En novembro de 1989 a cultura galega viviu un fito histórico: o cine Fraga de Vigo estreou de xeito simultáneo, no marco do encontro Cinegalicia, as tres primeiras longametraxes rodadas en lingua galega no formato comercial de 35mm: Continental (Xavier Villaverde), Urxa (Carlos López Piñeiro e Alfredo García Pinal) e Sempre Xonxa (Chano Piñeiro). As estreas, cun firme apoio do Goberno galego, estiveron acompañadas de encontros, mesas redondas, proxeccións, unha publicación e unha exposición.
En novembro de 1989 a cultura galega viviu un fito histórico coa estrea simultánea de Continental (Xavier Villaverde), Urxa (Carlos López Piñeiro e Alfredo García Pinal) e Sempre Xonxa (Chano Piñeiro)
Nos últimos meses o audiovisual galego está celebrando o 30 aniversario desta efeméride, nun momento ademais que coincide co éxito de crítica e público de O que arde, que xa se converteu no filme rodado en galego máis visto da historia e que opta a catro premios Goya, entre eles o de mellor película. Uns éxitos de Oliver Laxe aos que se suman os de Diana Toucedo, Eloy Enciso, Lois Patiño, Alfonso Zarauza, Alvaro Gago ou Anxos Fazáns, entre moitos outros e outras.
Dende novembro foron varias as iniciativas dedicadas a lembrar a importancia dese momento e deses tres filmes. O Ateneo de Vigo xuntou o pasado 21 de novembro nunha mesa de debate a Uxía Blanco, protagonista de Sempre Xonxa, Pancho Casal, produtor de Continental, e a Alfredo García Pinal, director de Urxa, acompañados do crítico de cine Miguel Anxo Fernández, que foi un dos artífices daquel acontecemento. Xa hai cinco anos a Cidade da Cultura acolleu unha mostra dedicada aos tres filmes, no 25 aniversario da súa estrea.
Así mesmo, o festival pontevedrés Novos Cinemas acolleu a presentación pública de Cinegalicia 2019, unha iniciativa de profesionais do audiovisual menores de 30 anos que decidiron celebrar a efeméride de maneira desprexuizada e heterodoxa dende múltiples áreas da creación: o vídeo, a crítica, a música ou o deseño.
De igual xeito, o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa CRTVG, vén de botar a botou a andar un espazo web que durante este ano 2020 permitirá ver os tres filmes, contextualizados con outros recursos e materiais didácticos que permiten comprender a relevancia desta efeméride. 30 anos de audiovisual galego permite descargar de balde unha unidade didáctica elaborada por José Antonio Cascudo. Ao longo do mes de xaneiro irán incorporándose novos materiais á paxina.
O documento comeza destacando que 30 anos despois da estrea dos tres filmes, e "tras as profundas transformacións acaecidas en toda a cadea de valor da produción audiovisual" é preciso reflexionar "sobre o dificultoso proceso de creación daqueles filmes, sobre o seu valor nun intento pioneiro de conformar unha industria, e trazar desde aquela data unha mirada cara ao presente e o futuro", no que o audiovisual galego se está a consolidar "como un sector estratéxico na configuración da nosa identidade nun mundo global".
O texto salienta a través de Sempre Xonxa a importancia do fenómeno migratorio no cinema galego e pon este filme en comparación con outros traballos anteriores e posteriores. Fai fincapé, ademais, no valor da lingua empregada en Sempre Xonxa e a vontade do seu director de "plasmar de xeito preciso unha determinada variante dialectal, neste caso pertencente á área oriental, en vocábulos como mutas, cuitelo, diullo...".
Subliña neste senso a "insistencia" de Chano Piñeiro en mostrar "unha verosimilitude lingüística que lle conferise maior autenticidade ao relato". "Piñeiro persegue a idea dun dos pais do cinema galego, Carlos Velo, que á súa volta do exilio mexicano, en 1977, alertaba de que «o desafío da nosa lingua e da nosa cultura é o audiovisual. Ou logramos entrar nese mundo ou esmorecemos»", sinálase.
En Continental destácanse os códigos visuais e formais empregados, destacando que Villaverde "realiza unha coidadosa posta en escena e, así, o universo dos obxectos no plano opera sempre cun dobre sentido: funcional e estético". A través de Xavier Villaverde a unidade didáctica fala da videocreación galega na década dos oitenta, lembrando algunhas creacións do propio realizador, como Veneno puro (1984), cualificada como "un dos fitos da videocreación galega" ou o videoclip 'Galicia caníbal', de Os Resentidos, que se convertería "nun dos grandes hits da modernidade galega".
Finalmente, en Urxa a unidade didáctica destaca o papel da muller e a representación que dela se fai. "A imaxe da muller presente en Urxa concíbese máis alá da lóxica burguesa, para a cal aquela é sinónimo de abnegación (ben sexa nai, ben esposa ou filla), e lembra, nun rexistro máis contemporáneo, a Ramona, a protagonista do filme Matria (2018), de Álvaro Gago, a muller escravizada en vida que loita por liberarse dos múltiples xugos aos que a sociedade a foi sometendo", afírmase.
De Cinegalicia a 'O que arde'
O texto péchase sinalando que a estrea de Urxa, Continental e Sempre Xonxa "xerou unhas expectativas enormes que co paso dos anos se converteron en frustración colectiva", xa que a década dos noventa, no canto de supor a consolidación do audiovisual galego, derivou "cara a unha longa travesía do deserto debido á febleza das infraestruturas do sector, a escasa implementación de políticas culturais destinadas ao cinema e o discreto papel da TVG como motor de produtos e oportunidades para creadores e creadoras do país".
E conclúese que "trinta anos despois do fito conxunto da estrea dos tres filmes a estudo, a epopea do cinema galego culmina co premio do xurado do Festival de Cannes, outorgado a O que arde, un filme dirixido por un galego, falado en galego e cunha mirada pousada sobre os problemas da nosa xente"
Cinegalicia 2019
O proxecto Cinegalicia 2019 nace da revista A Cuarta Parede e está comisariado polo seu director, Brais Romero, e polo crítico e investigador Cibrán Tenreiro. Nel participan un grupo de traballadores e traballadoras da cultura e o audiovisual que aínda non cumpriron eses trinta anos e que se achegan a aqueles filmes dende distintos eidos. Vídeo: Adrián Canoura, Iria Silvosa, Lara e Noa Castro; música: Oh Ayatollah!, Charles Rapante, e Elba Souto; deseño: Roberta Vázquez, Julia Huete, Pepa Prieto e Montse Piñeiro; e textos críticos: Laura Ramos, Sara Donoso, Anxo F. Couceiro, Jesús Silva, e Clara Coira.
"A vontade de Cinegalicia 2019 é dialogar con esas tres películas, dende a creación e dende a análise. É atopar conexións que xa existen"
A Cuarta Parede comezou hai unhas semanas a publicar os primeiros resultados do proxecto, destacando que "a vontade de Cinegalicia 2019 é dialogar con esas tres películas, dende a creación e dende a análise. É atopar conexións que xa existen, establecer outras novas, encher ocos que quedaron por encher e abrir camiños que poidamos camiñar, se cadra coa vontade de que a cultura galega se pareza a nós, ou a unha versión mellor diso mesmo".
A comezos de decembro VINTE adiantou un dos temas que integran a parte musical do proxecto, todos.xuntos.unidos.sempre., de Oh! Ayatolah, unha canción inspirada por Sempre Xonxa. "Moito se ten escrito sobre o evento, pero sempre desde as mesmas perspectivas e pola mesma xente. Cinegalicia 2019 quere poñer o de fóra cara dentro, á inversa e do revés o que se considera o nacemento do cinema galego”, destacaban Brais Romero e Cibrán Tenreiro en conversa con VINTE. Ao longo dos vindeiros meses seguirán publicándose novos textos, deseños, cancións e vídeos do proxecto Cinegalicia 2019
10 anos do 'Novo Cinema Galego'
Ademais, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) dedicará unha parte da súa programación de 2020 a celebrar, baixo o título NCG10, o 10º aniversario do xurdimento do Novo Cinema Galego, etiqueta acuñada en 2010 baixo a que se agruparían moitos dos realizadores do país con maior proxección nesta última década.
O CGAI celebra cunha programación especial o 10º aniversario do xurdimento do Novo Cinema Galego
Nomes como Alberte Pagán, Oliver Laxe, Peque Varela, Eloy Enciso, Xurxo Chirro, Lois Patiño, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Marcos Nine, Ángel Santos, Lara Bacelo, Ramiro Ledo ou o dúo WeAReQQ estarán presentes nesta retrospectiva, que arrincará con dúas sesións de acceso gratuíto para a proxección de cinco pezas previas filmadas entre 2006 e 2010.
A primera será o sábado 11 de xaneiro, presentada por Martin Pawley e dedicada a Oliver Laxe con Grr nº7: Y las chimeneas decidieron escapar (asinada con Enrique Aguilar), ademais de Grr nº8: Suena la trompeta, ahora veo otra cara e de París#1. A segunda das citas de NCG10 terá lugar o 22 de febreiro e nela poderán verse Eclipse e Bs. As, dúas fitas de Alberte Pagán.