Privatización da sanidade pública

Feijóo executou unha política de privatización da sanidade pública, pero esa decisión non se corresponde coas preferencias da cidadanía porque, segundo o Barómetro Sanitario do Ministerio de Sanidade para 2022, o 76,5% das galegas e galegos prefiren o sistema público de saúde fronte ao privado, superando en 8,6 puntos a media estatal (67,9%).

Estes son algúns dos datos da política privatizadora de Feijóo: a Xunta financiaba con 219 millóns de euros a sanidade privada en 2022, máis dun 20% de incremento respecto a 2009; desa cantidade, 138 millóns corresponden a concertos entre o SERGAS (Servizo Galego de Saúde) e distintos centros hospitalarios privados para realizar probas diagnósticas, cirurxías ou servizos de resonancia magnética, medicina nuclear e TAC.

Galiza ten 15 hospitais de titularidade pública e 19 de propiedade privada, que teñen preto de 2.300 camas, o 23% do total. Privatizáronse seis residencias, que eran públicas, no verán de 2022. Os obxectivos son moi claros e teñen unha base ideolóxica: converter o sistema sanitario galego nun negocio privado pagado con diñeiro público e ao servizo das multinacionais.

O gasto sanitario privado per cápita en Galiza é de 567 euros en 2020 e os centros de saúde de titularidade privada xa suman o 28% do gasto sanitario total. Por outra banda, o 74,3% das prazas dos hospitais privados están financiadas pola Administración Galega, mediante concertos, segundo o Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (IDIS), fundación que agrupa ao sector privado.

A privatización da intelixencia e da planificación da sanidade era explicada así por Manuel Martín García, médico de familia: “A privatización fundaméntase en tres piares que teñen que ver coa ideoloxía neoliberal do PP que goberna a Xunta e de boa parte dos medios que se financian con diñeiro público: a) O privado é máis eficiente que o público; b) A xestión e os recursos públicos son un lastre para o desenvolvemento social; c) As vantaxes para a economía de poñer os recursos sanitarios públicos ao servizo do desenvolvemento empresarial mediante a colaboración público privada. Núñez Feijóo, fiel servidor desta ideoloxía, baseou a súa política sanitaria en poñer o sistema de saúde galego ao servizo dos fondos de investimento, da industria farmacéutica e das grandes multinacionais que dominan o mundo” (Nós Diario, 16-6-2022).

 

O negocio dos hospitais privados

Os hospitais privados son un gran negocio e por iso cambian de dono con frecuencia. Así, o grupo Vivalto Santé, terceiro grupo privado sanitario francés, compraba tres hospitais en Galiza a Ribeira Saúde, controlada pola aseguradora norteamericana Centene Corporation: Povisa de Vigo (573 camas), que ten 135.000 persoas adscritas do Sergas, recibía 72 millóns das arcas públicas en 2020; Juan Cardona de Ferrol (con 150 camas) e Polusa de Lugo (80 camas), que recibiron máis de 11,2 millóns de euros da Xunta. Entre os tres suman 803 camas.

Quirón, que pertence ao xigante alemán de saúde Fresenius Helios, é propietario dos Hospitais Quirónsalud da Coruña (54 prazas), A nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo (70 camas) e Quirónsalud Domínguez de Pontevedra (98 prazas), que recibiron máis de 9 millóns. Hospitais Madrid (HM) é propietario en Santiago da nosa Señora da Esperanza e da Clínica Rosaleda con 119 camas, e na Coruña da Maternidade Belén e do Hospital Modelo, con 146 camas, recibindo máis de 8,5 millóns de euros. Vithas é propietaria da clínica Nosa Señora de Fátima de Vigo.

O BNG recuperaba a vella proposta de que a Xunta de Galiza comprase o Hospital Povisa, que é unha sociedade anónima, para integralo na rede pública do Sergas, e consideraba “unha anomalía que 135.000 persoas (22% da área sanitaria de Vigo) recibisen asistencia sanitaria nun hospital privado”. A venda de Povisa era debatida na Comisión de Política Social, Emprego e Sanidade do Parlamento Galego do 8 de setembro de 2022, e Montse Prado, portavoz de Sanidade do BNG, sinalaba que o 80% dos ingresos de Povisa procedían do orzamento da Xunta de Galiza e que, segundo recollen as contas públicas de 2021, a Administración galega achegou a Povisa máis de 100 millóns de euros. Prado acusaba ao PP de actuar “como comercial das grandes multinacionais do sector sanitario”. “O PP só busca asegurar o negocio das multinacionais da sanidade, convertendo os enfermos e o persoal en reféns permanentes da empresa”.

O Consello de Contas era moi crítico coas relacións da Xunta de Galiza cos grupos sanitarios privados e no informe do ano 2020 sinalaba: “O Sergas está a utilizar a autorización de uso temporal como unha forma común de contratación, de maneira directa, sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato, de servizos sanitarios non concertados nos que, ademais de carecer das notas de excepcionalidade e temporalidade que identificarían esta figura, débese engadir que, ao obviarse a vía establecida na lexislación de contratos públicos, non existe expediente de contratación".

O negocio esténdese tamén aos seguros. Nos últimos anos aumentou o número de persoas que contrataron seguros sanitarios privados (8.100 no ano 2021) e chegan xa a 427.000, cun incremento de 44.000 respecto a 2017. Entre as razóns deste incremento poderían estar o aumento das listas de espera, os recortes na sanidade pública e as ofertas das empresas aseguradoras. Segundo os datos da patronal galega da sanidade, o 37,2% dos seus ingresos proceden de achegas da Xunta de Galiza. Un estudo da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP), publicado en maio de 2022, situaba a Galiza como o quinto territorio do Estado español con maior grao de privatización dos seus servizos sanitarios, avanzando tres postos desde 2019.

A Xunta do PP anunciaba o 15 de febreiro de 2023 novas medidas para avanzar no proceso de privatización do sistema sanitario galego, flexibilizando o réxime de incompatibilidades dos facultativos do sector público para poder exercer ao tempo nos centros privados. O Barómetro Sanitario do Ministerio de Sanidade para 2022 recollía que o 66% da poboación galega rexeitaba que as médicas e médicos poidan compatibilizar o exercicio público e privado, só o 17% está a favor e o 74,5% considera que esta medida favorece o desmantelamento do sistema público de saúde.

 

Irmáns como xerentes do SERGAS e da patronal privada

Non chegaba coas “portas xiratorias” para beneficiar ao capital, é dicir, persoas que pasan de ocupar postos na Administración pública a directivos de empresas privadas, ou viceversa. En Galiza deuse un paso máis e persoas dunha mesma familia controlan, ao mesmo tempo, a sanidade pública e a privada. Estrella López-Pardo, designada xerente do Sergas no Consello da Xunta de Galiza o 4 de agosto de 2022, é irmá de Manuel López-Pardo, xerente de AHOSGAL, Asociación de Hospitais de Galiza, patronal da sanidade galega.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública consideraba que estes dous cargos “evidencian as estreitas relacións e os conflitos de intereses entre a administración sanitaria pública e a patronal dos hospitais privados. Unha parte importante dos ingresos da sanidade privada proceden do orzamento público”. Manuel Martín, presidente desta asociación, denunciaba “a conivencia e a máis que estreita relación da Administración Galega coa patronal privada, rexeitable desde unha perspectiva ética e estética, que explica a estratexia de desmantelamento do sistema sanitario público por parte do PP, que ten como obxectivo fundamental a potenciación do sector empresarial hospitalario e a privatización”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.