Irán segue envolto na convulsión polas protestas tras a morte de Masha Amini, unha moza de 22 anos, mentres estaba detida pola 'policía da moral', segundo transcendeu, por non portar o veo acorde ao marcado pola doutrina relixiosa. Nunha desas manifestacións foi detida unha galega, Ana Baneira, segundo revelou a axencia de noticias HRANA, que divulga as informacións de diferentes colectivos de defensa dos dereitos humanos.
O Telediario de TVE daba conta este martes de que puidera contrastar co Ministerio de Exteriores español a noticia dunha detención que, informa a devandita axencia, se produciu "durante as protestas". Fontes diplomáticas citadas por varios medios sinalan, non obstante, que polo momento non ofrecen confirmación oficial do sucedido.
HRANA cita unha fonte "próxima á familia" para detallar que "foi arrestada hai poucos días" e que permanece encarcerada. Non obstante, a axencia indica que descoñece exactamente a data do prendemento e o lugar onde se atopa.
A axencia especializada en dereitos humanos HRANA indica que Ana Baneira, de 24 anos, foi arrestada nas mobilizacións pola morte de Masha Amini. A coruñesa participou en diversas iniciativas sociais nos últimos anos e exerce como voluntaria en Cáritas
Praza.gal puido confirmar que Ana Baneira, de 24 anos, estaba implicada na defensa de diversas causas sociais e, nesta liña, exerce como voluntaria en Cáritas A Coruña. A Universidade da Coruña, onde estudou, trasladou este xoves a súa solidariedade con ela.
Hai dous anos, Ana Baneira participara en diferentes espazos nos medios por unha iniciativa en clave ambiental. Durante o verán de 2020 percorreu a costa galega, da Guarda á Mariña, mentres recollía o lixo que atopaba. Tratábase de evidenciar que "non é o meu lixo, pero si o meu planeta", explicaba en declaracións á Radio Galega.