Feijóo criticaba o aumento da débeda no Estado que concretaba en 300.000 millóns de euros nunha entrevista en El Mundo (31-7-2022). Culpaba a Pedro Sánchez de que “cada español tiene un pufo de 6.000 euros en deuda”. Non explicaba que ese aumento da débeda era debido, entre outras causas, a que se utilizaron moitos recursos públicos durante a pandemia para financiar axudas económicas nos ERTE (Expedientes de Regulación Temporal de Emprego) e axudas extraordinarias para autónomos. Engadía máis críticas: “Tienen que dejar de hipotecar el futuro de los españoles. La política de Sánchez nos añade 200 millones de euros de deuda pública cada día” (La Razón, 4-9-2022).
Feijóo ten mala memoria, non lembra que o último Goberno de Rajoy aumentou un 46% a débeda pública no Estado español e non predica co exemplo porque durante a súa presidencia da Xunta, Galiza triplicou a súa débeda: a 31 de decembro de 2008 (goberno bipartito PSOE e BNG) a débeda pública era 3.954 millóns de euros, o 6,8% do PIB galego, que representaba unha carga de 1.429 euros por galega/o; en 2022 a débeda foi de 11.984 millóns, o 18,4% do PIB. Os Orzamentos da Xunta para 2.023 prevían unha débeda de 12.250 millóns de euros, é dicir, triplica a débeda de 2009 cun “pufo” de 4.540 euros por galega/o, pero disto falan pouco os medios de comunicación. Neste tema Feijóo tamén está blindado.
Orzamentos para 2023 recollían que a Xunta tiña que pagar 110,66 millóns de euros en concepto de xuros de débeda e 144,36 millóns por compromiso derivados da chamada colaboración público-privada. Ademais, a Xunta tiña comprometidos pagamentos de 2.050,63 millóns até 2040 por obras executadas pola modalidade de colaboración público privada. No caso do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, unha operación ruinosa, a Xunta ten que sufragar un total de 1.400 millóns de euros pola obra até o ano 2036 por esta “exitosa” modalidade, tres veces máis do previsto como público.
“Chiringuitos” da Xunta que non teñen control
Un informe do Consello de Contas de Galiza (organismo encargado da fiscalización económica, financeira e contable da Administración galega e da prevención da corrupción na sector público galego), sinalaba o 29 de xullo de 2022 que en Galiza había numerosas entidades dependentes da Xunta, os chamados “chiringuitos” (87 en total, sen contar o Servizo Galego de Saúde), que acumulaban unha débeda de 558 millóns de euros no ano 2020: 29 fundacións públicas, 17 axencias, 15 sociedades mercantís, 11 organismos autónomos e entidades de consulta, 9 consorcios, 4 fondos de capital risco e 2 entidades públicas empresariais. Estes “chiringuitos”, cun cadro de persoal de máis de 8.000 traballadoras/es, xestionaban 1.737 millóns de euros, é dicir, o 14% do Orzamento da Xunta do ano 2020.
Entidades con maior débeda: Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que xestiona a política de vivenda da Xunta; Sociedade anónima Xestur, promotora inmobiliaria e para a xestión de solo industrial e na que participa o IGVS; Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), que xestiona os medios públicos; Sociedade Galega de Medio ambiente (SOGAMA), empresa pública mixta de xestión ambiental, participada ao 51% pola Xunta e ao 49% por Naturgy, empresa eléctrica privada.
O citado informe do Consello de Contas sinalaba que coa presidencia da Xunta de Feijóo continuaron aumentando as transferencias e subvencións da Xunta a esas entidades e tamén o peso relativo deses organismos na xestión do diñeiro público. Tamén recollía que esa proliferación de entidades está ligada “á fuxida do dereito administrativo nos procesos de contratación, á maior discrecionalidade nas políticas de persoal, á relaxacións dos controis e á elusión dos límites ao endebedamento”. Entre outras funcións, estes “chiringuitos” e entidades públicas serven para recolocar a amiguiños/as e cargos públicos.
Galiza necesita un novo sistema de financiamento
Unha das causas da débeda de Galiza é que o actual sistema de financiamento é claramente lesivo para a nosa nación porque detrae para outras áreas do Estado unha parte importante dos impostos recadados na Galiza.
O modelo de sistema de financiamento máis beneficioso para Galiza era debatido nunha Comisión Especial do Parlamento Galego. O economista Xosé Díaz defendía o modelo do concerto porque na actualidade "menos de 3% dos ingresos non financeiros dos orzamentos da Galiza veñen de recursos propios" e isto quere dicir que a Xunta non ten competencia "nin capacidade sobre a contía e disposición dos recursos públicos, carece de autonomía fiscal", que é a base para ter un autogoberno propiamente dito.
Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, consideraba que a ”extensión do sistema de concertos sería moi negativa para Galiza”. Defendía que Galiza recibise unha maior cantidade do fondo interterritorial ("recibimos 50 millóns ao ano e deberiamos recibir 300 millóns"), "nivelar todos os servizos públicos" e a defensa daqueles criterios, sobre todo o de "espallamento" poboacional que nos beneficiaría. Era partidario de poder avanzar en “autonomía financeira”, mais sempre en fórmulas colexiadas co Estado.
Díaz sinalaba que o actual sistema presenta a Galiza como “incapaz de se valer por si propia, de non ser capaz de vivir do seu propio traballo, agachando que é o Estado quen debe a súa existencia aos nosos recursos”. Pronunciábase por un sistema de financiamento “asimétrico” e que Galiza avance cara á plena responsabilización fiscal. Concretaba algunhas medidas: un modelo diferente, no camiño de Euskadi e Nafarroa, que permita ao poder galego recadar todos os tributos; fixar unha política fiscal propia, dotándose dun sistema de concerto que lle posibilite contar coa suficiencia financeira necesaria para a prestación dos servizos públicos; introducir os cambios necesarios para que todas as actividades desenvolvidas na Galiza tributen no noso país; crear unha axencia tributaria galega con competencias reais.
O estudo Os resultados da liquidación do sistema de financiamento de réxime común ou das “rexións” en 2020 e algunhas cuestións sobre un posíbel novo financiamento de Xosé Díaz recollía que as contas de 2020 certificaban un saldo neto negativo para Galiza de 3.994 millóns de euros porque o Estado recadou en impostos un mínimo de 11.938 millóns e só reintegrou 7.944 millóns. Co actual modelo de financiamento Galiza perdeu 17.989 millóns de euros só no período 2017-2020.
Na fiscalización da Conta Xeral galega de 2020, o Consello de Contas da Galiza advertía da “insuficiencia do actual modelo para proporcionar os recursos financeiros necesarios para a cobertura das necesidades de gasto que leva a prestación dos servizos da súa competencia”. E consideraba “de urxencia” a aprobación dun novo modelo que solucione estas insuficiencias, “en consonancia cos elementos diferenciais que concorren na prestación dos servizos que realiza a nosa Comunidade Autónoma".
O economista Ángel de la Fuente, director da Fundación de Estudos de Economía Aplicada (FEDEA), destacaba que Galiza era en 2019 un dos territorios do Estado que saían “peor parados co actual sistema de financiamento”, recibindo 2.846 euros por habitante, 475 euros menos que Cantabria (3.321 euros), 365 euros menos que A Rioxa (3.211), 281 euros menos que Illes Balears (3.127), 240 euros menos que Estremadura (3.086) e 235 euros menos por habitante que Canarias (3.081).