O cinema galego está de moda. Aínda resoa a histórica nominación de O que arde para o Premio Goya á mellor película e este xoves chega ás salas un novo filme producido no país e gravado en lingua galega. Longa noite, de Eloy Enciso (Arraianos), narra con actores e actrices non profesionais a historia dun home que regresa a súa terra natal anos despois da Guerra Civil, descubrindo a través de conversas durante a súa viaxe como a propia guerra e a ditadura franquista transformaron as relación entre as persoas.
En Galicia proxéctase dende hoxe na Coruña (Yelmo Rosales e Cantones), Compostela (Numax), Ferrol (Duplex), Lugo (Codex) e Vigo (Norte)
A película vén colleitando un gran recoñecemento por parte da crítica e pasou polas seccións oficiais de festivais tan importantes coma o de Locarno (Suíza), Sevilla, Nova York ou Toronto. En Locarno Enciso fíxose co prestixioso premio Boccalino D'Oro ao mellor director. A Asociación da Crítica de Cine Independente, que entrega o recoñecemento, destacou que se trata dun "filme indispensable, que afonda nos pregues da memoria e da historia co fin de sacar á luz, nunha longa viaxe a través da noite, os perpetuos mecanismos da opresión e a dominación". Ademais, no Festival Internacional de Cine de Mar del Plata (Arxentina) Longa Noite foi galardoada cunha mención especial na sección 'Estados Alterados'.
O filme poderá verse dende este xoves en dez cidades de todo o Estado, entre elas Madrid, Barcelona, Bilbao ou Valencia. En Galicia proxéctase dende hoxe na Coruña (Yelmo Rosales e Cantones), Compostela (Numax), Ferrol (Duplex), Lugo (Codex) e Vigo (Norte).
O filme narra con actores e actrices non profesionais a historia dun home que regresa a súa terra natal anos despois da Guerra Civil, descubrindo como a guerra e a ditadura transformaron as relación entre as persoas
Enciso toma prestado o título do poemario seminal da gran figura lírica da posguerra en Galicia, Celso Emilio Ferreiro (Longa noite de pedra), para emprender unha viaxe pola posguerra e a ditadura franquistas.O guión parte de fragmentos de obras de autores como Max Aub, Luís Seoane ou Ramón de Valenzuela e a partir deles busca “reconstruir o tempo da posguerra a través de narracións e memorias desa época". Trátase dun filme coral, onde un conxunto de personaxes e voces amosan "unha imaxe da Galicia daqueles anos, en especial os mecanismos do poder nas sociedades totalitarias”, destaca o director.
Entre os actores e actrices aparecen Misha Bies Golas, Nuria Lestegás, Manuel Pozas, Verónica Quintela, Manuel Pumares Suso Meilán, Celsa Araújo e Miguel Calvo Ulloa. No apartado técnico destaca a participación do director de fotografía Mauro Herce, que vén de ser nomeado aos Goya polo seu traballo en O que arde. A película de Filmika Galaika foi rodada en diferentes escenarios da provincia de Lugo -Lugo, Meira, Becerrea, Chantada ou Sarria- e Pontevedra.
O que arde
Pola súa banda, O que arde entra na súa novena semana na carteleira, un enorme éxito que xa fixo que se convertese no filme falado en galego con máis espectadores da historia, superando a Sempre Xonxa. E semella que as catro nominacións aos Premios Goya, coñecidas esta semana, poden permitir que a súa estadía nas salas se alongue aínda máis.
De momento, o filme dirixido por Oliver Laxe pode verse esta longa fin de semana en catro cines galegos, na Coruña, Ferrol, Compostela e Lugo.
- A Coruña. Cine Yelmo Los Rosales. Xoves: 18.10. Venres, sábado e domingo: 18.30
- Ferrol. Cines Duplex. Sábado e domingo: 22.30
- Compostela. Sala Numax. Sábado: 12.00. Domingo: 16.00
- Lugo. Cinema Codex. Xoves: 20.30. Venres: 18.00 e 19.45. Sábado: 18.15 e 22.00. Domingo: 18.00