Un relato sobre o PSG: memorias dun “militante de aluvión” (IV)

Adhesivo do PSG © CCG / Fondo Miguel Gutiérrez

(A Xose Manuel Beiras Torrado, o meu profesor e camarada, in memoriam)

Á hora da procura de alianzas, o PSG atopouse coa evidencia de que con demasiada frecuencia os principios chocan coa realidade, o que obriga aos partidos políticos a corrixir as estratexias e as tácticas para adaptalas á correlación de forzas se non queren quedar illados. No caso do PSG as cousas non foron demasiado ben, eran tempos difíciles e escuros

4. O PSG e as alianzas políticas.

Á hora da procura de alianzas, o PSG atopouse coa evidencia de que con demasiada frecuencia os principios chocan coa realidade, o que obriga aos partidos políticos a corrixir as estratexias e as tácticas para adaptalas á correlación de forzas se non queren quedar illados. Como veremos no caso do PSG as cousas non foron demasiado ben, eran tempos difíciles e escuros.

1. Desde o primeiro momento, o PSG tivo moi clara a necesidade de procurar alianzas políticas a nivel de Estado. Alianzas que, loxicamente, debían ser con partidos políticos da mesma familia socialista pero que ao tempo tivesen en conta a realidade dunha España, na que as diferencias territoriais que a ditadura franquista fixera moi profundas conducisen a que as comunidades históricas reivindicasen o seu dereito a avanzar en soberanía para así poder desenvolver todas as súas potencialidades. Na declaración de principios, xa citada en artigos anteriores, o PSG, cunha retórica propia dos tempos que vivíamos, proclamaba “a súa solidariedade cos demais pobos da Península Ibérica cos que está xunguido nuns casos por comunidade de historia e de cultura e noutros polo feito común de estar sometidos, dende hai séculos deica hoxe, a un Estado unitario centralista e, na maior parte das dúas fases históricas, despótico e antidemocrático, que non conseguiu, sen embargo, esmagar e aniquilar as nosas personalidades colectivas diferenciadas, mais si abafalas e toller o seu libre desenvolvemento”. Singularmente proclamaba o PSG “a súa solidariedade cos demais partidos e movementos socialistas deses pobos peninsulares e coas clases traballadoras cuxos intereses teiman defender. Con eles proponse o PSG proseguir no inmediato a loita común pola caída do vixente réxime fascista”. 

A dinámica política deses anos estaba acelerada, o futuro político xogábase nun espazo curto de tempo e os erros pagábanse moi caros

Unha “solidariedade cos demais partidos e movementos socialistas” cuxa plasmación práctica tivera a súa primeira intentouna na Coordinadora Socialista Federal (1964), que posteriormente se continuaría na Conferencia Socialista Ibérica (1974) na que participarían, por unha parte, o Partido Socialista Galego (PSG) o Moviment Socialista de Catalunya (MSC), o Partit Socialista del Pais Valencíá (PSPV) e a Unión Sindical Obrera (USO) e, pola outra, o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), e que tiña como obxectivo avanzar na análise das posibilidades de lograr a unidade entre os partidos socialistas que operaban en todo o territorio español. Non foi posible o acordo pois ámbalas dúas partes partían de posicións e visións moi diferentes sobre a unidade socialista, xa que mentres o PSOE entendía que debía xirar e ter como centro este partido, a outra parte defendía a súa personalidade e concibía a unidade como unha federación de partidos na que todos terían os mesmos dereitos e tendo en conta a realidade do Estado español. Diferencias que se fixeron tan claras que se rematou sen acordo e indo “cada un polo seu lado”. Sobre esta ruptura non comparto a opinión daqueles que culpan a PSOE da mesma pois considero que era inevitable, dadas as diferencias habidas sobre a organización territorial dos socialistas e que naqueles momentos aparecían como insalvables.

Sen embargo, a teima das forzas socialistas autonómicas daría os seus froitos e dous anos máis tarde (1976) crearíase a Federación de Partidos Socialistas (FPS), integrada por organizacións socialistas de Galicia (PSG), Catalunya (MSC), Pais Valenciá (PSPV), Andalucía (PSA), Baleares (PSI), Canarias (PSC), Aragón (PSA), Madrid (CSM)... Un proxecto que apenas tivo un ano de vida pois disolveuse en vésperas das eleccións xerais de xuño de 1977. Realmente, a FPS nunca chegou a funcionar como tal, o grado de “conciencia nacional” era moi dispar, a implantación real de moitos das organizacións políticas era moi débil, a confianza na FPS como unha organización sólida e estable era escasa e non se vían en condicións de competir co PSOE polo espazo socialista nas respectivas comunidades. Un elemento disgregador foi tamén a proximidade dunhas eleccións xerais (1977) nas que, segundo as enquisas que se manexaban no interior da FPS, o PSOE ameazaba claramente con barrelos a todos.

A teima das forzas socialistas autonómicas daría os seus froitos e en 1976 crearíase a Federación de Partidos Socialistas (FPS), integrada por organizacións socialistas de Galicia (PSG), Catalunya (MSC), Pais Valenciá (PSPV), Andalucía (PSA), Baleares (PSI), Canarias (PSC), Aragón (PSA), Madrid (CSM)... 

A dinámica política deses anos estaba acelerada, o futuro político xogábase nun espazo curto de tempo e os erros pagábanse moi caros. A realidade é que o PSG (Partido Socialista Galego) chegaría ás eleccións xerais de 1977 sen que un dos seus obxectivos estratéxicos como, por caso, a alianza con partidos da mesma familia socialista se fixera realidade. Pódese pensar que o problema da FPS foi o tempo, un tempo necesario tanto para dar forma orgánica e política a esa federación como para estar presente nas distintas operacións políticas que se estaban fraguando en España, para facerse mais visible e así poder chegar á cidadanía tanto de cada comunidade como do conxunto do Estado. Se estes elementos fosen relevantes para o futuro da FPS, outras dúas incógnitas flotaban no ambiente: a primeira que en Europa, no espazo socialismo-socialdemocracia, non había unha experiencia política semellante nin sequera parecida -a URSS, como demócratas radicais que eramos, non nos servía como modelo- o que sementaba serias dúbidas sobre a súa viabilidade e a segunda que a FPS, quixera ou non, ía ter que competir politicamente co PSOE, que contaba cun nome moi coñecido e apreciado polas clases traballadoras, unha dirección única e tamén unha única estratexia. Cousa distinta era o que sucedía na FPS onde non había unha autentica dirección política pero si había claras diferencias estratéxicas entre os partidos que a formaban, por caso, sobre como afrontar a transición democrática, algo que se faría visible axiña: baste como exemplo a comparación entre a estratexia adoptada en Catalunya polo MSC e a adoptada pola PSG en Galicia. Diverxencias que eran o reflexo de visións moi distintas sobre os escenarios políticos español e propio, a correlación de forzas e as posibles saídas da ditadura. Entrarei con máis detalle a continuación.

2. O ano 1976 sería tan vital para o Partido Socialista Galego (PSG) como para practicamente todos os partidos democráticos. Nese ano poñeríase en marcha outro dos seus proxectos estratéxicos: o Consello de Forzas Políticas de Galicia (CFPG), que inicialmente estaría integrado polos seguintes partidos: Partido Socialista Galego (PSG), Unión do Pobo Galego (UPG) e Partido Galego Socialdemócrata (PGSD). Posteriormente sumaríanse o Partido Carlista de Galicia (PCaG) e o Movemento Comunista de Galicia (MCG). 

Este proxecto estratéxico, que partía dunha idea orixinal da UPG, tería tamén unha moi curta vida, pero plena de disensións internas que o levarían á súa desaparición nese mesmo ano. Unha desaparición que resulta fácil de entender por mor, tanto de terse dotado dun programa -Bases constitucionais para a participación da nación galega nun Pacto Federal- que non parecía tomar en consideración a correlación de forzas tanto en Galicia como en España, como da distinta visión que tiñan as forzas políticas que o integraban sobre a relación do CFPG co resto de partidos democráticos e as súas plataformas así como sobre a incorporación de forzas de ámbito estatal algo que, por caso, a UPG rexeitaba.

O PSG aparecera en vésperas das eleccións xerais (1977) como un partido político sen aliados nin en Galicia nin en España, cun programa que practicamente ningunha outra organización política defendía e, a diferencia do PSOE que contaría cunha financiación abondosa gracias a fundación Ebert (FES), con moi escasos recursos

En relación ao primeiro punto pode ser interesante reflectir o que, nas mesmas datas, estaba pasando en Catalunya, onde as forzas democráticas tiñan moita máis forza e aparecían máis unidas. En Catalunya a oposición á ditadura tiña como protagonistas principais a Asemblea de Catalunya -creada en 1977- e o Consello de Forzas Políticas de Catalunya -creado en 1975 a partir da Coordinadora de Forzas Políticas de Catalunya que se creara en 1961 e que agrupaba a maioría de partidos políticos, sindicatos e organizacións sociais- cuxas principais reivindicacións se condensaban no berro de “libertat, amnistia i estatut de autonomía”. Un Consello que só se disolvería en 1977 pouco despois de que se tivesen celebrado as eleccións xerais. Un Consello entre cuxos creadores e animadores estaba o Movement Socialista de Catalunya (MSC) compañeiro do PSG na FPS. Un escenario político moi distinto ao galego, cun CFPC cunha composición e unha estratexia diferente e máis potente cá do CFPG, e con un MSC (Movement Socialista de Cantalunya) cuxa estratexia política era, como sinalba antes, tamén claramente diferente ao do PSG

Con respecto á relación entre os partidos democráticos apuntar que mentres en Galicia o CFPG se disolvía (1976), en España as forzas democráticas e antifranquistas creaban (marzo 1976) a Coordinadora Democrática -coñecida popularmente como Platajunta-, xurdida da fusión da Junta Democrática de España e a Plataforma de Convergencia Democrática e que aglutinaba practicamente todas as forzas de oposición ao franquismo, pero na que, por caso, o PSG non estaba nin se lle esperaba.

Neste escenario, o PSG aparecera en vésperas das eleccións xerais (1977) como un partido político sen aliados nin en Galicia nin en España -cos que levar adiante “a loita común pola caída da ditadura feixista”-, cun programa que practicamente ningunha outra organización política defendía e, a diferencia do PSOE que contaría cunha financiación abondosa gracias a fundación Ebert (FES), con moi escasos recursos para afrontar unha contenda electoral que se presumía moi rifada. Un horizonte cheo de nuboeiros.

Papeleta do PSG en 1977, encabezada por Xosé Manuel Beiras na Coruña © CCG / Fondo Miguel Gutiérrez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.