Pésima xestión da pandemia da COVID-19

Hemeroteca

Nesta serie de artigos de análise da Xunta de Feijóo no podía faltar un balance da actuación na pandemia. Entre o 8 de marzo de 2020, que se produce a primeira morte da pandemia, até o 2 de decembro dese ano, faleceron 1.247 persoas en Galiza e delas 509 correspondían a residencias, ben nas propias instalacións ou en centros sanitarios: 480 (94,3%) eran usuarias de centros a cargo de entidades privadas, que inclúe tanto as de titularidade privada como os públicos xestionados mediante concesión, e as 29 restantes (5,7%) correspondían a cinco xeriátricos xestionados directamente pola Xunta.

DomusVi –grupo herdeiro das residencias de maiores que controlaban as antigas caixas de aforros galegas –concentraba o maior número de falecementos con 161 (31,6%) en 12 das 21 residencias que tiña en Galiza, seguida da Fundación San Rosendo con 121 mortes (23,8 %) en 11 xeriátricos. Estas dúas empresas acumularon o 55,4 % dos falecementos, cando o número de prazas é só do 36,4%: 4.600 prazas (20,9%) na DomusVi e 3.156 prazas de maiores xestionadas na San Rosendo (15%), segundo datos da Memoria de 2020. Moi lonxe desas cifras, Hermanitas de los Ancianos Desamparados tiveron 23 falecidos, e 16 Ballesol. Os centros con máis falecidos –41 cada un– foron Sarquavitae San Lázaro de Santiago, do Grupo DomusVi, e a Residencia Os Gozos de Pereiro de Aguiar (Ourense), da Fundación San Rosendo.

Entre as empresas privadas e fundacións xestionan en Galiza o 76,8% das prazas de residencias, pero tiveron o 94,3% dos falecementos na pandemia, é dicir case 20 puntos máis. Todos estes datos foron publicados por praza.gal, despois dunha dura batalla por conseguir información, en cumprimento da Lei de Transparencia. DomusVi encabezou esa negativa a dar información pero, finalmente, podemos ter eses datos porque unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, con data 23 de maio de 2022, rexeitaba os recursos de varias empresas –Geriatros SA, Quavitae Servicios Asistenciales SAU, Sar Residencial y Asistencial SA, Geriátricos del Principado SA y Gero Vitalia SL– e avaliaba unha resolución da Consellería de Política Social pola que se concedía o acceso aos datos.

No Estado español a dependencia non estivo regulada por lei até o ano 2006. A asociación MODEPEN (Movemento Galego pola Defensa das Pensións) sinalaba que é unha lei “neoliberal que permitiu a entrada de empresas privadas, favorecendo o debelitamento do sector público e todo por falta de vontade política”. O nicho de negocio aproveitárono desde fundacións bancarias, fondos de especulación financeira e xente con contactos entre a clase política. Durante os últimos anos, ademais, foise creando unha concentración de empresas deste sector que, nalgúns lugares, son case monopolios.

A Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública denunciaba que os antecedentes das graves consecuencias da pandemia da Covid-19 hai que situalos na política de recortes e privatizacións: redución do orzamento de sanidade en máis de 1.000 millóns de euros; perda de 800 camas nos complexos hospitalarios entre 2010 e 2014; temos 3,33 camas por 1.000 habitantes cando a media comunitaria é de 5,04; nas UCI de Galiza hai 5,92 camas por 100.000 habitantes e 8,28 no Estado español; redución de 1.121 prazas de persoal sanitario. Por outra parte, faltaban equipos de protección de traballadoras e traballadores e o 28 de abril de 2020 aínda houbo concentracións de traballadoras reclamando probas da COVID-19 a todo o persoal e o 16 de maio había 2.066 positivos.

 

Actuación irresponsábel

A Xunta de Galiza tivo unha actuación irresponsábel nas residencias para maiores, xa que coñecía desde 2017, cando menos, as graves deficiencias das residencias privadas, segundo informe do Consello de Contas. Despois de detectarse o primeiro caso na residencia de Celanova, un mes despois aínda había 39 positivos e as familias denunciaban que “seguen sen dispor de persoal médico e de enfermería residente”. Na residencia DomusVi San Lázaro de Santiago a Xunta tardou catro días en autorizar a hospitalización de residentes, segundo a propia directora, finalmente trasladados a HM Rosaleda. O goberno de Feijóo rexeitou o traslado a centros hospitalarios de grandes dependentes. A asociación de familiares informaba que nesa residencia houbo 37 traballadoras positivas e, de 150 persoas residentes, 116 quedaron infectadas. A Xunta daba unha cifra oficial de 22 falecidos, cando foron 53 porque “non contaron os que deixaron morrer na residencia” (223 en toda Galiza, que non foron hospitalizadas).

O persoal sanitario que criticou a actuación da Xunta foi represaliado. Así, foi cesada unha xefa de servizo de Vigo e represaliado o director da residencia de maiores de Molgas, que declaraba: “A Xunta actuou tarde e mal porque hai que detectar de forma precoz os casos positivos na residencias, que non son hospitais e hai que derivar eses enfermos a centros onde se lles ofreza atención sanitaria”.

Un gran negocio

As residencias privadas son un gran negocio, en conivencia coa Xunta, controlado por fondos de investimento estranxeiros. Hai 247 residencias para maiores con 16.431 prazas (77,21%) e só 74 públicas con 4.838 prazas (22,8%). DomusVi (a súa máxima responsábel Josefina Fernández recibía en 2016 de Feijóo a Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Vigo), ten 21 centros en Galiza e declarou un beneficio de 197 millóns de euros en 2017. A Fundación San Rosendo, patrocinada polo bispado de Ourense, con 67 centros e 3.600 prazas, está dirixida por persoas próximas ao PP e recibía de Fraga a Medalla Castelao. O 45% das falecidas por Covid-19 (620) son de residencias para maiores. A precariedade laboral nas privadas e ter como obxectivo a consecución de beneficios, provocaba que estes centros fosen os máis afectados pola pandemia.

Organizacións do persoal sanitario e familiares de residentes denunciaron ante a Fiscalía a situación destas residencias: “Non é só a Covid-19 a que mata ás anciáns, senón tamén a imprudencia, o abandono, a neglixencia e a falla de auxilio practicado ás vítimas”. A Fiscalía abría seis procesos contra residencias e investigaba deficiencias en oito.

Por outra parte, o peche dos centros de día polo Goberno de Feijóo afectaba en Galiza a máis de 14.000 familias. Por outra parte, reclamaba protocolos de actuación ao Goberno central en caso de rebrote, cando tiña todas as competencias. 

Nas eleccións para o Parlamento Galego celebradas o 12 de xullo de 2020, Feijóo converteu a CRTVG no seu principal aparato de propaganda con máis de 40 comparecencias ou “mitins” desde a declaración do estado de alarma. O Comité Intercentros da CRTVG denunciaba a “manipulación informativa”, cualificando a cobertura da pandemia como “un irresponsábel e trapalleiro exercicio de precampaña electoral ao servizo do candidato Feijóo”.

 

Escurantismo sobre o número de mortes

Despois da pandemia o número de falecidos pola Covid-19 en residencias privadas estaba sen concretar polo escurantismo das empresas propietarias ou que xestionan as residencias, e da propia Xunta. As familias acusaban á Xunta de falsear á baixa as mortes nas residencias durante a xestión de Feijóo. A consellería de Política Social , que se negou a dar información sobre os falecementos en cada centro de maiores de Galiza durante a pandemia, aseguraba que entre marzo e novembro de 2020 morreron 509 persoas nas residencias, pero a Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias de Maiores e Dependentes (REDE) aseguraba que foron 569, como mínimo.

Estes son algúns dos datos en cinco centros, recollidos dun documento asinado por Antonio Acevedo Prado, Director Xeral de Maiores e Atención Socio Sanitaria, que publicaba Praza Pública: en DomusVi Barreiro (Vigo) serían 47 falecidos e non 32; en DomusVi San Lázaro (Santiago) 53 e non 41; en DomusVi Aldán-Cangas 38 e non 30; na residencia de San Carlos, propiedade da fundación católica San Rosendo, en Celanova (Ourense) propiedade do Bispado, serían 11, e non 9; na residencia de Salvaterra de Miño 35 mortos e non 24. REDE lembraba que este dato de Salvaterra estaba nunha información oficial da Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia da Consellería de Política Social elaborado en 2021.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.