Rocas: xogan brancas e as negras fan trampa

Acto de apoio á candidatura da Ribeira Sacra como patrimonio mundial, celebrado en Pantón en 2018 CC-BY-SA Xunta

O que está en xogo en Rocas é a dobre política ambiental do Partido Popular, alomenos en Galicia. A branca e a negra. E na política ambiental inclúo todo o entorno que nos rodea; a natureza, por suposto, pero tamén valores culturais e patrimoniais: a paisaxe e a protección do patrimonio.

Na política branca, temos as declaracións de Bens de interese cultural que se publican non só no DOG, senón que se anuncian nos medios de comunicación a bombo e platillo. Quizais o mellor exemplo disto sexa o anuncio do BIC Ribeira Sacra, celebrada, coma se dunha gala dos Goya se tratara, no mosteiro de Santa María de Montederramo, a porta pechada para que non entrara ninguén sen a debida etiqueta (supoño eu, que non fun), con calefacción e sorrisos. Na política ambiental branca entra tamén a Lei da Paisaxe de Galicia, o catálogo de paisaxes protexidas de Galicia, ou a declaración de Ben de Interese cultural de San Pedro de Rocas, chan arqueolóxico protexido. O BIC Ribeira Sacra defíneo como unha paisaxe cultural. Importante concepto que inclúe non só valores naturais senón tamén todo o patrimonio material e inmaterial que nós como galegas, e as que viñeron antes que nós, construímos ata hoxe. Coa idea, expresada na política branca, de que sexamos quen de custodiala para as que veñen detrás de nós. Emociona ler a sensibilidade coa que a Lei da Paisaxe de Galicia descrebe os valores de cada un dos recantos do país. Unha sente que a administración protexe os intereses da cidadanía e o ben común.

E despois está a política negra. Na política negra, como é sabido, aliméntase a xenreira dos pobres intentando botarlle a culpa a algún ente/ rexión/ ideoloxía que explicaría a continua desmellora de todo o noso territorio rural en termos non só de despoboación, senón de servizos e calidade de vida. Parece difícil o intento, pois despois de décadas cun pequeno e insuficiente intermedio, o partido popular leva gobernando a Xunta de Galicia desde a transición. O lóxico sería que a poboación responsabilizara ao goberno da Xunta da situación desastrosa na sanidade, na educación, nas comunicacións, e na falta de oferta cultural fóra das vacacións (ben sabido é que en canto ven a xente de fóra multiplícasennos as axendas nas aldeas con todo tipo de ofertas de cultura e lecer para todas as idades).

Mobilización en San Pedro de Rocas © SOS Ourense

¿Como evitar que se note a falta de interese e o abandono do noso rural por parte da Xunta? Inventando un medio ambiente malo, de rostro adusto, sancionador e limitante, que ven de non se sabe ónde (sitúase difusamente, quizais en Bruxelas, quizais en Madrid) para evitar que a Xunta que quere pasar por boa invista no rural. Así fan a política negra. Fóra dos focos mediáticos, sen parafernalia, aldea a aldea, porta a porta. Desdobrando ao Partido Popular nas súas institucións. Cando toca campaña electoral, Deputación e concellos fan a política negra, erixíndose en defensores da cidadanía fronte aos supostos abusos do medio ambiente. A culpa de todo tena o medio ambiente, din (Nena, pon outra ronda aquí). 

Non incorporaron aínda o concepto de ditadura progre a isto do medio ambiente, pero todo se andará. Se non fóra polo medio ambiente, din, Galicia sería un lugar moderno e cheo de infraestruturas, a agricultura e a gandeiría serían tan rendibles que dariamos envexa, independentemente dos prezos á baixa nos mercados alimentarios (para o que se vende) e os custes en aumento para o que se compra. Se non fóra polo medio ambiente, din, poderiamos inzar as montañas de parques eólicos que producirían riqueza que se espallaría por todo o territorio, sen dicir que esa riqueza non queda no país senón que alimenta a grandes empresas.(Nena, cobra aquí. O billete sácao o visitante, o paisano queda convidado sempre en campaña). Por non falar dos lobos e das supostas granxas de xabaríns, mitos fundacionais da estratexia.

Se non fóra polo medio ambiente, di a política negra, poderíase ensanchar a estrada que vai a San Pedro de Rocas non porque faga falla, senón polo de burro grande ande ou non ande, porque sempre máis e mellor, e polo tanto unha estrada grande é mellor que unha pequena. Así se alimenta a xenreira contra o que ven de fóra (podiamos estar falando de inmigración, falamos de leis ambientais). Cómpre ampliar a estrada sobre todo para demostrar que as institucións locais poden protexernos dese medio ambiente malo e sancionador, limitante. Non queda tan lonxe aquela época na que nos concellos facían campaña entre a veciñanza cando se propuña unha declaración de protección ambiental.

Limos as leis, vimos na prensa as campañas a prol da conservación do patrimonio da Ribeira Sacra e das paisaxes de Galicia, e parecéronnos ben. Agora esiximos que se apliquen.

Pero fóra desta campaña invisible, na cidadanía democrática, existe unha preocupación real polo medio ambiente, insisto, nas súas dimensións naturais, patrimoniais e culturais ou humanas se se quere. E esa preocupación real está levando á xente a preocuparse porque se cumpra a lexislación ambiental. Que non é un ente malvado que ven de fóra, que é o noso puro amor polo que temos e polo que fixeron os que nos precederon.

As árbores que pretenden tallar en Rocas son exemplares moi antigos, que levan moitos anos medrando. Quen plantara algunha árbore hai máis de dez anos poderá entender de que estou falando, e por suposto calquera que teña sensibilidade. O chan arqueolóxico protexido de Rocas agocha tesouros para investigacións que aínda non están iniciadas, e borrar as pegadas do pasado é condenarnos á ignorancia. Pasada a campaña mediática da política branca sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, a política negra que pretende destruir o entorno de Rocas non pode pasar páxina e seguir vendendo polas aldeas que aí está o PP para defender á cidadanía das restricións ambientais e patrimoniais. Xa non.

A política branca fixo o seu efecto. Limos as leis, vimos na prensa as campañas a prol da conservación do patrimonio da Ribeira Sacra e das paisaxes de Galicia, e parecéronnos ben. Agora esiximos que se apliquen.

Coa lei na man, as obras de ampliación da estrada de San Pedro de Rocas son, como mínimo, irregulares: a política negra, ademais de facerse sen público, fai trampas. Estas obras foron informadas negativamente por patrimonio en 2011 e 2018. O informe favorable chegou, de maneira irregular, despois da declaración do BIC Ribeira Sacra. O xuízo previsto para este xoves 10 de marzo está aprazado, pero moitas árbores xa están talladas, un dano irreversible.

Estes días en Rocas houbo calidade humana, houbo frío, houbo cansazo, houbo comida repartida, e fronte a iso, o poder da forza bruta, como se a guerra en Ucraína tivera un eco lonxano aquí. Para lembrarnos que todas as vidas valen. Sentimos máis, por suposto, as dos seres humanos, pero as árbores (e isto sábese abrazándoas, sen máis) teñen tamén vida. E agora hai vidas rematadas pola forza, e as nosas bágoas hoxe foron da dor da perda, non da derrota. A resistencia branca que demostra que a xente non mira para outro lado. Por casualidades da vida, cousas incribles que pasan, defendendo o patrimonio había mulleres e homes, tallando as árbores só homes. Coma unha metáfora, sorpresas que a vida che dá. Dun lado a cidadanía plural, do outro unha empresa (FINSA), a Deputación e as forzas da orde.

Mulleres e homes seguiremos defendendo a conservación do patrimonio natural e cultural, seguiremos defendendo o dereito dos pobos a vivir en paz e a defensa dos valores democráticos. O mundo non ten donos, ten habitantes con dereitos. As mobilizacións continuarán, e os responsables de toda esta desfeita terán que render contas.

#salvemosrocas

#sosourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.