Unha débeda con Ferrín

Gonzalo Hermo, á esquerda, nun acto con Ferrín CC-BY-SA Cedida / Gonzalo Hermo

Coñecín a Ferrín aos dezaseis anos, cando estudaba o bacharelato. A miña profesora de lingua galega púxome un libro amarelado e inzado de notas enriba do pupitre e espetoume: «Aquí tes o mellor escritor galego vivo». Era un exemplar de Con pólvora e magnolias. Daquela non tiña idade para comprender de todo o alcance dos seus versos, pero quedaron en min reverberando coa obstinación desas melodías que un escoita unha vez e xa non esquece. Non sabía quen eran Safo, Bembo nin Kerouac, pero descubrín que a palabra poética é aquela que toca o memorable. Aprendín de memoria poemas enteiros de Con pólvora que aínda podo recitar sen dubidar nunha coma. Axiña decidín que quería ser poeta. En realidade, quería ser Ferrín. Nunca deixei de querer selo. 

Gonzalo Hermo, á esquerda, nun acto con Ferrín CC-BY-SA Cedida / Gonzalo Hermo

Estes días regreso á súa obra e atopo de novo a emoción que sentía ao lelo cando era adolescente. Teño diante de min a Poesía reunida que Anxo Angueira preparou para Xerais. Abráiame comprobar que aquel primeiro Ferrín de Voce na néboa, publicado cando tiña vinte anos, era xa un poeta feito, consciente da tradición e, ao mesmo tempo, radicalmente singular. Avanzo na lectura e sinto latexar «o corazón da Europa campesina / que todos temos dentro sen dicilo» e podo igualmente, nun aquel rebuldeiro e algo beatnik, retrucarlle aos mods: «Viñéchedes das camadas medias e opulentas de Galicia / a predicar o sarcasmo: Heriberto ódiavos». Reencóntrome co pouso da épica de Pondal, da audacia de Manuel Antonio, da fermosa melancolía de Cunqueiro: os mellores. E con nada deles, en realidade, porque o poeta fai estourar esa tradición para fundar un territorio ao que somos convidados a entrar coma quen entra nun bosque. Non hai mapa nin compás. Só carballos, urces, algún claro. É alí, naquela fraga indómita, onde unha voz cosida polas feridas do século ecoa: «Reclamo a libertade pró meu pobo». 

Coñecín a Ferrín en 2008, no acto en que lle concederon o primeiro e único Premio Nacional de Literatura de Galicia, en tempos do bipartito. Eu estaba moi nervioso, pero achegueime a el. Non recordo que me dixo. Só lembro que me impresionou o seu porte, a elegancia serena do seu xesto. Lisquei en canto puiden, con cara de parvo e un remorso que me durou algún tempo por non estar á altura daquel encontro.

Logo coincidimos algunhas veces máis. Recitei con el na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, e en Compostela, na Chan da Pólvora. Sempre con vergoña. Nunca é doado coñecer os mitos: un ten medo a decepcionalos. A ocasión en que máis me arrisquei a conversar con el chameille algo así como «patriarca». Que parvada. Retrucoume que el só escribía versos ás veces. Facía gala dunha humildade que só se poden permitir os máis grandes. 

Hai cousa dun ano recibín unha chamada súa para agradecerme que lle dedicase un poema do meu último libro. Tal era a súa nobreza. Como non llo ía dedicar? As débedas hai que saldalas nalgún momento. Nese poema, alguén lle pide ao tempo que sexa xeneroso consigo. Ferrín non precisa pregar. O tempo é seu para sempre. Coidaremos da súa memoria. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.