Para que escribir?

Obra de Jenny Holzer exposta na mostra 'Wrong answers' no Museo Serralves do Porto CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza

Esperto angustiada porque non sei como comezar un texto, non atopo a maneira de atrapar dende a primeira liña a quen le, non dou co xeito de sorprender

Esperto angustiada porque non sei como comezar un texto, non atopo a maneira de atrapar dende a primeira liña a quen le, non dou co xeito de sorprender. Son as sete e media da mañá e estou de vacacións. Non sei sobre que estaba escribindo mentres durmía, iso non importa, o que queda é a agonía de non saber como facelo. O certo é que esa sensación está cada vez máis presente cando estou esperta. Escribo parágrafos enteiros na miña mente mentres estou na ducha, verbas que nunca chegarán a teclearse porque marchan mentres lavo os dentes ou poño as lentes de contacto. Pasaralle isto a alguén máis? Mellor non preguntar –penso–. 

Escribir como forma de tratar de entender o que (nos) pasa. Cando escribimos podemos sumar o contexto máis amplo e chegar a algunha conclusión, podemos compartir inquedanzas que acouguen a angustia dos demais, podemos lembrarnos de que non hai ningunha batalla que se gañe individualmente. 

Mais, para que escribir se ninguén le? Eu leo. Leo que unha rapaza de vinte e catro anos quitouse a vida en Lugo. Leo que a Câmara Municipal do Porto vetou a participación dun libreiro condenado por 99 delitos de agresión sexual a menores na feira do libro da cidade. Leo que unha muller de 34 anos foi asasinada presuntamente pola súa parella en Barcelona e que deixa dous menores orfos. Leo que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) seguen nas mesmas condicións que hai un ano, cando mataron a Teresa no seu posto de traballo tras pedir axuda á empresa que tiña a concesión pública no Porriño. Leo que o líder da ultradereita estatal chama “aos españois” a botar a persoas en situación de vulnerabilidade que acceden a Ceuta, sen preguntarse nin cuestionar nada do que está a pasar para que iso suceda. 

Para que escribir? Para resistir ata lograr simplemente existir. Non só está en xogo o prezo da gasolina, está en xogo a democracia da que nos dotamos como sociedade. Están en xogo as nosas vidas. Teñamos memoria

Leo todo o día información que fan xornalistas coma min. Xornalistas que traballan en precario, pensando en que non poden ter as vacacións que merecen porque teñen que pagar o alugueiro. Xornalistas que escriben sobre a mercantilización da maternidade mentres fan contas para conxelar óvulos e atrasar a súa propia porque non lles dá. Xornalistas que doan óvulos porque precisan os cartos. Xornalistas que van chegar aos corenta anos e aínda reciben axuda económica dos seus pais para ter unha vida digna. 

Aínda estou suando porque nese soño que me desvelou non daba coa fórmula perfecta para iniciar o texto que tiña a medias. A quen lle importa como vaia o texto? Escoito e calo. Impórtame a min –penso–. Pero Ana, a que prezo? Non me preguntedes iso, a resposta non son quen de escribila. Debémonos a quen nos le. O xornalismo é máis necesario ca nunca e temos que coidar o noso traballo ao máximo. A cidadanía ten dereito a recibir información veraz e contrastada e nós temos a obriga constitucional (e ética) de cumprir con ese propósito. Por máis que o repitamos, non se volve unha tarefa máis doada. Nin se deixa de medir todo en impactos, visitas, clics, estancia en páxina, rechíos ou likes no Instagram. 

Entón, para que escribir? Para resistir ata lograr simplemente existir. 

Non só está en xogo o prezo da gasolina, está en xogo a democracia da que nos dotamos como sociedade. Están en xogo as nosas vidas. Teñamos memoria. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.