Hai agora 50 anos -o 25 de Xullo de 1976- certificouse o comezo dun tempo histórico novo no mundo político e social galego
Hai agora 50 anos -o 25 de Xullo de 1976- certificouse o comezo dun tempo histórico novo no mundo político e social galego.
Confluíron naquela data dúas circunstancias relevantes. A presenza do novo Xefe do Estado -o monarca Xoan Carlos de Borbón, designado por Franco- para consolidar a cerimonia político-relixiosa da "ofrenda ao Apostolo Santiago". E a poucos metros de semellante acto, un número certamente significativo de persoas manifestaban a súa defensa da identidade galega e reclamaban o recoñecemento efectivo dos dereitos nacionais tantos anos negados. As convocatorias realizadas por diversas organizacións procedentes do activismo antifranquista foron parcialmente neutralizadas pola reacción represiva dos corpos policiais, especialmente preparados para esa ocasión. Na memoria persoal daquel día gardo a imaxe da presenza física, na parte vella da cidade, dun policía de orixe galega -Xosé Amedo Fouce- pertencente ao grupo da "Brigada Político Social" que operaba en Bilbao e que anos mais tarde acadaría moita relevancia pública pola condena xudicial recibida pola súa participación nalgunhas accións dos GAL (a organización promovida dende os aparatos policiais do Estado para actuar violentamente contra ETA sen cumprir a legalidade vixente).
Nos anos inmediatamente posteriores, as autoridades gobernamentais trataron de impedir a celebración nas rúas compostelás do que se comezou a denominar "Dia da Patria Galega"
Nos anos inmediatamente posteriores, as autoridades gobernamentais trataron de impedir a celebración nas rúas compostelás do que se comezou a denominar "Dia da Patria Galega". Primeiro a UCD e no ano 1983 o gobernador civil da recen chegada Administración do PSOE pretenderon minimizar a capacidade mobilizadora dos grupos convocantes mediante distintas tácticas intimidatorias. Finalmente, a partir de 1984 normalizouse o exercicio, sen restricións, do dereito de manifestación nunha data coma esta. Dende ese momento, as controversias públicas só tiveron que ver coa importancia cuantitativa das persoas asistentes e co impacto cualitativo sobre o conxunto do escenario político galego.
O PP careceu da vontade necesaria para facer do 25 de Xullo unha conmemoración simbólica congruente coa condición de "nacionalidade histórica" contemplada no sistema constitucional vixente
No ano 1978 -antes, por tanto, do referendo do Estatuto de Autonomía e das primeiras eleccións ao Parlamento galego celebradas ao remate do ano 1981- o dirixente da UCD Antonio Rosón promoveu a iniciativa de consagrar oficialmente a denominación do 25 de Xullo como "Día Nacional de Galicia". Poren, a legalización formal deste nome non foi suficiente para asegurar o seu uso continuado no tempo. O desacordo das formacións nacionalistas que precederon ao BNG -partidarias do "Dia da Patria" como referencia nominativa- e a falta de interese de AP/PP na utilización do termo "nacional" arruinaron as posibilidades de consolidación da devandita fórmula. Resulta revelador que aínda hoxe, na publicidade da Xunta, o PP recorra habitualmente á fórmula do "Día de Galicia" para evitar un recoñecemento, sequera verbal, da condición nacional do noso País.
Coa perspectiva que proporciona o paso do tempo pódese afirmar que o PP -administrador político principal das institucións de autogoberno creadas co Estatuto de 1981- careceu da vontade necesaria para facer do 25 de Xullo unha conmemoración simbólica congruente coa condición de "nacionalidade histórica" contemplada no sistema constitucional vixente. Nin sequera o chamado "sector galeguista" do PPdG foi quen de facer realidade a institucionalización dun acto representativo da pluralidade social e política da nación galega no ámbito do Parlamento do Hórreo.
Se no ano 2006 comezara a tomar corpo un acto institucional de celebración do "Día Nacional de Galicia" no seo da entidade mais representativa da sociedade galega, o PP tería moitas dificultades para acometer a súa eliminación posterior
Para completar o cadro da realidade vivida durante estas décadas pasadas hai que sinalar que BNG e PSdG non resolveron ese déficit simbólico durante o período no que dispuxeron da maioría na Cámara lexislativa. Se no ano 2006 comezara a tomar corpo un acto institucional de celebración do "Día Nacional de Galicia" no seo da entidade mais representativa da sociedade galega, o PP tería moitas dificultades para acometer a súa eliminación posterior.
O nacionalismo galego, hexemonizado polo BNG, evitou o esmorecemento da referencia simbólica do 25 de Xullo. Este mérito indiscutíbel levou aparellado un prezo tamén evidente: a identificación dominante do "Día da Patria" cunha organización partidaria. Velaí un exemplo das luces e das sombras presentes nos últimos 50 anos da nosa historia.