Un cinema de pobo

Chano Piñeiro, dando indicacións en 'Mamasunción' (1983) ©

Mamasunción estreouse nun nadal de hai corenta anos. Apenas sete meses despois da estrea, foi a primeira emisión da TVG, a nosa tele, quen o diría hoxe, nacía cunha declaración de principios. Era o 24 de xullo de 1985 e o país enteiro puido ver a curtametraxe

A primeira vez que escoitei falar de Chano, sendo aínda un petís, foi cando lle preguntei polo enorme cartaz que tiña na parede do cuarto a miña tía Ana. No póster unha nena debuxada de xeito sinxelo (que para min era Ana, evidentemente) levaba a bola do mundo nun feixe e embaixo dela en letras grandes poñía Os paxaros morren no aire, e aínda por abaixo, Un filme galego. Así, marabillado por aquela imaxe, foi como descubrín que o tío Pablo e o seu amigo Chano facían películas e, o que me marabillou aínda máis, que se podía facer un filme no noso país. Fiquei pampo coa idea, coa posibilidade de facer cinema en Forcarei, na nosa lingua, de contar a historia local e con que dous rapaces de aldea puideran facer unha película. Aquela curta, que non vin até ser xa un adulto, era para min, evidentemente, un misterio e unha presenza do futuro posíbel.

O seguinte que lembro é aos maiores da familia falando dunha curtametraxe que ía protagonizar o avó, sonorizar Pablo e dirixir Chano. Desta volta en cine profesional. A familia implicouse moito porque para nós Chano era un máis da familia.

Eu enchía o peito, nunha casa na que o cinema era tan importante, nós tamén facemos cinema!

Daquela era un zarapelo inquedo, deses que non paran, e teño un recordo nebuloso do salón da casa dos avós co Chano alí, moi riseiro, agarimoso, magro, con barba, movendo as mans coa mesma delicadeza coa que falaba. Tiña algo especial aquel home para contar as historias que che facía quedar absorto escoitando. Gosto de crer que alí lle escoitei aquela sentencia tan coñecida: facer cinema en Galiza era posíbel, facelo en galego era necesario.

Pode que non sexa máis que unha lenda máis, como dicía John Ford, iso é en esencia o cinema.

Moitos de nós debémoslle a Chano, Pablo e Manecho o amor polo cinema, o orgullo do que somos e dos soños dos rapaces de aldea. E todos lle debemos que o noso sexa, desde que naceu, un cinema de pobo

Mamasunción estreouse nun nadal de hai corenta anos, tantos como a tía Sunción foi ao correo e tantos como meu avó lle dixo pola fiestra da estafeta de correos: non hai máis! Meses despois, Pablo e Mariluz, fixéronme un presente, o cartaz da curta que leva comigo toda a vida. De Tui a Compostela, de alí para Murcia e volta para o país. Aló, tan lonxe da nosa Terra de Montes e da nosa cultura atlántica, alucinaban coa foto da vella encollida naquel cartaz, coa historia e co filme, claro. 

Apenas sete meses despois da estrea, foi a primeira emisión da TVG, a nosa tele, quen o diría hoxe, nacía cunha declaración de principios. Era o 24 de xullo de 1985 e o país enteiro puido ver a curtametraxe. Eu graveina nun casete de vídeo que aínda está na casa, como un tesouro que meus pais non saben que lle roubei cando me independicei. No lateral, en letras grandes de rotulador negro coa caligrafía limpa do meu vello pon: Mamasunción.

Aquela foi a primeira vez dos centos de veces que vin esa fita, tan presente sempre na miña vida. Moitos de nós debémoslle a Chano, Pablo e Manecho o amor polo cinema, o orgullo do que somos e dos soños dos rapaces de aldea. E todos lle debemos que o noso sexa, desde que naceu, un cinema de pobo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.