Pan, gasolina, Feijóo: a revolta Popular en marcha

Caravana de camións participantes no paro do transporte, este 23 de marzo en Santiago CC-BY-NC-SA Praza.gal

1. O mércores 23, mentras estudaba o proxecto de Lei do ciclo integral da auga recén publicado no Boletín do Parlamento Galego, como cada día chegou unha exquisita bola fresca á porta da miña casa na aldea de San Lourenzo. 

A bola báixama “María” na furgoneta dunha das panadarías máis senlleiras de Carral. María tomou os mandos da furgoneta tras suceder a Carolina, que conseguiu ser chamada polas listaxes do SERGAS durante a cuarta onda da pandemia. Ambas son mulleres, galegas, nais, asalariadas no umbral da pobreza.

María é nome ficticio dunha traballadora dun dos sectores máis puteados da loxística da alimentación: a distribución de pan a domicilio. Un servizo esencial nas aldeas, que non parou nin co confinamento do ano 2020. Un servizo que sabe a pan e a gasolina.

2. A conversa que tiven con ela, en cambio, foi ben real. 

Cando empecei a falar do mal que estaba poñéndose todo por culpa do paro dos transportistas autónomos, a diagnose foi inequívoca:

- “Oi ho!, a culpa tencha o inútil de Pedro Sánchez, que solo serve para maniquí de traxes!”. 

Tras lembrarlle coa debida retranca que ser guapo e irresistible non é incompatible con ser competente, como acreditaba o meu caso, púxenme a expoñerlle a complexidade da situación e a inexistencia de solucións milagreiras, mais ás dúas frases de bombardeo racional, a nosa heroína redneck cortou a miña disquisición cun berro ben claro:

- “Déixate de lerias, eu o que quero é que veña Feijóo!”. 

E encanto lle preguntei “amodo, ho, e logo que fixo Feijóo por tí nos últimos 13 anos desde a Xunta?”, a contestación foi ainda máis desoladora:

- “Roubar rouban todos!!”, dixo mentras se metía na furgoneta para continuar o seu rally de reparto polo sarillo de corredoiras asfaltadas da Cambretaña. 

Tras imaxinar a todas as Marías que a tal hora estaban a repartir pan polas profundidades de Kansas ou de Novgórod cunha foto de Trump ou Putin colgando do retrovisor da furgoneta, volvín ao meu gabinete, pechei o pdf do proxecto de Lei do ciclo da auga, e comecei a redixir esta lamentación.

3. Así vos estan as cousas, caras leitoras de Praza Pública. 

Probablemente, ainda non nos quixemos decatar de que estamos en guerra; unha guerra de nova fasquía, que pasa non só polo campo de batalla ucraíno, senón tamén polo estrangulamento enerxético e económico de Europa. 

Mentras agardamos que nos vindeiros días o goberno de Pedro Sánchez tire un coello da chisteira europea, a situación de desabastecemento das cadeas loxísticas de produción e distribución de alimentos agrávase até extremos nunca vistos en tempos de paz. A gasolina e o gasoil son artigos de luxo. Non hai que comer en moitos supermercados. Falta fariña para facer pan.

Probablemente, ainda non nos quixemos decatar de que estamos en guerra; unha guerra de nova fasquía, que pasa non só polo campo de batalla ucraíno, senón tamén polo estrangulamento enerxético e económico de Europa. 

Non é un problema exclusivo de España, senón dunha Unión Europea que se entregou con demasiada rapidez a sancionar a Rusia sen ter un plan económico de resposta ás consecuencias da alza de prezos nos bens de primeira necesidade de todas as familias e sectores europeos. 

Somos retaguarda de guerra, mais os gobernos, un mes depois do ataque, seguen encadeados de pes e mans á pasividade e lentitude das institucións comunitarias á hora de lanzar unha política económica acorde coas circunstancias. 

Apenas o día 23, a Comisión Europea lanzou unha serie de propostas ou opcións para paliar os efectos dos elevados prezos da enerxía, entre as que está un marco temporal de axudas de Estado para os sectores en crise, que inclúe cambios na fiscalidade e subvencións aos sectores máis afectados. A súa concreción realizarase no Consello de Ministros que ten lugar estes 24 e 25 de marzo.

4. O tempo que o goberno de España estivo agardando até hoxe ten a ver co respecto desta axenda europea: é onde está o problema e a solución.

As mobilizacións dos transportistas apóianse nun relato que se abstrae das causas da situación e imputa a alza dos prezos do carburante e da electricidade á culpa do goberno central. O propio líder do PP e (aínda) presidente da Xunta adoptou ese marco. Por desgraza, a realidade é ben outra

As mobilizacións dos transportistas apóianse nun relato que se abstrae das causas da situación, e imputa a alza dos prezos do carburante e da electricidade á culpa do goberno central. 

En coherencia con ese relato, as solucións só poden vir dese goberno. Aí se centrou a presión política. O propio líder do Partido Popular e (aínda) presidente da Xunta de Galicia, adoptou ese marco en función da súa estratexia dupla, de opositor e gobernante. Logo o veremos. 

Por desgraza, a realidade é ben outra. A compra e distribución de gas e carburantes foi liberalizada hai anos. Depende fundamentalmente de mercados internacionais moi sofisticados. A inflación desbocada ao 10% depende de deseños europeos do mercado enerxético, e da evolución dos mercados internacionais do gas, precisamente estrangulados desde hai meses por Rusia. Tamén depende da non-política dunha institución, o BCE, que durante moitos anos presumiu da súa obsesión por manter baixo o nivel de inflación, mais agora, cando a inflación afoga a economía real europea, o BCE púxose até o momento de perfil. 

Está por ver se as institucións comunitarias se decatan da gravidade da situación e actúan en consecuencia, a nível macroeconómico. Porque se non o fan, será inevitable que os incrementos dos custos de produción sigan trasladándose ao prezo final que paga o consumidor: esa é a lóxica de todo mercado.

Mentres tanto, as solucións que se podan adoptar a nível interno dos Estados membros, son meros coidados paliativos: microeconomía en forma de subvencións a sectores produtivos –que chegarán tarde e mal, coma sempre– ou baixadas de impostos aos hidrocarburos profisionais, que deixarán un burato na recadación tributaria necesaria para pagar os servizos públicos. 

Mitin de Feijóo en Extremadura durante a súa campaña interna polo liderado do PP © PP

5. Os que pensan que non hai marxes para unha solución inmediata do problema social máis acuciante, causado polo paro salvaxe do autónomos no ámbito do transporte, deben considerar que xa o día 2 de marzo, o BOE publicou o Real Decreto-lei 3/2022, de medidas para la mejora de la sostenibilidad del transporte de mercancías por carretera y del funcionamiento de la cadena logística, y por el que se transpone la Directiva (UE) 2020/1057, de 15 de julio de 2020, por la que se fijan normas específicas con respecto a la Directiva 96/71/CE y la Directiva 2014/67/UE para el desplazamiento de los conductores en el sector del transporte por carretera.

Dez días depois de ter comezado o paro, tanto ten “de quen veñan sendo” os autónomos do transporte que boicotean a distribución de mercadorías. Está a demostrar a súa capacidade para poñer contra as cordas non a un Goberno, senón ao conxunto do Estado e a súa poboación

Como pode lerse no seu preámbulo, “el presente real decreto-ley incorpora, en primer lugar, un conjunto sistemático de medidas concretas y con efectos tangibles que permitan eliminar los factores que inducen un estrés perjudicial en la prestación del servicio de transporte de mercancías por carretera, hasta el punto de situar a muchas de sus empresas cerca del cierre, tales como los riesgos para la seguridad de los conductores, un incremento elevado y sostenido del precio del combustible, una peor posición negociadora frente a sus clientes y la creciente competencia desleal en la prestación del transporte”.

Aos tres días de se publicar este Real Decreto-lei, e sen tempo a que as súas medidas fosen aplicadas, a Plataforma para la Defensa del Transporte de Mercancías por Carretera Nacional e Internacional anunciou un paro similar ao que xa fixera en xuño do 2008 pouco depois de constituírse. A súa reivindicación de fondo vai contra os cargadores que os contratan por prezos que non repercuten a suba de custos do gasoil profisional. Mais a capacidade de bloqueo demostrada polo paro nas actuais circunstancias, fixo que a reivindicación “sindical” da minoría dun sector moi concreto pasase a ser máis ambiciosa, máis política, máis xeral. 

6. Dez días depois de ter comezado o paro, tanto ten “de quen veñan sendo” os autónomos do transporte que boicotean a distribución de mercadorías. Está a demostrar a súa capacidade para poñer contra as cordas non a un Goberno, senón ao conxunto do Estado e a súa populación. 

Mais se esa capacidade é tan grande é porque está a gozar do apoio explícito das dereitas deste país. 

O Killer dos Peares, o noso surfeiro máis senlleiro, demostra así que o seu famoso olfacto oportunista se conserva en plena forma. 

Debémolo dicer abertamente: está a ser alentada desde o Partido Popular que xa dirixe Alberto Núñez Feijóo, desde o momento en que este viu que reunía dúas condicións: (a) tiña a suficiente capacidade como para erosionar politicamente ao Goberno (b) e servía como panca para disputarlle a rúa a Vox. Non por casualidade, Galicia é a comunidade na que o paro está a ter un maior impacto. 

O Killer dos Peares, o noso surfeiro máis senlleiro, demostra así que o seu famoso olfacto oportunista se conserva en plena forma. 

Chegou a conselleiro sobre o cadáver de Cuíña; chegou a secretario xeral do PPdeG sobre o cadáver do sector da boina; chegou a Presidente da Xunta sobre os cadáveres de Touriño e Quintana; chegou a Presidente do PP sobre o cadáver de Casado, e está disposto a chegar a Presidente do Goberno de España sobre o cadáver de Pedro Sánchez e das vítimas da guerra ucraína. 

Pan e gasolina: velaí a consigna da revolta populista de dereitas que está a liderar o noso Alberto. 

Moito temo que até Putin vaia ter que agradecerlle algún día os servizos prestados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.