'The Seed of the Sacred Fig' de Mohammad Rasoulof. Mulleres e resistencia en Irán

The Seed of the Sacred Fig ©

The Seed of the Sacred Fig (2024), con dirección e guión de Mohammad Rasoulof, é un drama político-social, con valor documental e significado alegórico que amosa a realidade social de Irán a través da intimidade dunha familia iraniana ligada ao réxime

The Seed of the Sacred Fig (2024), con dirección e guión de Mohammad Rasoulof, é un drama político-social, con valor documental e significado alegórico que amosa a realidade social de Irán a través da intimidade dunha familia iraniana ligada ao réxime. A historia constrúese sobre o medo, a sospeita, a inmoralidade e o terror, mesturando características do drama, thriller e cinema de terror. A película, rodada en segredo -e así indicado na mensaxe inicial do filme- chega como unha coprodución entre Francia e Alemaña cunha duración de case tres horas. Acadou o premio Especial do Xurado e Fipresci no Festival de Cannes. O Premio do Público ao mellor Filme Europeo en San Sebastián. E a nominación ao Óscar á Mellor Película Internacional, por Alemaña. 

Mohammad Rasoulof (1972) é un director iraniano exiliado en Berlín, que foi condenado reiteradamente a penas de prisión por atentar "contra a seguridade nacional". Os problemas co sistema xudicial e coa censura foron constantes ao longo da súa carreira. Prohibición de saír de Irán. (2017). Prohibición de rodar no seu país, sen poder, pois, estrear en Irán. A rodaxe de parte das súas obras fíxoa clandestinamente e enganando ao réxime aiatolá, como sucedeu co seu anterior filme A vida dos demais (1). As cintas eran enviadas despois ao estranxeiro, onde finalmente se estreaban. A última condena, oito anos de cárcere, castigo a lategazos e confiscación dos seus bens, colleuno na cuarta semana de rodaxe de The Seed of the Sacred Fig. A rodaxe fíxoa un equipo pequeno e da súa total confianza, pero sen a asistencia presencial do director ás rodaxes para non levantar sospeitas. Finalmente, ante a inminencia de entrar unha vez máis na cadea, mudou os plans de rodaxe e decidiu abandonar o seu exilio interior, pedindo asilo no estranxeiro. Había pouco que cumprira outra condena. Arduo, o saír do país. A pé e sen dispositivos electrónicos ata chegar a un país fronteirizo con Irán. Dende este, a Alemaña. Unha vez alí, anunciou a súa fuxida.

A historia constrúese sobre o medo, a sospeita, a inmoralidade e o terror, mesturando características do drama, thriller e cinema de terror. A película, rodada en segredo, acadou o premio Especial do Xurado e Fipresci no Festival de Cannes. O Premio do Público ao mellor Filme Europeo en San Sebastián. E a nominación ao Óscar á Mellor Película Internacional, por Alemaña

O filme lévanos ao Teherán do 2022-2023, durante as protestas estudantís (maiormente mulleres) contra a opresiva autoridade teocrática do réxime aiatolá. Lembremos que o 16 de setembro de 2022, Mahsa Amini, unha rapaza de vinte e dous anos do Kurdistán iraniano, morre nun hospital de Teherán a consecuencia dos brutais golpes recibidos pola policía iraniana tres días antes. Fora detida o 13 de setembro pola “policía da moral” que a golpeou brutalmente por non levar ben colocado o ‘hiyab’. Horas máis tarde sería trasladada en coma a un hospital e tres días despois perdeu a vida.

Moitas foron as mulleres que valentemente se manifestaron para esixiren responsabilidades sobre a súa morte. O 17 de setembro, no seu funeral, moitas sacaron o veo berrando “morte ao ditador” e cantaron o slogan “Muller, Vida, Liberdade”. Este converteríase no berro-protesta das constantes e multitudinarias manifestacións (protagonizadas maioritariamente por mulleres) de todo o país, nas que moitas delas quitarían e queimarían os seus veos (obrigatorio dende os nove anos) ao igual que fixeron nas redes sociais. Moitas tamén cortarían o pelo. Elas encheron as rúas de forma incansable para clamar xustiza e liberdades. As manifestacións foron reprimidas de forma cruenta. Organizacións de dereitos humanos como Amnistía Internacional denunciaron que polo menos 500 persoas perderon a vida a mans das forzas policiais, que máis de 22.000 persoas foron detidas (moitas delas mulleres) e sete executadas en relación coas protestas. 

O filme lévanos ao Teherán do 2022-2023, durante as protestas estudantís (maiormente mulleres) contra a opresiva autoridade teocrática do réxime aiatolá. Mahsa Amini, unha rapaza de vinte e dous anos do Kurdistán iraniano, morre nun hospital de Teherán. Fora detida pola “policía da moral” que a golpeou brutalmente por non levar ben colocado o ‘hiyab’

Mohammad Rasoulof, que seguiu dende a cadea as protestas das mulleres iranianas, decide, á raíz da morte de Mahsa, facer un filme denunciando a violencia e represión sobre as mulleres iranianas.

Para isto, constrúe un drama social e político, un tanto intrigante a través dunha familia iraniana ligada ao réxime e formada por un matrimonio e dúas fillas. O punto de partida da historia, a morte de Mahsa Amini con todo o movemento de rebelión Muller, Vida, Liberdade. O protagonismo central, a familia, onde as cadeas do patriarcado están moi presentes e caen opresivas sobre as tres mulleres. A figura do patriarca esténdeas, invisibles aos ollos da nai.

O pai, Iman, acaba de ser ascendido a xuíz de instrución ao servizo do réxime. Entre os seus novos deberes, como axente de represión, asinar execucións de morte, algo que nos primeiros momentos lle crea problemas de conciencia, pero que despois acabará asumindo como se fose un executor da xustiza divina, apoiado incondicionalmente pola muller, que lle lembra arreo os deberes do cargo.

Ao tempo que ascende de posto, as protestas do movemento Muller, Vida e Liberdade estalan nas rúas e, paralelamente, van desencadeándose conflitos na familia (fillas fronte á nai/pai, que poñen en cuestión ao pai) que alteran os vínculos familiares.

A nai, Najmeh, preséntasenos como unha muller submisa defensora do status quo que representa o marido, acomodada no conformismo e na falsa seguridade familiar que ela non cuestiona. A súa función, preservar a orde e estabilidade familiar.

As fillas, Rezvan e Sana, espertando as conciencias, ao descubrir polas redes o que realmente sucede nas protestas. Elas non comparten as políticas opresivas e represivas do Estado. 

Cartel de The Seed of the Sacred Fig ©

Cine combativo e comprometido, que responde a preguntas de como funcionan os réximes teocráticos e totalitarios e todo o seu aparato represor... Cine con rostro de muller e homenaxe ás mulleres de Irán, vistas como defensoras da vida e liberdade, dos dereitos humanos e cunha relación máis directa coa paz. E tamén, como resistencia e esperanza

Salientar que os personaxes Najmeh e Iman acabarán evolucionando de forma contraposta, o que romperá definitivamente a paz familiar. O pai acabará por dobregarse totalmente ao réxime, volvéndose cada vez máis e máis autoritario. Pola contra, Najmeh, a nai acabará comprendendo, grazas ás fillas, que o que ela vive como seguridade e harmonía familiar non é mais cá degradación moral que estala por todas as partes, dentro e fóra da casa. 

Dúas escenas conmovedoras son reveladoras deste proceso de cambio da nai. Unha, o amor e entrega con que acicala o rostro do marido (representante da súa primeira etapa). A segunda, a que a leva a tomar a conciencia definitiva, a limpeza e desinfección do castigado e desfeito rostro de Sadaf (amiga da filla), ao retirarlle os perdigóns incrustados na cara pola máis bruta actuación e represión policial. Aí debe comprender Najmeh que a degradación moral está no réxime e na súa familia. O privado e o público crúzanse. O privado da familia alcanzou o público, ou ao revés. 

Grazas a que o director intercala na historia familiar imaxes das turbulentas e reprimidas manifestacións de Muller, Vida e Liberdade, as persoas espectadoras podemos ver o que acontece fóra da casa. Son vídeos que a cidadanía foi gravando nos móbiles e compartindo. Imaxes claramente reais, con formato de móbil e de gran valor documental. Estas foron de moita utilidade para o director, que non dispoñía de material directo sobre o tema. (Na cadea naqueles momentos). Coas revoltas o réxime parece ir abrindo fendas e, á vez, as mulleres da familia descubrindo a opresión do patriarca e do réxime. Nestas imaxes non hai ficción. 

Co ascenso, a Iman outórganlle unha pistola para a súa seguridade. Cando esta desaparece da casa, a trama dá un xiro inesperado, o que fai cambiar o ritmo da historia. As sospeitas, dende o réxime, recaen sobre a muller ou fillas. Daquela, Iman entra nun estado de ansiedade e paranoias que acaba impoñendo unhas normas draconianas na familia. Todo está en perigo: a familia, o traballo, a súa carreira... Ata aquí o drama familiar e unha longa primeira parte que actúa como un verdadeiro thriller psicolóxico, orixinando moitas tensións na familia, paralelas ao que acontece nas rúas. A partir destes momentos entramos nunha segunda parte, moito máis breve, cun ritmo un tanto ríxido e esquemático, que mestura drama e terror e cheo da acción propia do cine de terror, o que provoca un certo desequilibrio entre as dúas partes da historia. Nesta segunda parte descubriremos a verdadeira cara do pai como patriarca todopoderoso e servidor do poder absoluto dun réxime teocrático e totalitario. As mulleres que Imán reprime convértense na metáfora do trato que o Estado dá ás mulleres. 

Se pensamos nas circunstancias do proceso de creación da obra, unha non pode deixar de pensar que estamos diante dun home valente e interiormente libre. E ante un gran creador, aínda que o filme poida ser cualificado de ‘imperfecto’

Habería que comentar certos símbolos: o anel que levan os represores, o mesmo que leva o líder supremo iraniano. As fotografías de cartón, no corredor do xulgado, de homes e mulleres a tamaño natural coa man no peito e que chaman poderosamente a atención. Significado, a submisión a Deus, explicada no peche do filme coa fotografía familiar de Iman. Sobre o texto da figueira sagrada que abre o filme, dicir que a natureza cíclica da vida desta planta decidiu o título, tal como declarou o director pero sen revelar a(s) interpretación(s). Que cadaquén descubra.

Para explicar o impactante desenlace da historia, ao máis puro estilo do thriller, habería que desvelar o que acontece na escena final das ruínas-labirinto e antes na casa da infancia de Iman, (espazo rural) a onde leva a familia, o que aclara moitas claves do filme. Acción con rostro de horrores.

Cine combativo e comprometido, que responde a preguntas de como funcionan os réximes teocráticos e totalitarios e todo o seu aparato represor... Cine con rostro de muller e homenaxe ás mulleres de Irán, vistas como defensoras da vida e liberdade, dos dereitos humanos e cunha relación máis directa coa paz. E tamén, como resistencia e esperanza. 

Se pensamos nas circunstancias do proceso de creación da obra, unha non pode deixar de pensar que estamos diante dun home valente e interiormente libre. E ante un gran creador, aínda que o filme poida ser cualificado de ‘imperfecto’. 

 

Notas

(1) A vida dos demais: denuncia radical da pena de morte, analizando non só os efectos sobre vítimas e familias, senón tamén sobre os executores da morte, ás veces mozos que facían o servizo militar. Filme co que acadou este director fama internacional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.