Roupa sucia. 10 anos da traxedia do Rana Plaza

No colapso do Rana Plaza morreron 1.140 persoas e 2.500 quedaronn con feridas ou sufriron graves amputacións © knittingindustry.com

No colapso do Rana Plaza morreron 1.140 persoas e 2.500 quedaronn con feridas ou sufriron graves amputacións

Bangladesh, 2013. Neste país do sueste asiático máis de catro millóns de persoas traballan na confección de roupa para marcas mundiais. Hai más de 5.000 fábricas no sector téxtil, un importante piar da economía bangladeshí, pois supón o 80% das súas exportacións.

O 24 de abril daquel ano, ocorre unha traxedia. En Dacca, a capital, colapsa o Rana Plaza (Centro comercial Rana), un edificio de oito andares con 5 talleres de confección de roupa nos que traballaban varios miles de persoas, a maioría mulleres. Ás 9 da mañá o edificio comeza a derrubarse, quedando en pé só a planta baixa. Morren 1.140 persoas e 2.500 quedan con feridas ou sofren graves amputacións.

Traballadora nun taller de costura © apestan.com

A Campaña Roupa Limpa, unha iniciativa mundial que promove condicións de traballo dignas, identificou unhas 30 marcas con provedores nas fábricas do edificio; entre elas estaban Mango, El Corte Inglés, Benetton e Primark

Como é habitual no sector téxtil, as grandes marcas apenas teñen talleres propios, pois concertan subcontratas, provedores externos, o que dificultou coñecer para quen traballaban as vítimas. A Campaña Roupa Limpa (Clean Clothes Campaign)​, unha iniciativa mundial que promove condicións de traballo dignas, identificou unhas 30 marcas con provedores nas fábricas do edificio; entre elas estaban Mango, El Corte Inglés, Benetton e Primark. 

Ao ano seguinte 200 compañías —entre elas Inditex e H&M, que non tiñan provedores nesas fábricas no ano da traxedia, pero si en anos anteriores— asinaron o “Acordo sobre Incendios e Seguridade nos Edificios de Bangladesh” un pacto vinculante para aplicar medidas de seguridade laboral con inspeccións independentes e formación en prevención de riscos. O acordo incluíu un fondo económico —escaso— para axudar aos superviventes e familias das vítimas.

10 anos da traxedia

A fabricación da roupa, tanto da cara como, sobre todo, da barata, realízase en países de baixos custos laborais, que van de Marrocos a Vietnam, pasando por Turquía, India ou China, e tendo unha especial importancia en Bangladesh. Falamos dun pequeno país superpoboado (ten 170 M de habitantes que viven en apenas un terzo da superficie de España) contiguo a India, na desembocadura do río Ganxes.

Se ben as compañías téxtiles son responsábeis directas de vixiar as condicións nas que se produce a roupa, os tecidos e outros compoñentes como tinturas, os consumidores non podemos eludir a nosa propia responsabilidade, apoiando as marcas responsables e rexeitando aquelas que non o sexan

Aínda que os xeógrafos medievais europeos situaron o xardín do Edén nesa zona do sueste asiático, a realidade actual dista moito de ser aquel paraíso bíblico: Bangladesh é unha república presidencialista considerada como unha democracia con graves carencias e unha situación de vulnerabilidade extrema ao cambio climático, ao que se suma que é un dos máis pobres do mundo, onde o salario medio dos traballadores téxtiles é inferior aos 50 €/mes (fronte aos 150 o 200 €/mes de China). É este o lado escuro da roupa fast fashion, no que as condicións de traballo amosan situacións de explotación laboral, condicións insalubres, prohibición de sindicación... e ata traballo infantil. Eliminar estas malas prácticas non é facil, incluso en países ricos, como se veu hai poucos días en EE.UU. onde se descubriu que unha coñecida marca de comida rápida empregaba menores de idade, incluído nenos de menos de 10 anos.

Se ben as compañías téxtiles son responsábeis directas de vixiar as condicións nas que se produce a roupa, os tecidos e outros compoñentes como tinturas, os consumidores non podemos eludir a nosa propia responsabilidade, apoiando as marcas responsables e rexeitando aquelas que non o sexan. E non deixarnos enganar por accións filantrópicas (Inditex, por exemplo, ten feito doazóns económicas a Greenpeace, Cáritas, Entreculturas e Médicos Sen Fronteiras) que supoñen escasos montantes na conta de resultados

A mellor filantropía é un salario digno e condicións laborais xustas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.