súmase en Melilla á sublevación do 18 de xullo de 1936.

Fernando Álvarez de Sotomayor y Zaragoza. Alcalde na ditadura.

José Crespo y López-Mora. Alcalde na ditadura.

Alfonso Molina Brandao. Alcalde na ditadura.

Demetrio Salorio Suárez. Procurador nas Cortes franquistas e alcalde na ditadura.

Jaime Hervada Fernández-España. Alcalde na ditadura.

José Manuel Liaño Flores. Alcalde na ditadura.

Berta Tapia Dafonte. Falanxista e alcaldesa antes das primeiras eleccións democráticas.

Pedro Barrié de la Maza. Franquista e colaborador co exército sublevado en 1936.


 

ESCUDOS, PLACAS, MONUMENTOS E GRUPO DE VIVENDAS (25)

Monólito ao alcalde José Pérez Ardá, alcalde na ditadura, a carón da piscina municipal de Riazor.

Monólito ao alcalde Alfonso Molina, alcalde na ditadura, en Porta Real.

Busto do alcalde Eduardo Sanjurjo de Carricarte, alcalde na ditadura na parte traseira do palacio municipal de María Pita.

Placa na entrada do cárcere (20-9-1927) con referencia a Calvo Sotelo e Mario Muslera.

Placas en edificios co símbolo do Instituto Nacional da Vivenda franquista.

Placa no aparcamento subterráneo de María Pita: “Saída P. Millán Astray”, praza que xa non existe.

Sinal de tráfico na Casa do Mar con referencia ao “Complexo Hospitalario Juan Canalejo”, que xa non ten ese nome.

Placas antigas con referencia ás rúas franquistas, debaixo dos nomes actuais.

Grupo de vivendas Pardo de Santayana en Labañou.

Placa con referencia a Liaño Flores, alcalde na ditadura, fronte á entrada no salón de plenos do palacio municipal de María Pita.

Baixorrelevo de madeira do alcalde Liaño Flores cos reis na entrada do salón de plenos.

Placa no Dique de Abrigo con referencia a Pedro Barrié de la Maza.

Monólito na estación de ferrocarril de San Cristobal con referencia a Martínez Anido, Primo de Rivera e Calvo Sotelo .

Placa na casa onde naceu Barrié de la Maza na praza de María Pita, que o cualifica como “ejemplar coruñés”.

Placa “SALA DE HONOR Tte. Gral, Yagüe”, no Palacio de Capitanía Xeneral.

Nunha colección de bandeiras de España no Palacio de Capitanía e despois da bandeira da II República (1931-1936), evita poñer que a bandeira seguinte corresponde á ditadura (1936-1977).

No Museo Histórico Militar hai un retrato e un busto de Francisco Franco, sen ningunha referencia á ditadura. No texto dos retratos do Marqués de Cavalcanti (José Cavalcanti de Alburquerque y Padierna, que casa cunha das fillas de Emilia Pardo Bazán) e do xeneral José Luis Romero Corral, non se explica que eran dous militares golpistas que participaron no exército sublevado en 1936. O retrato de Sergio Peñamaría de Llano e unha escultura con uniforme militar e as condecoracións, non van acompañados dunha explicación sobre o seu papel represor. Un panel informativo sobre o “lanzamento de octavillas desde aviones republicanos para socavar la moral en la zona de Franco”, dá esta peculiar interpretación da Guerra Civil Española: “Fue un enfrentamiento ideológico con fuerte carga política”. “O Mosquetón de Foucellas” (Benigno Andrade García) é aproveitado para dar esta información sobre a guerrilla “se echó al monte y como otros muchos huidos o maquis participó en una resistencia armada, auspiciada por el partido comunista, que trató inútilmente de desestabilizar al Régimen de Franco”, ocultando, entre outras cousas, que estaban loitando para acabar coa ditadura de Franco. Na vitrina que está a pistola de Sergio Peñamaría non aparece ningunha referencia aos asasinatos nos que participou na comarca de Valdeorras, como tenente da Lexión en 1939.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.