Hoxe 24 de outono de 2019 comeza a Transición no Estado español. Aquel cruel “Generalísimo” non lle chegaba ser xeneral, que comezou matando con armas en África e terminou matando con pluma estilográfica en España, asinando sentenzas de morte, que tivo o país enteiro baixo o xugo fascista durante 40 anos, que mesmo non sendo el crente, afirmouse no catolicismo, por comenencia, e desfilaba baixo palio como o deus do castigo e do terror. Así creou a ditadura nacional-católica da que a Igrexa aínda se aproveita na actualidade. Vémolos pronunciarse na súa defensa mesmo se as súas crenzas condenan os asasinos de persoas, aínda que non tanto como o aborto, eliminación de ovos de mulleres fecundados mediante violación legal ou ilegal.
Deixounos en herdanza unha fantasmagoría que segue ofuscando a boa parte da poboación e alimentando fantoches.
Despois de morto, seguiu ordenando o futuro. Non seríamos unha república democrática. Xa ninguén coñecera tal cousa. A el só podía suplilo un rei. Esta foi outra herdanza anacrónica que asumimos.
Ula a Transicion? Continuou reinando despois de morto, entronizado no monumento que, con descaro, levaba o nome dos Caídos, dos que fixo caer, metáfora de perder a vida, en honor da bandeira vitoriosa, que perdurou na súa ditadura, e despois.
En Alemaña, Hitler foi recoñecido como un ser abominable, e toda a poboación sábeo. As xeracións futuras estiveron e están obrigadas a comprobalo. O alumnado de todos os centros de ensino, asistiron e asisten, acompañados polo profesorado instrutor, aos lugares de exterminio. Tamén a Stasi. A sociedade é consciente do seu pasado.
Aquí, ninguén coñecía a Franco. Nas familias, aínda aterradas pola ditadura, non se falaba nada diso. A maioría padeceu o seu, e incluso a que non directamente, foi consciente do sufrimento colectivo. Calaron. O medo foi outra herdanza do ditador. Nin o profesorado de historia foi quen de contalo. Podo afirmalo só na medida en que me correspondeu falar do tema nas aulas de lingua e literatura a un alumnado ignorante. Na casa? Silencio. Tamén sei que non en todas as casas.
Hoxe comeza a transición e remata o medo, acaba o silencio. Non desaparecerán inmediatamente as nefastas herdanzas de Franco, un galego tremebundo e desleigado onde os haxa, ao que Galicia só ten que agradecer a dor, a desgracia, e o espolio.
Pero si se prepara o camiño para coñecer a historia e avaliar un futuro democrático.