Todo o mundo entende e comparte, menos os responsables da Consellería de Política Social, que non é o mesmo traballar un festivo ou un domingo que calquera outro día ordinario da semana.
Coa escusa da crise económica do ano 2012, o Goberno Feijóo adiantouse ao Goberno central e no DOG de 2 de marzo de 2012, aprobou a Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, que suspendeu entre outros dereitos o artigo 19 do Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral da Xunta de Galicia, en concreto as compensacións por traballar en festivos e domingos.
Esta norma legal supuxo de facto dous efectos: unha redución drástica nos descansos do persoal dos centros de atención directa aos usuarios, que están abertos as 24 horas, os 365 días do ano, e unha maior carga emocional para os cadros de persoal que xa estaban ao limite, polas reducións sistemáticas levadas a cabo nos anos anteriores. É de destacar que a propia Lei 1/2012 establecía na súa disposición derradeira que as medidas previstas nela serían revisadas no prazo de dous anos desde a súa entrada en vigor en función da evolución da situación económica. Esta revisión nunca se levou a cabo a pesar de que o presidente da Xunta xactábase de que Galicia era unha das comunidades máis cumpridoras e solventes en materia de control do déficit. Xa que logo, mentres a economía melloraba os traballadores e traballadoras de Política Social seguían e seguen cos recortes impostos na etapa máis grave da crise económica.
A xustificación da recuperación dos dereitos recortados
Polo tanto, estes recortes de dereitos, a pesar de que tiñan carácter temporal, a realidade é que a día de hoxe se seguen mantendo a través das sucesivas leis anuais de acompañamento.
Este retroceso nos dereitos dos traballadores/as dos centros de atención directa aos usuarios, xunto cuns cadros de persoal moi axustados, implicou unha sobrecarga de traballo tanto físico como psíquico derivado da falta de descansos suficientes.
Cabe lembrar que as funcións que realiza o persoal de centros de atención directa supón, entre outras moitas tarefas, proporcionar coidados básicos e especializados axeitados, para garantir un estado de benestar físico e emocional integral das persoas asistidas.
Pois todo isto realízase todo os días do ano nas residencias de maiores, nos centros de menores e nos centros de discapacitados que xestiona a Consellería de Política Social, e o persoal que traballa os festivos (mínimo 8 ao ano) e os domingos (mínimo 24 ao ano) desde o ano 2012 non recibe ningunha compensación adicional por dita circunstancia.
Todo o mundo entende e comparte, menos os responsables da Consellería de Política Social, que non é o mesmo traballar un festivo ou un domingo que calquera outro día ordinario da semana.
Este colectivo de persoal de atención directa, que sufriu todos os recortes xerais (recorte de salario do 5% no 2010, recorte das pagas extra ata o ano 2016, supresión da acción social, etc...), tivo que soportar nestes últimos 8 anos o recorte específico sobre as súas condición de traballo.
Unha loita continuada e sistematizada
Isto levou a que desde o mesmo momento da supresión dos descansos compensatorios se producise un movemento de malestar especificamente neste colectivo de traballadores e traballadoras que foi canalizado a través de múltiples actos de protesta (caravana de coches, manifestacións nas comarcas, manifestacións en Santiago, entrevistas cos grupos parlamentarios, iniciativas diante da propia Consellería de Política Social e de Función Pública), pois non só se incrementou o estrés laboral e as baixas como consecuencia disto, senón que se viu afectada gravemente a conciliación da vida laboral e familiar (cabe lembrar que se trata dun colectivo de traballadoras altamente feminizado).
O feito de ver recortadas as compensacións por traballar festivos e domingos, unha media de 23 días de descanso adicional, supón sen dubida un recorte, non só nos dereitos laborais, que tamén, senón que afecta á propia saúde laboral do persoal (o traballo nos centros residenciais ten unha carga emocional engadida que non teñen outros traballos mais burocráticos).
A gota que colmou o vaso
Pois ben, despois de máis de 7 anos de pelexa, sen obter resposta algunha, chega a COVID-19 no mes de marzo de 2020, e desgraciadamente son os centros de atención directa aos usuarios, xunto cos centros hospitalarios, os que reciben a maior presión da pandemia. Os traballadores/as dos centros de atención directa a usuarios, os grandes esquecidos por parte da Consellería de Política Social, convértense da noite para a mañá, nos novos heroes da sociedade. Pero só no plano mediático: boas palabras, moitos aplausos iniciais, e ningunha concreción en termos de incremento de persoal, recoñecemento do traballo desenvolvido e incluso falta de medidas de protección axeitadas nos primeiro meses.
Diante deste panorama desolador e de esquecemento continuado deste colectivo de traballadores/as, as organizacións sindicais acordamos e consensuamos co persoal afectado incrementar as medidas de presión para que se nos recibise e se atendesen as lexítimas demandas, e así iniciamos unha campaña de concentracións diante dos centros de traballo (residencias de maiores, centros de menores, centros residenciais e centros de discapacitados), concentracións que comezaron o 28 de maio de 2020, todos os xoves de 11:00 a 11:30 horas.
A loita continúa case que un ano despois
Este xoves 18 de febreiro de 2021 cumpríronse 30 xornadas de loita (coas interrupcións correspondentes no mes de agosto, no período de Nadal e algún xoves de confinamento por mor da COVID-19). Lamentablemente e a pesar destes 30 xoves continuados de loita do persoal, a conselleira Fabiola García non tivo a ben recibir aos representantes dos traballadores/as, o que fixo que se incrementase o malestar e a impotencia, ao constatar que nin en plena pandemia se tivo un mínimo xesto de recoñecemento con este persoal.
Que sexa un persoal esencial, que estivo en primeira liña de combate da COVID, xunto co persoal dos centros hospitalarios, que merezan o recoñecemento social, pois contribuíron co seu esforzo, dedicación, profesionalidade e mesmo arriscando a súa propia saúde, para que os maiores, os menores e os discapacitados dos centros públicos estivesen ben atendidos e se visen menos afectados por la pandemia que noutros centros de xestión privada, non esta sendo suficiente mérito para que se lle devolvan os recortes de dereitos realizados no ano 2012.
Os traballadores/as dos centros de atención directa a usuarios merecen recuperar os dereitos que tiñan no ano 2012, e CCOO vai estar con eles nesa loita, pois máis pronto que tarde esta batalla a imos gañar sexa con esta conselleira ou cos que veñan detrás dela.